A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

Unha eclipse “única nunha xeneración”. Así define a Fundación Nacional de Ciencias de Estados Unidos (NSF, polas súas siglas en inglés) a gran eclipse solar do vindeiro luns 8 de abril. Poderá verse de forma total dende algúns países e de maneira parcial dende outros puntos do planeta. Este fenómeno astronómico que ocultará o Sol será o único visible dende os Estados Unidos ata 2044. En Galicia poderá verse durante uns poucos minutos durante o seu inicio, xusto cando a Lúa empeza a tapar ao Sol. Poderá contemplarse no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra, a partir das 21.00 horas de maneira parcial. Iso si, serán importantes as condicións meteorolóxicas pada poder contemplala no seu máximo esplendor.

Unha eclipse solar total ocorre cando a Lúa pasa entre a Sol e a Terra bloqueando a cara da estrela. Desta maneira, as persoas que poidan observar a eclipse onde a sombra do satélite cobre completamente ao Sol experimentarán un eclipse solar total. O ceo vaise escurecer e se o tempo o permite, a xente poderá ver a coroa do Sol, que é a parte que adoita estar escura pola luz brillante da estrela. Como explica a NASA, este é o único tipo de eclipse onde os espectadores poden quitar as lentes, pero non ocorrerá así na comunidade. En Galicia si que haberá que utilizar protección visual xa que é un eclipse parcial. Neste caso, a franxa por onde pasa a sombra da eclipse empeza no Océano Pacífico. A traxectoria do eclipse total atravesa México, cruza Estados Unidos dende Texas ata Maine e chega a Canadá.

Publicidade

Como explican os profesores da Universidade de Guadalaxara (UDG) Alejandro Márquez e Ramiro Franco en The Conversation, a eclipse observarase de maneira parcial nos Azores, Madeira, Canarias, no extremo noroeste de Portugal e Galicia e Islandia. Segundo a aplicación Time and Date, en Galicia poderá verse a partir das 21.02 horas. Concretamente, o seu máximo esplendor terá lugar aproximadamente ás 21:06, pero en cada rexión o horario e o grao de ocultación é diferente. Por exemplo, dende a praia de Langosteira na Costa da Morte, ás 21:02 horas empezará a eclipse parcial, o momento no que o bordo da Lúa toca o bordo do Sol, denominado “primeiro contacto”; ás 21:07 horas terá lugar o punto máis profundo da eclipse, cando o Sol se atopa no seu momento máis oculto; ás 21:10 o Sol estarase poñendo; e ás 22:45 horas, a eclipse parcial rematará, de maneira que o bordo da Lúa sae do bordo do Sol.

A zona coloreada do mapa corresponde aos lugares dende os que se pode observar a eclipse. Foto: Time and Date

A Costa da Morte pode ser un lugar idóneo para observar este fenómeno astronómico. É probable que na provincia coruñesa se observe moito mellor que no sur da comunidade. Se o Sol se atopa cerca do horizonte, os expertos recomendan buscar un punto alto así como atopar unha área sin obstáculos visuais, co ceo completamente aberto. Non está recomendado empregar lentes de Sol comúns, senón aquelas certificadas que cumpran coa norma ISO 12312-2. Como explican os profesores da Universidade de Guadalaxara no artigo en The Conversation, “a luz UV produce un padecemento chamado fotoqueratite, que consiste en ardor, sensación de suciedade no ollo e perda da agudeza visual. Tamén podemos sufrir da formación de cataratas e dexeneración macular irreversible”. Para aqueles que no poidan observar a eclipse, existen varias páxinas web como a NASA.gov ou Exploratorium.edu que transmiten o fenómeno en vivo.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro