
Explicación: Voltou! Endexamais se predicira antes a observación dunha supernova. O singular evento astronómico ocorreu no campo do cúmulo de galaxias MACS J1149.5+2223. A maioría das manchas brillantes da imaxe publicada son galaxias deste cúmulo. A supernova real, alcumada supernova Refsdal, aconteceu ben lonxe, ao outro lado do Universo, por detrás xusto deste masivo cúmulo de galaxias. A gravidade fixo que o cúmulo actuara coma unha lente gravitatoria masiva, dividindo a imaxe da supernova Refsdal en múltiples imaxes brillantes. Unha destas imaxes chegou á Terra hai uns dez anos, probablemente a do círculo vermello superior, e perdeuse. As catro imaxes máis brillantes chegaron en abril, no círculo vermello inferior, espalladas ao redor unha galaxia masiva do cúmulo e sendo a primeira supernova de Cruz de Einstein. Pero había máis. As anélises desvelaron que unha sexta imaxe da brillante supernova probablemente aínda estaría de camiño á Terra e chegaría durante o ano seguinte. A comezos deste mes, de acordo co programado, esta sexta imaxe brillante foi recuperada, no círculo vermello do medio, tal e como se predicira. O estudo de secuencias de imaxes coma esta axudan á humanidade a comprender como se distribúe a materia en galaxias e cúmulos, como de rápido se expande o Universo e como explosionan as estrelas masivas.
GCiencia realiza unha reserva expresa das reproducións e usos das obras e outras prestacións accesibles desde este sitio web a medios de lectura mecánica ou outros medios que resulten adecuados a tal fin de conformidade co artigo 67.3 da Real Decreto - lei 24/2021, do 2 de novembro // Auditado por GFK












