Un novo estudo publicado na revista científica Animal Biotelemetry, describe como inflúe o ambiente nos movementos estacionais do peixe lúa (tamén coñecido en galego como orellán e con nome científico Mola mola) no Atlántico nordés: Environmental influence on the seasonal movements of satellite-tracked ocean sunfish Mola mola in the north-east Atlantic.
Neste traballo exponse determinar o uso do hábitat dunha singular especie mariña migratoria, neste caso o orellán, xa que podería ser importante para a comprensión das respostas ante un cambio climático, podendo axudar á posta en marcha de medidas de xestión e conservación.
De forma xeral, o estudo da selección e uso do hábitat mellorou nos últimos anos mediante a combinación de datos oceanográficos obtidos con telemetría, e técnicas innovadoras de rastrexo dos animais. Aínda que xa existen estudos de seguimento por satélite nos orelláns, é limitada a información dispoñible acerca das preferencias ambientais destes peixes. No estudo mencionado, os movementos horizontais e comportamento de mergullo do orellán exploráronse á vez cos factores ambientais que inflúen no uso do espazo desta especie no Atlántico nordés.
A selección do hábitat dos peixes marcados (n = 22 individuos; 0.6-1.4 m de lonxitude total), que se investigou empregando transmisores Argos e PSATs (ata 171 días, cunha media de 66 días), revelou movementos estacionais: cara ao norte na primavera-verán e cara ao sur nos meses máis fríos. Este peixe pasa importantes períodos en tres extensas áreas: o golfo de Cádiz, o nordés ibérico, e o mar de Alborán, caracterizados por posuír frontes oceánicas e unha alta produtividade. Ao modelar o hábitat achouse que a temperatura da superficie do mar e os gradientes térmicos inflúen de xeito significativo na distribución deste animal. Os mergullos que practicaron, entre a superficie e os 704m de profundidade, revelaron diferentes patróns non ligados á área xeográfica ou a estratificación da columna de auga.
Como conclusión, os individuos de maior tamaño realizan maiores desprazamentos, alcanzan maiores profundidades e pasan máis tempo no fondo. Segundo outro estudo recente publicado na prestixiosa revista Journal of Animal Ecology (Nakamura et al. 2015), os movementos verticais están asociados á súa estratexia alimenticia. Este traballo conclúe que adquiren a suficiente temperatura en superficie para descender a augas máis profundas (100-200 m), fóra do seu rango preferente de temperaturas (16-17ºC), onde se alimentan de sifonóforos.
Referencia: Environmental influence on the seasonal movements of satellite-tracked ocean sunfish Mola mola in the north-east Atlantic.
Lara L. Sousa, Nuno Queiroz, Gonzalo Mucientes, Nicolas E. Humphries and David W. Sims
Animal Biotelemetry, 2016, 4:7
DOI: 10.1186/s40317-016-0099-2© Sousa et al. 2016
Os desprazamentos verticais que realiza o pez lua,según os estudos teñen que ver coa estratexia alimenticia.
Cáles son as diferencias de alimentacion a esta maior priofundidade??
Existe una relacion directa tamén coa estratexia reproductiva desta especie a estas profundidades??