O salmón volve remontar os ríos de Galicia. Hai 30 anos, a finais dos 80, vivía a piques da extinción. Pero un intenso plan de repoboamento permitiu o retorno deste peixe, moi sensible á contaminación, malia os problemas cos encoros nas principais cuncas galegas.
Para ilustrar a recuperación do salmón, os investigadores Manuel E. Garci (de Bioimaxe) e Gonzalo Mucientes (de Ecoloxía Azul) están a preparar un documental que recolle imaxes en vivo do desove de salmónidos nos ríos Ulla, Tea, Miño e Lérez. “É un fito gravar en Galicia estas escenas, que amosan como as femias fan a cama para poñer os ovos fecundados polos machos”, explica Garci, realizador do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) e que acumula premios de cine subacuático, como dous no último festival de San Sebastián polo seus audiovisuais SyngDOC’ e ‘Mareas Vermellas’.
Garci e Mucientes suman longas xornadas de gravación para este documental, do que GCiencia ofrece imaxes en primicia. “Deixamos cámaras subacuáticas durante horas para sorprender aos salmóns”, explica Garci: “o resultado é un proceso moi activo, no que os machos loitan entre eles para fecundar os ovos, mentres as femias moven as pedras para facer as camas de desove”.
[box size=”large”]Os salmóns volven tras unha longa viaxe ata Islandia, Terranova ou Groenlandia[/box]
Os salmóns fan un longo camiño para regresar aos ríos galegos. Tras criarse nas concas fluviais, saen ao mar e percorren incribles distancias ata Islandia, Terranova ou Groenlandia. Pasados dous anos, regresan aos mesmos ríos onde se criaron, para depositar os seus ovos e morrer.
Este proceso volve ser posible en Galicia grazas a un intenso programa de repoboamento que comezou hai case trinta anos. Porque o salmón estaba a finais dos anos 80 en situación de pre-extinción, castigado pola contaminación das concas e polos encoros que lle impedían remontar os ríos. Pero no ano 1992 comezaron estudos científicos no río Ulla, seguidos dun plan para retirar presas sen uso, mellorar a accesibilidade con pasos para peixes, unha regulación máis estricta da pesca e, sobre todo, a recuperación do salmón autóctono.
Centos de exemplares reprodutores foron capturados nos ríos Ulla, Tea e Lérez. Levados aos acuarios de Carballedo, foron criados alevíns que, a partir de 1997, foron soltados nos tres ríos. “Foi un traballo de moitos anos que agora dá os seus froitos”, afirma o biólogo Pablo Caballero, xefe de Medio Ambiente en Pontevedra.

Os salmóns criados son marcados, cortando a súa aleta adiposa -un resto evolutivo que non ten xa función ningunha- ou nalgúns casos cun dispositivo electrónico. “Grazas a isto, sabemos que os soltamos en Galicia pero que viaxan ata a costa norte de América”, explica Caballero, “e tamén podemos estimar cantos veñen de volta”. O resultado é un éxito: máis do 80% destes salmóns salvaxes autóctonos galegos recuperados volven ao mesmo río onde se criaron.
Paralelamente, Medio Ambiente da Xunta colabora con institucións académicas para estudos sobre o salmón galego. Dispoñen dun banco de escamas de salmóns dende os anos 50 do século XX, o que permite facer comparacións de ADN coas poboacións actuais. E traballan agora nun proxecto para analizar a recuperación dos salmónidos en varios ríos europeos, nun programa financiado pola UE.
As imaxes para o documental foron gravadas ao longo do mes de decembro de 2017. “O salmón comeza a entrar nos ríos galegos a partir de marzo”, explica Garci, “e van remontando, buscando as zonas máis movidas e osixenadas”. O momento cumio do desove está entre os meses de novembro e decembro. A gravación en zonas de rápidos dificultou aínda máis os traballos, realizados xunto a Gonzalo Mucientes, tamén un dos grandes divulgadores científicos a través da imaxe co seu grupo Exoloxía Azul-Blue Ecology.