Aforamentos de políticos, de leiras… e de teatros?

“Entrada libre ata completar o aforamento”

Así remataba un convite a un acto, que me chegou hai poucos días á caixa de correo electrónico. Eu tiña claro que o aforamento é unha prerrogativa que se lles concede a determinados cargos públicos que lles permite ser encausados e procesados por tribunais diferentes -previamente sinalados- aos que lles corresponderían se fosen tratados como cidadáns comúns. Pero non me soaba que en galego se usase para referirse á ‘cantidade de persoas que poden acceder legalmente a un recinto’, tal e como se facía nesa mensaxe.

Publicidade

Unha consulta rápida ao dicionario confirmou a miña intuición: os significados de aforar e de aforamento (aforo xa nin aparece) remiten só a cuestións relacionadas coa historia política (outorgar foros a un lugar) ou económica (dar ou tomar a foro unha propiedade). Xa que logo, precisamos unha palabra galega que substitúa a aforamento en contextos coma o do convite inicial.

A palabra que estamos buscando é cabida (ou tamén capacidade), definida pola Academia Galega como ‘espazo interior dun recipiente ou continente, dun local etc., considerado en función do que pode conter nel’. A definición pode parecer pouco precisa, pero o exemplo que a acompaña (Este cine ten cabida para duascentas persoas.) aclara todas as dúbidas.

Publicidade

Por iso, deixemos os aforamentos para os textos de historia ou para as informacións de tribunais, e lembrémonos de empregar fórmulas como Entrada libre ata completar a capacidade ou Entrada libre ata completar a cabida cando fagamos anuncios de conferencias, actuacións e eventos semellantes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O IGFAE colabora na detección da fusión de buracos negros máis grande xamais observada

Os centros LIGO-Virgo-KAGRA anuncian a identificación dunha onda gravitacional que abre novas perspectivas no estudo destes eventos cósmicos

A RAGC entrega os seus premios anuais de transferencia, divulgación e xornalismo

Os avances de NeurObesity e o grupo I+D Pharma foron recoñecidos xunto ao traballo de Galiciencia e Lucía Cancela

Deseñan na USC modelos 3D para reproducir un tumor con fibras de hidroxel

O estudo permite a simulación tridimensional nunha única fibra estable que facilita a manipulación experimental en tres fases: líquida, xel e gas

A virxe ao servizo da física (ou como reconstruír a historia do clima con procesións)

As rogativas católicas para pedir a intervención divina na meteoroloxía complementan as ferramentas científicas das que dispón a paleoclimatoloxía