O mundo do blockchain adoita reducirse a bitcoin, pero hai moito máis. Foto: Pixabay.
O mundo do blockchain adoita reducirse a bitcoin, pero hai moito máis. Foto: Pixabay.

Non só bitcoin

As grandes oscilacións nas cotizacións das criptomoedas xeran ruído e especulación; pero detrás delas hai moito máis

Recentemente produciuse un evento moi agardado polos criptofans: Bitcoin superou o seu máximo histórico, chegando a acadar os 60.000 dólares a mediados de abril. Unha sensación de euforia que, pouco tempo despois, estivo sucedida dunha forte caída. A superación deste máximo é un indicador do moito interese que xera a tecnoloxía blockchain como sistema de intercambio de valor.

Se acabades de chegar a cripto, o que pasou nos últimos meses lembra moito ao decembro de 2017, no que se produciu un “rally” alcista que multiplicou por 20 os prezos con respecto ao comezo de ano. Algo pouco habitual nos activos financeiros e que nos advirte do risco do activo. Pero despois da festa, adoita chegar chega a resaca, e os anos 2018 e 2019 tiveron outros protagonistas, pero non subidas de bitcoin precisamente. Así que a pequena espiña que se quitou a comunidade cripto en semanas pasadas ten dous anos de tamaño. E hai moita incerteza sobre o que pasará a curto e medio prazo.

Bitcoin foi, de novo, tema de tendencia en Twitter e tamén xerou impacto en prensa. Así, o ruído mediático xunto coa euforia xeral, propicia a chegada de xente nova a cripto, o cal é xenial. De feito, este blogue é, en boa parte, para a xente que está a empezar. Así que permitídeme que me quede tranquilo e volo diga:

É posible que os que xa tendes unha certa idade recordedes un programa de televisión chamado Nosolomusica, presentado pola carismática Kay Rush. Aínda que a música tiña un lugar especial, como o seu nome indica, o programa trataba de moitas máis cousas. De igual forma, nesta edición quero falarvos non só de bitcoin. Para animar a lectura, hoxe elixín unha das cancións que utilizaban habitualmente no programa: Don’t think de Lali Puna. Déixovos aquí a letra, que é aplicable a moitas situacións, e creo que tamén ao artigo de hoxe. Podes lela de novo ao acabar o artigo:

Don’t think

I’m too slow for you talking

So quick your mouth moves

Can’t think

As I am answering your questions

But you won’t listen anyway

I could be mute

Non só bitcoin

Aló vai case a metade de 2021, e hoxe a festa do blockchain ten unha valoración de 1600 millóns de dólares, cando ao inicio do ano era apenas a metade. E como digo sempre, mañá pode ser cero. Na guía para iniciarse en cripto e blockchain falábavos das páxinas de información como Coinmarketcap. Nelas poden atoparse moitos  datos importantes para que vos informedes e tomedes as vosas propias decisións.

Algúns lectores escribíanme para dicirme que ao entrar nesas páxinas sorprendíalles a cantidade de criptomoedas diferentes que existen. Outros lectores máis curtidos reflexionaban que lles resultaba moi difícil poder seguir os novos proxectos de criptomoedas. Creo que estas cousas pásannos a case todos. E son outro indicador da potencia de blockchain.

Estes días falouse moito da suba e posterior caída de bitcoin. Pero, e o resto das criptos? Que hai alén de bitcoin?

Fonte: Coinmarketcap.
Fonte: Coinmarketcap.

No gráfico anterior podes ver que parte do “pastel” total das criptomoedas ten cada proxecto. Alá por 2013 bitcoin era o rei con máis do 90% da valoración total.  Ethereum no 2017 ameazou o reinado de bitcoin. A semana que vén falaremos da importancia capital da segunda moeda máis importante e os chamados “Smart contracts”. Posteriormente no 2018 o resto das criptos puxéronse en segundo lugar cun meritorio 20%. Actualmente bitcoin ten un 60% e Ethereum e o resto un 15% cada unha.

Co pastel xa partido, degustemos os distintos “sabores” que nos ofrecen. Noutras palabras, para que serven o resto de criptomoedas. Esta é unha clasificación moi persoal, e seguramente mellorable, dos tipos de criptos con algúns exemplos:

  • Moedas: Sistemas de pago e reserva de valor.  Bitcoin, Litecoin, Ripple, Dash…
  • Moedas con privacidade: A súa cadea de bloques está encriptada. Monero e Zcash.
  • Moedas de casas de cambios: Creadas por exchanges para dar vantaxes aos usuarios que as teñan. BNB de Binance, CRO de Cripto.com
  • Moedas de valor fixo centralizadas: Unha organización encárgase de que o seu valor sexa o mesmo có dólar. USDT, USDC, BUSD
  • Moedas de valor fixo descentralizadas: manteñen a paridade co dólar sen necesidade dunha organización central. DAI e a súa organización descentralizada Maker.
  • Plataformas de smart contracts: permiten non só intercambiar valor, senón crear “contratos” na blockchain. Ethereum é a primeira e máis importante. Existen moitas outras como EOS, Tron, Stellar, Tezos, Cosmos, Algorand…
  • Servizos para smart contracts: ofrecen servizos para unha ou varias plataformas de  smart contracts. Chainlink ofrece oráculos, Polkadot ofrece interconexión, The Graph ofrece indexación…
  • Servizos específicos sobre smart contracts: Filecoin é un mercado de compra e venda de espazo de disco na nube. IOTA céntrase na internet das cousas. Blockstack nas  aplicacions descentralizadas (Dapp). Revain en xestionar reviews. Theta céntrase no vídeo en streaming. E moito, moito máis.
  • Plataformas para crear organizacións autónomas descentralizadas (DAO). Aragon,  Moloch.
  • Plataformas de DeFi ou finanzas descentralizadas. Permiten intercambiar criptos, pedir ou deixar en préstamo criptos, produtos derivados; sen a necesidade dunha organización central. Uniswap, Aave, Yearn Finance, Sushiswap ou Sinthetix.
  • E máis…

Sorprendido? E quen non!

Evidentemente unhas oscilacións tan grandes como as das últimas semanas fan desconfiar a calquera. Pero o mundo blockchain é moito máis ca subidas e baixadas; é unha nova forma de intercambiar valor, é unha nova industria que se está creando, é experimentación cos seus riscos asociados, é innovación, é especulación, é investimento, é tecnoloxía, é psicoloxía, é… non só bitcoin.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.