Agora chega a eclipse da ‘superlúa de sangue’

Unha eclipse total de Lúa terá lugar na madrugada do día 28 de setembro e será visible dende a totalidade de Europa, África e América. Ese día, a Lúa estará en fase chea e verase particularmente brillante e de gran tamaño aparente (Superlúa), por atoparse no punto da súa órbita máis próximo á Terra, o Perixeo, uns 50.000 quilómetros máis próximo que cando se encontra no punto máis afastado, o Apoxeo. A eclipse total comezará ás 2.12 (hora peninsular española) da madrugada, cando o noso satélite entrará na zona de penumbra creada polo noso planeta. A totalidade, cando a Lúa se atope completamente escurecida, iniciarase ás 4.11. E chegará ao seu máximo ás 4.48, para rematar ás 5.23. O último contacto coa penumbra terá lugar ás 7.22 da mañá, cando o noso satélite recuperará o seu brillo completo. A observación das eclipses lunares pode realizarse sen precaucións. Contrariamente ás eclipses de Sol, non presenta absolutamente ningún perigo.

Esta eclipse provocará o fenómeno popularmente coñecido como Lúa de sangue, que proporciona ao satélite unha brillante cor cobreada. A NASA explícao literariamente na súa previsión do evento: “Imaxínate de pé nunha poeirenta chaira lunar, mirando ao Ceo. Sobre a túa cabeza colga a Terra, coa noite cara a abaixo, ocultando por completo o Sol que ten detrás. A eclipse está en marcha. É de esperar que a Terra se vexa completamente escura, pero non é así. O bordo do planeta está en chamas! A medida que o teu ollo percorre a circunferencia da Terra, estás a ver cada amañecer e cada atardecer no mundo, a todos eles xuntos. Estes incribles fulgores de luz que apuntan ao centro da sombra da Terra énchena cun brillo cobreado e transforman á Lúa nunha grande esfera vermella”.

Publicidade

A propia NASA creou este vídeo (en inglés), que explica o fenómeno desta esperada eclipse de superlúa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.