Venres 29 Marzo 2024

Harald Zur Hausen: “Ao redor do 20% dos cancros teñen orixe nunha infección”

“Ao redor do 20%  dos cancros poden estar causados por infeccións víricas ou doutro tipo” esta é afirmación do Nobel de Medicina Harald zur Hausen na súa visita a Santiago invitado polo programa ConCiencia, iniciativa de divulgación científica patrocinada polo Consorcio de Santiago. O científico do German Cancer Research Centre da Universidade de Heidelberg en Alemaña recibiu o Premio Nobel en 2008 polas súas investigacións sobre o cancro de colo de útero demostrando que en practicamente todos os casos o cancro fora infectado polo papilomavirus humano.

A comunidade científica rexeitou as súas teses, pero rematou gañando o Nobel

Harald zur Hausen sempre estivo convencido de que o cancro de colo de útero era provocado por unha infección, pero descoñecía cal e nun principio centrou as súas investigacións no herpes xenital. O científico xa conseguira relacionar outros virus con cancro en estudos anteriores a través dos restos de ADN que deixa o virus nas zonas afectadas pola enfermidade. Decidiu centrarse no cancro de colo de útero pola especial incidencia da enfermidade. Tras enfrontarse á comunidade científica conseguiu demostrar que  células afectadas polo cancro non só tiñan restos de ADN do papilomavirus humano, senón que ademais estes condicionan o seu comportamento, o que demostra que o provoca.

Publicidade

100 millóns de vacinas

Segundo informa a USC, o premio Nobel explica que nun principio o seu descubrimento non suscitou o interese das farmacéuticas, pero que na actualidade hai máis de 100 millóns de nenas vacinadas contra o virus do papiloma humano en todo o mundo. A infección xenital co virus do papiloma humano (VPH) é a enfermidade de transmisión sexual máis frecuente no mundo e o cancro de colo de útero é o segundo máis frecuente entre mulleres. Zur Hausen defende a vacina como o mellor método de prevención e considera que non só se debería vacinar as nenas senón tamén aos nenos xa que os homes son os principais transmisores do virus e hai exemplos de cancro causados polo papilomavirus en varóns. En canto á súa efectividade, o científico explica que haberá que agardar para ter datos concretos posto que o tempo medio que pasa entre que se produce a infección ata que se desenvolve o cancro é de 15 a 20 anos e a vacina só se aplica dende o 2006.

Os efectos secundarios da vacina son de 1 caso por cada 100.000 aplicacións

Fronte aos que o acusan de defender o interese das farmacéuticas, o investigador alemán asegura que o custe da vacina é insignificante se o comparamos co custe do tratamento de cancro, ademais das consecuencias psicolóxicas, sociais e físicas de padecer a enfermidade. Recorda que, a pesar de que só un 5% das mulleres infectadas polo papilomavirus chegan a desenvolver cancro, a infección tamén ten consecuencias sanitarias menos graves, evitables coa vacina á que cualifica das máis seguras do mercado, con só un caso de efectos secundarios rexistrado cada 100.000 aplicacións da vacina.

Un virus nun 20% dos cancros

O Premio Nobel anima aos investigadores actuais a continuar esta liña de traballo xa que se estima que ao redor do 20% dos casos de cancro están causados por infeccións -víricas ou doutro tipo-. A súa afirmación basease nos datos derivados dos estudos de incidencia de diferentes tipos de cancro na poboación segundo o lugar de residencia que evidencia unha relación entre a enfermidade e as circunstancias ambientais dos que a padecen.

A visita de zur Hausen encádrase na novena tempada do programa de divulgación científica ConCiencia, grazas ao que xa visitaron a USC reputados investigadores como o John Nash, Heinrich Rohrer, Torsten Nils Wiesel, Richard R. Ernt, Michael Atiyah, Frank Wilczeck, Peter Lax e así ata máis dunha trintena de especialistas galardoados con premios Noble, medallas Fields, Premio Abel ou Turing, entre outros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Por que o cerebro dos vertebrados é tan complexo? A clave está en virus antigos

Uunha secuencia xenética derivada de primitivos retrovirus resulta esencial para producir mielina, a capa que protexe as fibras nerviosas

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T