Salustiano Mato

Ciencia galega e en galego

Artigo do reitor da Universidade de Vigo co gallo do I Aniversario de GCiencia

Salustiano MatoDesde o seu inicio, do que pronto se cumprirán 25 anos, a Universidade de Vigo experimentou un constante desenvolvemento da actividade investigadora nos ámbitos científico, tecnolóxico, xurídico- social e humanístico. Esta progresión e os resultados que dela se derivan son froito do traballo de centos de investigadores e investigadoras, que ao longo destas máis de dúas décadas amosaron o seu compromiso con todas as expresións da ciencia e tamén con esta institución académica que aposta firmemente pola investigación e a transferencia.

Xunto á docencia, a investigación e a transmisión dos resultados que dela se derivan á sociedade, son a nosa razón ser. Carreiras de longo percorrido, nas que o esforzo individual, pero tamén a complicidade, son determinantes á hora de acadar un éxito que sofre, e moito, os embates da crise económica. É por iso que desde a Universidade de Vigo continuaremos a traballar a prol da supresión dunha taxa de reposición que nos está a pasar unha factura inasumible á hora de reter e captar talento, implementando novas fórmulas como a de abrir un camiño distinto á funcionarización dos e das investigadoras.

Non é unha opción, senón unha obriga a que temos entre mans: a de defender un dos motores da nosa sociedade, ese que se alimenta do talento e o traballo dos nosos investigadores e investigadoras para impulsar o progreso colectivo. Esta non é unha tarefa doada, pero contamos con aliados especializados en trasladar á opinión pública o noso traballo e as nosas reivindicacións: os medios de comunicación. Nunha época de crise como a que estamos e moi especialmente eles están a sufrir, que un medio celebre o seu primeiro ano de existencia é unha ledicia e case un prodixio cando a súa especialidade é a ciencia e a súa lingua o galego. Parabéns, pois, GCiencia polo voso labor de divulgación, fundamental para que a sociedade coñeza e aprecie o traballo de miles de investigadores e investigadoras que día a día fan posible a existencia dunha ciencia galega e grazas a vós, en galego.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.