O primeiro aniversario de GCiencia bríndame unha dobre oportunidade. Dunha banda permíteme felicitar e dar as grazas publicamente a GCiencia polo seu extraordinario labor de divulgación da ciencia que se fai en Galicia, in short, da Ciencia Galega. Creo que GCiencia é un medio fantástico tanto desde o punto de vista técnico –formato, redes sociais– como de contidos. Moito ánimo porque a vosa tarefa é á vez importante e encomiable. Oxalá teñades o apoio suficiente para seguir moito tempo connosco. Doutra banda proporcióname unha ocasión excelente para escribir sobre o futuro da ciencia no noso país, o cal pasa sen ningunha dúbida por unha adecuada política de motivación, captación e retención do talento científico galego. Non é casualidade que queira incidir hoxe sobre este tema en concreto e que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) acabe de presentar o seu programa Oportunius, mediante o cal se pretende impulsar, parece que por fin e de verdade, a excelencia investigadora en Galicia.
[box size=”large”]Múltiples estudos demostran que o produto interior bruto dun país está directamente relacionado co gasto que fai en investigación[/box]
Pero por que é a excelencia investigadora importante para Galicia? Primeiro debemos lembrar que a investigación impulsa o desenvolvemento –múltiples estudos demostran que o produto interior bruto dun país está directamente relacionado co gasto que fai en investigación–, e loxicamente se esta investigación é excelente, o crecemento acelérase. A investigación excelente proporciona ademáis visibilidade, prestixio e atrae talento de fóra, de maneira que xera un efecto multiplicador en centros e institucións, non só a nivel científico se non tamén a nivel de recursos humanos, docentes –a posición nos rankings atrae alumnos– e a efectos económicos.
Son consciente de que a excelencia investigadora pode ser un mantra en boca de moitos, pero afortunadamente Europa creou en 2007 unha ferramenta claramente eficaz para identificala, o Consello de Investigación Europeo (ERC polas súas siglas en inglés; http://erc.europa.eu). O ERC, dirixido desde o primeiro momento por e para investigadores, foi quen de identificar e fomentar a excelencia investigadora europea a través de xenerosas subvencións, iso si, extremadamente competitivas. A principal misión do ERC é estimular a investigación de máis alta calidade en Europa, na fronteira do coñecemento e en todos os campos, cun enfoque explicitamente baseado no investigador e, isto é o realmente importante, coa excelencia científica como único criterio. O éxito do ERC foi tal que a día de hoxe a excelencia investigadora dunha rexión xeográfica, institución ou centro xa se está a medir rapidamente a partir do seu número de proxectos ERCs.
[box size=”large”] Non podo máis que aplaudir o programa Oportunius da GAIN para incrementar o número de investigadores ERC en Galicia[/box]
Se as miñas contas non fallan, os centros galegos conseguiron até o momento nove proxectos ERCs, mentres que en Cataluña hai máis de 110, unha diferenza que asemella demasiado grande. É por iso que non podo máis que aplaudir o programa Oportunius da GAIN, polo cal se pretende incrementar o número de investigadores ERC a través de distintas accións de formación e incentivación e das cales, sen dúbida, a máis atractiva e acertada é a oferta de estabilizar a calquera investigador que traia unha ERC a Galicia. Que menos. Espero que esta iniciativa do GAIN logre afinar os detalles burocráticos e reúna as condicións necesarias para consolidar un programa verdadeiramente atractivo, e por iso, efectivo. A diferenza doutros programas anteriores, o Oportunius utiliza, e isto é un acerto, o selo ERC, co cal o traballo está medio feito e a excelencia garantida. Ademáis, os investigadores ERCs son altamente rendibles e xeran máis recursos dos que gastan, de maneira que un programa deste estilo, se funciona, debería xerar só ganancias netas ao sistema. Outra vantaxe obvia de escoller á ERC como garante é que este proporciona unha vía perfectamente definida de entrada ao Oportunius. Calquera investigador (só fai falta un título de doutor e unha institución de acollida) pode presentarse a unha convocatoria da ERC. Aqueles investigadores de dentro e de fóra de Galicia que se consideren excelentes e queiran acceder ao Oportunius xa saben o que teñen que facer. Se realmente son excelentes, non deberían ter problema.
Por último, pero sobre todo, para ter éxito o programa Oportunius terá que contar coa disposición dos distintos axentes da investigación en Galicia, en particular das universidades, que deben de estar dispostas a romper dunha vez por todas cunha política atávica de distribución igualitaria dos recursos, moitas veces menos dependente de méritos e resultados que da antigüidade no posto. Veremos que acontece. Nun mundo cada vez máis móbil, as institucións e centros galegos interesados en elevar o seu nivel de investigación deberían facer un esforzo e usar esta oportunidade para reter e atraer investigadores excelentes. Traelos faranos simplemente mellores.