Venres 26 Abril 2024

A singularidade arqueolóxica e antropolóxica da necrópole da Lanzada

Scientific Reports publica un traballo dos investigadores do grupo EcoPast da USC que achega novas perspectivas para a análise dos solos cemiteriais

Comprender a unicidade da necrópole da Lanzada e afondar no coñecemento do proceso de formación do ‘Necrosol’, o tipo de solo existente nas superficies que foron empregadas como camposanto, é posible grazas a un estudo recente do grupo de investigación EcoPast da Universidade de Santiago (USC). 

Un equipo investigador conformado por Zaira García López, Antonio Martínez Cortizas, Noemi Álvarez Fernández e Olalla López Costas, analizou dende unha perspectiva multidimensional o chan desta coñecida necrópole situada no concello de Sanxenxo (Pontevedra) para dar a coñecer as características que singularizan o lugar e tamén o valor que este tipo de solos ofrecen cara á investigación arqueolóxica, antropolóxica e edafoxénica.  

Publicidade

Os resultados da súa investigación, que conta con financiamento das deputacións de Pontevedra e A Coruña, foron recollidos no último número da revista Scientific Reports. O artigo dá conta dos traballos efectuados en dous dos enterramentos da Lanzada e amplía a información sobre os procedementos útiles para a identificación de foxas. 

Procedementos para a identificación de foxas

Canda a detección no incremento de fósforo, unha das técnicas máis habituais na localización de enterramentos, as autoras apuntan que “hai catro procedementos máis nos que se debería poñer un foco de atención. Un deles, –a descalcificación–, sería específico de solos dunares como o que se atopa na Lanzada, pero os outros procesos –melanización, acidificación e neoformación de minerais secundarios– serían comúns co resto de necrosolos do mundo”

Tendo en conta que, en Galicia, debido á acidez do solo non se conservan moitos restos óseos das necrópoles descubertas, este tipo de traballo intenta abrir unha liña de investigación que nos permita achegarnos á realidade dos nosos antepasados. Cara a este fin encamíñase a tese doutoral da investigadora Zaira García López, primeira asinante do artigo.

Aplicación a casos forenses

Ao afondar nas transformacións que o solo experimenta por mor do contacto secular cos ósos soterrados, a investigación interdisciplinaria desenvolvida polo grupo EcoPast permite aplicar os resultados a casos forenses para saber se nalgunha área se depositou un corpo en descomposición e mesmo describir o ritual de inhumación que seguiron os habitantes da Lanzada no século VI d. C 

As autoras sinalan que malia que os nosos resultados son prometedores e proporcionan unha explicación axeitada para outras observacións, necesítanse máis estudos que consideren diferentes marcos cronolóxicos e materiais parentais para entender mellor a formación do Necrosol.

O recente estudo supón unha actualización dos traballos científicos promovidos pola Deputación de Pontevedra na necrópole da Lanzada, obxecto de escavacións en 2010, 2017 e 2021, que permitiron detectar 17 esqueletos e máis de 15.000 pezas arqueolóxicas, identificar restos de vivendas e instalacións produtivas, alén de coñecer a extensión do asentamento humano no lugar.


Referencia: Understanding Necrosol pedogenetical processes in post-Roman burials developed on dunes sands (Publicado en Scientific Reports)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións