3eData, novas tecnoloxías para obter información completa sobre o territorio

A start-up lucense aproveita os drons e o Big Data no deseño de novas ferramentas para o sector agroforestal

A aplicación das novas tecnoloxías para obter información sobre o sector forestal e outras actividades do campo galego é o principal obxectivo da start-up lucense 3eData, que naceu no ano 2016 pola iniciativa de tres enxeñeiros de montes do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER). Nos últimos anos non deixou de avanzar na exploración de novas posibilidades para desenvolver ferramentas que axuden a extraer información do territorio.

Marco Rubinos, un dos socios fundadores da empresa, explica que o proxecto naceu coa idea de ofrecer un servizo baseado nas investigacións que os seus promotores desenvolveran na universidade. “Partiamos dunha serie de tecnoloxías que contaban con elementos innovadores e, ademais, a aparición dos drons supuxo un pulo ao tratarse dunha ferramenta máis próxima ao terreo que facilitaba a posibilidade de ter un mellor servizo”, indica Rubinos.

Publicidade

3eData nace en 2016 como spin-off da Universidade de Santiago (USC) e o seu carácter innovador mantense ata hoxe en día, aínda que o tipo de servizos ofrecidos vai mudando. Na actualidade a empresa atópase nunha fase de desenvolvementos específicos no marco de proxectos europeos. No sector forestal crearon unha ferramenta para tratar os datos e convertelos en información co fin, por exemplo, de facer unha valoración do volume de existencias de madeira no monte.

Proxectos europeos

Actualmente a start-up lucense está a comercializar este tipo de servizos e outros que tamén se desenvolveron dentro de proxectos europeos e que teñen relación coa biodiversidade, coa calidade das augas e outros aspectos vinculados ao territorio. O sector agroforestal é o seu principal campo de actuación xa que hai moitas necesidades que atender neste terreo e os seus proxectos abranguen desde infraestruturas eléctricas ata os servizos de topografía e telemetría, pasando polo sector hidro-biolóxico o forestal e a gandería.

Publicidade

Os traballos realizados por 3eData comezan coa atención persoal aos clientes, xa que é fundamental establecer unha canle de comunicación permanente para comprender todas os aspectos da problemática a resolver e atender todas as necesidades durante o desenvolvemento do proxecto. A empresa mantén unha conexión directa cos centros de investigación para analizar as necesidades dos clientes coa última información científica dispoñible.

Rubinos apunta que o sector público é o que representa o maior volume de facturación aínda que non perden de vista aos clientes privados e, por exemplo, comezaron a comercializar o servizo de valoración de activos forestais aos rematantes de madeira.

Nos seis proxectos europeos nos que participan na actualidade contan con socios de distintos países e tamén con clientes internacionais que traballan en España. En todo caso no que atinxe á parte de enxeñería o seu traballo concéntrase no noroeste ibérico, xa que é o territorio ao que está adaptado o seu modelo.

“A xestión de proxectos europeos e a elaboración de modelos de desenvolvemento forman parte do ADN da empresa pero queremos ampliar sectores e vender máis servizos ás empresas privadas, especialmente do sector forestal”, sinala Rubinos, quen  destaca tamén os apoios familiares e institucionais cos que contaron para o desenvolvemento da empresa, especialmente os da aceleradora Vía Galicia e os do Igape e a Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia. 3edata tamén colabora co Polo Aeroespacial de Rozas para desenvolver ferramentas de análise do territorio.  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia

Radiografía do piropo galego: da sedución á complicidade a través do humor

A investigadora Estela Fidalgo realizou un estudo con 100 persoas para coñecer como mudan as estratexias comunicativas nas relacións afectivo-sexuais

O alzhéimer canino existe: a galega que analiza cerebros de cans para anticipar o diagnóstico

A investigadora Belén Larrán estuda unha doenza que causa desorientación e ansiedade, e afecta máis da metade dos individuos maiores de 15 anos

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución