Mércores 8 Maio 2024

Mar de plástico: arte para denunciar o dano que lle facemos aos océanos

Os científicos non deixan de lanzar advertencias. A inxente cantidade de plástico que botamos ao mar vai camiño de converterse nun problema medioambiental irreversible. Peixes e mamíferos mariños que morren a moreas atrapados nestes compostos, ou despois de inxerilos, confundíndoos con alimento. A resposta cidadá é tamén cada vez maior, como as iniciativas que avogan por reducir o uso de plásticos na nosa vida diaria.

Neste senso, o Aquarium Finisterrae dos Museos Científicos Coruñeses acolle, desde comezos de ano, a mostra Mar de Plástico, producida pola asociación Mar de Fábula e o colectivo artístico Retoque Retro. Son 85 obras artísticas realizadas a partir das grandes cantidades de lixo que estas entidades recolleron nas súas actividades de concienciación polas costas galegas.

Publicidade

Pezas da mostra 'Mar de plástico'. Imaxe: Museos Científicos Coruñeses.
Pezas da mostra ‘Mar de plástico’. Imaxe: Museos Científicos Coruñeses.

Mar de Fábula é unha asociación sen ánimo de lucro que adoita organizar xornadas de limpeza de praias e outras iniciativas de sensibilidación sobre o problema que supón o lixo mariño. Ao longo destes meses, os membros da entidade están a impartir talleres experimentais e conferencias relacionadas coa exposición.

A súa actividade está incluída no Programa Obxectivo 14 do Aquarium Finisterrae, que engloba as exposicións, actividades e talleres do museo destinadas a contribuír a cumprir os obxectivos da Axenda 2030 da ONU relacionados coa conservación do océano.

A exposición, que permanecerá aberta ata finais do mes de xuño, pode visitarse no horario de apertura do Aquarium Finisterrae (de luns a domingo, de 10 a 19 horas).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

O Aquarium Finisterrae reforma o sanatorio de focas: “Combinaremos todas as necesidades ambientais”

O museo coruñés remodela no seu 25 aniversario a área de curación dos animais mariños

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade