Sábado 27 Abril 2024

Identifican dúas novas especies de cefalópodos na ría de Vigo

Coñecer mellor as primeiras etapas de vida dos cefalópodos é un aspecto clave para mellorar o achegamento científico a estas especies. Alén de contribuír a unha mellor conservación destes animais, abre novas vías para conseguir a súa cría en catividade; un procedemento que, no caso do pulpo, podería contribuír á mellora do sector acuícola en Galicia.

Nesta liña, a investigadora Lorena Olmos Pérez acaba de presentar no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) os resultados da súa tese, titulada Ecology of cephalopod paralarvae in a seasonal upwelling system. O estudo aborda a diversidade, estrutura poboacional, morfometrías, dieta e distribución espacio temporal das paralarvas da ría de Vigo. Entre outros datos relevantes, a tese conseguiu identificar por primeira vez todas as paralarvas de cefalópodos capturadas a nivel de especie (revelando a existencia de 12 especies na ría de Vigo), e desvelou a posición exacta na columna de auga de cada unha delas.

Publicidade

Foi o primeiro rexistro de “Sepiola pfefferi” na Península e de “Sepiola tridens” na ría de Vigo 

Con esta investigación, conseguiuse tamén atopar por primeira vez Sepiola pfefferi en augas da Península Ibérica, e foi tamén o primeiro rexistro de Sepiola tridens na Ría de Vigo. “Ata agora, considerábase a existencia de catro grandes grupos de paralarvas na ría de Vigo: octópodos, lolixínidos, omastréfidos e sepiólidos. Grazas a identificación xenética, agora sabemos que, ademais de Octopus vulgaris, tamén existen tres especies de lolixínidos Loligo vulgaris (chipirón), Alloteuthis mediaeAlloteuthis subulata, (dúas especies de puntilla), unha de omastréfido Todaropsis eblanae (pota) e sete de sepiolas: Sepiola pfefferi, Sepiola tridens, Rondeletiola minor, Sepiola atlantica, Sepietta neglecta e Sepiola ligulata”, explica Lorena Olmos.

Ademais, Lorena Olmos empregou unha novidosa metodoloxía: unha multimanga para facer mostraxes a diferentes profundidades e técnicas moleculares novas tanto para identificar as paralarvas como para estudar a súa dieta.

“Unha das maiores dificultades ata o de agora en investigacións sobre paralarvas salvaxes era que, debido ao seu gran parecido, era imposible identificalas como especies; por tanto, clasificábanse a nivel de familia, o que traía consigo dificultades para comprender o ciclo biolóxico completo das distintas especies e para dar resposta a como lles afectan as condicións do medio mariño a cada unha”, explican os codirectores da tese, Ángel F. González e Álvaro Roura.

A tese ofreceu novos datos sobre a xenética, a dieta e a distribución das paralarvas dos cefalópodos

A investigación centrouse tamén en estudar a xenética das poboacións das distintas especies, o que puxo de relevo por primeira vez que as paralarvas das diferentes especies pertencen á mesma poboación. E desvelou tamén a dieta das dúas principais especies da ría: o polbo e a puntilla. “Sabíase que as paralarvas comen sobre todo cangrexos decápodos, pero grazas ás técnicas de secuenciación masiva puidemos identificar moitas máis presas. Ademais, detectamos cambios na alimentación segundo medran, e en diferentes condicións ambientais, o que achega novas ideas moi útiles para a cría en catividade de cefalópodos”, explica a autora.

Do mesmo xeito, o estudo da distribución espacial e temporal das paralarvas tamén achegou resultados interesantes. “Descubriuse que as tres especies de luras están distribuídas de xeito desigual, tanto ao longo do ano como da columna de auga, e en distintas zonas da ría. En canto ás sepiolas, pensábase que só estaban no fondo do mar, e non ascendían. Porén, ao facer a mostraxe coa rede multimanga en distintos estratos de profundidade, observouse que durante a noite ascenden lixeiramente, probablemente para alimentarse, e de día desaparecen”, explica a autora. Observouse tamén algo semellante no caso do polbo: “Pensábase que durante a noite estaban na parte máis superficial da columna de auga e durante o día baixaban a zonas máis profundas para evitar aos depredadores. Non en tanto, coa multimanga observouse que desaparecen ata os cinco metros de profundidade, pero son máis ou menos constantes no resto de estratos“.

A tese de Lorena Olmos recibiu a cualificación de sobresaínte cum laude e tamén unha mención internacional, e foi a primeira retransmitida en directo a través do Facebook do IIM. A doutora é licenciada en Ciencias do Mar e Ciencias Ambientais pola Universidad de Cádiz e realizou un máster en Cambio Global na UIMP, becada polo CSIC. Incorporouse en 2013 ao organismo para realizar a súa tese no IIM. Os seus estudos céntranse na ecoloxía mariña, oceanografía biolóxica e xenética de poboacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A reconquista da oliveira galega: “As súas características botánicas fana única no mundo”

Este venres presentouse o ‘Grupo Operativo’ do CSIC que traballa na recuperación do oliveiral tras séculos abandonado na comunidade

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia