Portugal produciu o 103,6% da enerxía que consumiu en marzo con fontes renovables

A sucesión de borrascas que afectaron ao noroeste da Península Ibérica no mes de marzo tamén deixaron pegada en Portugal. E alén de encher portadas sobre cifras de precipitacións e refachos de vento, conseguiuse outro fito no eido da enerxía. Segundo informou a Associação de Energias Renováveis (Apren), Portugal produciu durante o mes 4812GWh a través de enerxía renovable, o que supón un 103,6% do consumo do territorio continental do país (4647GWh) neste mesmo mes. O anterior máximo rexistrárase en febreiro de 2014, cun 99,2% do consumo cuberto con renovables.

Conseguiuse evitar a emisión de 1,8 millóns de toneladas de CO2

Os datos, que achegou a REN (Redes Energéticas Nacionais) supoñen “algo inédito, polo menos nos últimos 40 anos”, sinalou Apren nun comunicado. Nos momentos de máxima produción de enerxía renovable, como o 11 de marzo, chegouse a acadar un máximo do 143% da enerxía consumida no Portugal continental. Porén, noutros momentos do mes, as enerxías fósiles, como as centrais térmicas, e a importación tiveron que cubrir o abastecemento. Con todo, a cifra mínima de enerxía renovable no total da produción foi bastante alta, do 86%, o 7 de marzo.

Publicidade

Outro dos fitos que resaltan a importancia dos datos é que durante un período de 70 horas, que comezou o día 9, e outro de 69 horas, a partir do día 12, Portugal foi quen de se abastecer totalmente con fontes de enerxía renovables. Así, mesmo puido exportar 878GWh cara España, o que supuxo un saldo exportador positivo do 19%.

Fontes de enerxía

O 55% do consumo foi cuberto pola enerxía hidroeléctrica procedente dos encoros, mentres que o 42% procedeu da enerxía eólica. Neste senso, no país luso xa se están a desenvolver proxectos de xeración de enerxía eólica no mar, como o dun parque que se está a construír fronte a Viana do Castelo. O resto conseguiuse con biomasa e paneis solares, bastante minoritarios en Portugal.

Publicidade

Estes niveis de produción de renovables conseguiron evitar a emisión a atmosfera de 1,8 millóns de toneladas de CO2, o que supuxo tamén un aforro de 21 millóns de euros na adquisición de licenzas de emisión deste gas de efecto invernadoiro.

Segundo sinala Aprem, os datos “demostran a viabilidade técnica, a seguridade e fiabilidade do funcionamento do Sistema Eléctrico Nacional” e sinalan un acontecemento “histórico” do sector eléctrico portugués. Aínda que Portugal segue tendo un dos prezos da enerxía máis altos de Europa, os niveis de produción renovable supuxeron unha baixada do prezo medio do mercado diario, que foi de 39,75 €/MWh, inferior ao mesmo período do ano anterior (43,94 €/MWh), cando o peso medio das renovables no consumo foi do 62%.

O dato positivo de mes de marzo podería converterse en norma durante os vindeiros anos, segundo di a entidade portuguesa. “Esperase que ata 2040, a produción de electricidade renovable será capaz de garantir, de forma eficaz, a totalidade do consumo anual de electricidade no Portugal continental”. O goberno do país luso apostou nos últimos anos por un proxecto a longo prazo para enfocar cada vez máis a súa produción cara a enerxía renovable.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como detectar contaminantes na auga a través de materiais 3D: así é a solución da UDC

Investigadoras do CITENI desenvolven estruturas poliméricas que reteñen substancias nocivas e avalian a calidade do medio acuático

Unha aplicación da UVigo permite detectar contaminantes na auga a través do móbil

O proxecto Aquasense emprega dispositivos portátiles de baixo custo para facilitar a vixilancia ambiental en contornas con poucos recursos

Candeas e incenso, cando o suposto “benestar” contamina a casa

Desde o punto de vista da química atmosférica, ambos os xestos implican algo moito menos idílico: introducir unha fonte de combustión dentro do fogar

O equipo do CiQUS que “recicla” dióxido de carbono para lograr unha química máis sostible

O grupo liderado por Manuel Nappi publica un estudo no que se revela un novo mecanismo para activar o CO2 mediante luz