Óscar García, investigador do CiTIUS.

Óscar García, investigador do CiTIUS.

O CiTIUS descobre un modelo que mellora o rendemento dos servidores

A ferramenta, creada en parte a raíz da tese de doutoramento do investigador Óscar García, axiliza o procesamento dos datos

O grupo de Arquitectura de Computadores do CiTIUS da USC acaba de presentar os resultados dun traballo que permitirá avanzar na optimización dos servidores informáticos. Grazas á implementación de novos modelos de rendemento, conseguiron acelerar o acceso á memoria e, deste xeito, mellorar o funcionamento dos servidores. Segundo destacan desde a USC,  a disposición espacial dos elementos hardware nos servidores informáticos xogan un papel crucial e incide, por exemplo, no acceso á memoria. Este acceso é compartido, polo que, dependendo de cómo estea construído internamente o servidor, algúns dos núcleos que operan na memoria terán a capacidade de acceder a unhas partes dela máis rápido que outras.

Os resultados, que en parte se acadaron en base á tese de doutoramento do investigador Óscar García, permitiron desenvolver unha ferramenta capaz de obter a información xerada polos contadores hardware (os rexistros que dan conta do que acontece no procesador a tempo real). Grazas a isto, dunha forma moi cómoda para o usuario e cunha baixa influencia na actividade do equipo, é posible amosar os patróns de rendemento. Este resultado ten dúas implicacións positivas. Por unha banda, amósanlle aos programadores o camiño para mellorar o código e, por outro lado, permiten establecer estratexias orientadas á toma de decisións durante a execución dun programa, co obxectivo de mellorar as súas prestacións

Tamén conseguiron crear un sistema automático de migración de fíos

Os investigadores da USC tamén conseguiron crear un sistema de migración de fíos (pequenos fragmentos de programa que traballan de xeito conxunto pero que poden ser illados para a súa execución) que migra automaticamente estes fragmentos entre os núcleos dos procesadores. Desta maneira, búscase o mellor emprazamento posible para cada un deles e, en consecuencia, optimízase a súa execución en tempo real.

Na súa tese, o investigador Óscar García conseguiu validar a precisión do sistema de migración de fíos con ensaios baseados nos NAS Parallel Benchmarks, un banco de probas deseñado pola NASA para medir o rendemento dos computadores. Nesta comprobación executáronse ao mesmo tempo catro programas distintos nun servidor con idéntico número de procesadores, simulando un suposto no que catro usuarios se conectan á vez ao mesmo equipo. O investigador observou que se todos os programas se executan en procesadores que acceden aos seus datos da maneira máis eficiente posible, “as cousas sinxelamente funcionan ben, algo mellor do que habitualmente ocorre cando o encargado do reparto é o sistema operativo”. Pola contra, tan pronto como os programas len a memoria da maneira máis lenta posible, o rendemento “cae estrepitosamente sen que os sistema operativo poida facer nada para arranxalo”, explica García.

O equipo do CiTIUS realizou varias probas nas que se demostrou que, neste tipo de situacións, o sistema desenvolto pola USC conseguía mellorar un rendemento ata un 70 por cento. Segundo os investigadores, estes resultados poderían mellorar notablemente o rendemento en servidores con múltiples usuarios ao ser integrados o sistema operativo. Os autores do traballo tamén sinalan que “o salto cualitativo apreciarase especialmente en casos como os servidores de Internet ou nos dedicados a problemas de simulación científica ou técnica, porque se trata de situacións onde se executan programas con grande uso de memoria e un considerable número de fíos”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.