Venres 26 Abril 2024

Galicia, sen plans contra o radon co prazo da UE xa cumprido

Hai máis de catro anos, o 17 de xaneiro de 2014, o Boletín Oficial del Estado publicaba a directiva do Consello de Europa na que se indicaban as medidas que os Estados membros deberían tomar para protexer á poboación das emisións de radiacións ionizantes. Entre elas o gas radon, a segunda causa de cancro de pulmón no mundo, só por detrás do tabaco. Aquel texto marcaba en vermello unha data de prazo. Antes do 6 de febreiro de 2018, os Estados deberían poñer en vigor a normativa precisa para facer cumprir a directiva.

Algúns países da Unión, como Reino Unido, Francia, Italia ou Bélxica, levan tempo desenvolvendo iniciativas para controlar a exposición dos seus cidadáns a este gas radiactivo. En Reino Unido, por exemplo, o propio Ministerio de Sanidade é quen realiza as medicións, e tamén existen normas sobre a construcción dos novos edificios. Pero en España e en Galicia – unha das zonas con maiores niveis de radon de Europa – a norma é a ausencia de lexislación sobre este asunto.

Publicidade

E estamos preparados ante o cumprimento do prazo marcado por Europa? “Non”, responde Juan Manuel Barros Dios, director do Laboratorio de Radon de Galicia, da USC, e asesor da OMS en traballos realizadas polo organismo internacional sobre os perigos deste gas.

O investigador galego asinou en novembro deste ano, xunto a colegas como Alberto Ruano, un editorial nunha prestixiosa revista sobre enfermidades respiratorias na que denunciaba no que algúns Estados, como é o caso de España, “aínda non teñen un nivel de acción nin regulación acerca da protección contra o radon nas novas construccións”, a pesar de que o vencemento do prazo era xa inminente.

Barros lembra, con todo, que se vai publicar un Real Decreto coa trasposición da directiva, na que se definirán as actuacións precisas a nivel urbanístico e tamén laboral (un texto que estivo en fase e consulta pública a finais de 2017, segundo sinalou Fomento). Aínda así, o investigador destaca que “unha cousa é publicar a normativa e outra é que todos os sectores estean preparados para cumprila”.

Ventilar é unha medida positiva, pero insuficiente

A redución dos niveis de exposicion ao radon pasan, case sempre, por evacuar o gas para que non entre nas estancias cerradas das vivendas e reducir o nivel de concentración. Ademais de ventilar abrindo as fiestras, unha medida positiva pero non suficiente, cómpre colocar láminas illantes baixo o chan das vivendas, sistemas de ventilación desde o subsolo e reparar fendas nas paredes, entre outras actuacións.

Preocupación polo prazo

Aínda que segue sen haber pautas legais para evitar a exposición dos cidadáns a este gas, Barros sinala que a preocupación da sociedade foi en aumento. “Desde hai un ano, o número de grandes empresas e institucións públicas que teñen procedido a estudar o radon nas súas instalacións ten sido notorio”.

A nivel profesional, organismos como o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) amosaron o interese polas solucións construtivas ao problema. A finais de xaneiro, o COAG organizou en Santiago unha xornada monográfica sobre este tema, na que participaron Barros, Ruano e Borja Frutos, investigador do CSIC.

Con todo, o docente da USC bota en falta unha maior implicación, dados os niveis rexistrados no solo galego. As táboas de medicións realizadas polo Laboratorio de Radon, coas que se elaborou o Mapa do Radon de Galicia, amosan cifras preocupantes, sobre todo no sur de Galicia. Un 14,8% das vivendas analizadas en Pontevedra e un 21,2% en Ourense tiña niveis superiores a 300 bq/m3. En comarcas como O Morrazo, Verín ou Trives a porcentaxe medra ata o 30%.

Sen medidas 

Desde o Colegio Oficial de Geólogos de España tamén existe preocupación acerca desta situación. “Parécenos bastante descorazonador que as autoridades nin tan sequera presentaran un borrador de trasposición. A directiva establece específicamente a necesidade dun plan nacional”, expón Manuel Regueiro, presidente do organismo.

Este plan debería, entre outros aspectos, informar aos cidadáns e tamén “proporcionar axudas económicas para a remediacion dos edificios con problemas de radon, amais de incluír no Código Técnico da Edificación as normas para a prevención da exposicion ao gas dos habitantes dos futuros edificios”, explica Regueiro. Sobre as axudas, o Goberno central ten a intención de subvencionar as obras para reducir os niveis do gas, segundo anunciaron a pasada semana desde Fomento.

Edificacións

A ausencia de lexislación e de información en Galicia provoca que moitos propietarios e inquilinos de vivendas privadas descoñezan o nivel de radon existente nos inmobles. Nos edificios públicos e lugares de traballo as eivas tamén son frecuentes. Hai unha instrución do Consejo de Seguridad Nuclear publicada no BOE en 2012 que establece criterios de actuación en materia laboral, pero que tampouco se está aplicando en moitos dos casos, tal e como denunciou un informe de CC.OO. en colaboración co Laboratorio de Radon de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T