Biocaps celebra en Vigo un seminario sobre cancro de pulmón.

Biocaps celebra en Vigo un seminario sobre cancro de pulmón.

Biocaps de Vigo pon a súa diana no alzhéimer

200 investigadores participan no Congreso Internacional de Investigación Biomédica, que trata do envellecemento e as enfermidades neurodexenerativas

Participantes no congreso de Biocaps.

Participantes no congreso de Biocaps.

O 2º Congreso Internacional de Investigación e Innovación Biomédica, organizado polo Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo (IBI) no marco do proxecto Biocaps, congrega en Vigo a máis de 200 científicos de varios países de Europa para compartir os principais avances sobre o campo do envellecemento desde un enfoque multidisciplinar. Durante o acto de apertura do congreso a coordinadora de Biocaps, África González, expuxo que o envellecemento é un campo de investigación prioritario para o conxunto da Unión Europea, “e moi especialmente para Galicia, a rexión máis envellecida de España, cunha esperanza de vida para os homes de 78,2 anos e de 82,5 anos para as mulleres”. Pola súa banda Asunción Longo, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, destacou as expectativas postas na cita científica para “compartir ideas, establecer novas colaboracións e abrir vías para a transferencia de coñecemento”, ao tempo que insistiu na “importancia estratéxica” de Biocaps para a entidade académica que representa.

Como “un dos maiores retos aos que nos enfrontamos en Europa, xa que implica unha adaptación profunda do nos sistema de saúde”, referiuse a directora xeral de Innovación da Consellería de Sanidade, Sonia Martínez Arca, ao envellecemento. Martínez tamén destacou na súa intervención que “en só uns meses de vida, Biocaps logrou establecerse como unha referencia en investigación e transferencia de tecnoloxía no ámbito biomédico”.

Biocaps sumarase en 2015 á busca de biomarcadores do alzhéimer que permitan adiantar a idades temperás o diagnóstico desta enfermidade neurodexenerativa. Carlos Spuch, que liderará o grupo, desvelou no marco do congreso que diversos estudos demostran que os cambios en hábitos de vida poden atrasar o desenvolvemento da enfermidade ata dez anos, unha “barbaridade en cuestión de diñeiro e de calidade de vida para o sistema sanitario”.

Neurociencia, inmunoloxía, biomateriais, rexeneración ou endocrinoloxía son os retos de Biocaps

A investigación sobre o envellecemento foi sinalada pola Unión Europea como unha prioridade. Os retos clínicos e asistenciais relacionados coa poboación maior esixen unha abordaxe multidisplinar, polo que o congreso conta con relatores de primeira liña mundial nos campos da neurociencia, a endocrinoloxía, a inflamación, a inmunoloxía, o desenvolvemento de biomateriais e a medicina rexenerativa.

Pedro Such, investigador da farmacéutica danesa especializada en dano cerebral Lundbeck Inc, explicou o xoves que a colaboración público-privada no campo da investigación en neurociencias é fundamental para completar os pasos desde a ciencia básica até a comercialización de novos fármacos. “Estas alianzas axudan a mellorar a produtividade da I+D e, o que é máis importante, contribúen a atopar solucións para os moitos retos aos que se enfrontan os sistemas de saúde de todo o mundo”, asegurou durante o seu relatorio. Como caso de éxito neste ámbito, Such referiuse á Iniciativa de Medicamentos Innovadores (IMI), a maior plataforma público-privada de Europa, que ten por obxectivo desenvolver fármacos mellores e máis seguros construíndo redes de expertos académicos e industriais capaces de impulsar a innovación farmacéutica.

Un enfoque novo

Pola súa banda, José Luis Marco-Contelles, do Instituto de Química Orgánica Xeral do CSIC, expuxo que para o Alzheimer se require “un enfoque novo, dado que se trata dunha enfermidade multifactorial”. Nesta liña, asegurou que “é unha necesidade urxente deseñar dianas neurolóxicas e biomédicas múltiples para desenvolver fármacos complexos capaces de dar resposta ás diferentes frontes abertas pola enfermidade” e presentou a innovadora abordaxe que o seu grupo está a levar a cabo sobre esta doenza mediante ligandos dirixidos a múltiples dianas, é dicir, moléculas que presentan propiedades terapéuticas combinadas, como antioxidantes e antiinflamatorias, ao que se suma un risco tóxico menor.

O director do Instituto Cajal do CSIC, Ignacio Torres, expuxo o papel fundamental dos péptidos de insulina no envellecemento saudable do cerebro, xa que se trata das hormonas encargadas de regular o achegamento de enerxía ao órgano e protexer os tecidos de alteracións patolóxicas. Torres explicou que os estudos epidemiolóxicos indican que as persoas con diabetes tipo 2, asociada á idade, teñen máis posibilidades de desenvolver demencias xa que ambas as patoloxías están relacionadas. “Por este motivo, un control adecuado da diabetes é unha das maneiras de reducir as posibilidades de padecer Alzheimer”, indicou.

O peche dos relatorios do xoves na área das ciencias neurolóxicas e enfermidades raras correspondeu a Gillian Butler-Browne, do Instituto de Mioloxía de París, un dos centros titores de Biocaps. Este instituto, xunto con outros 18 de diferentes países, desenvolve o proxecto europeo Myoage, centrado en deseñar estratexias para combater o envellecemento do esqueleto muscular.

Cinco investigadores de referencia na área de enfermidades infecciosas, a inflamación e a inmunidade deron conta na tarde de onte dos últimos avances dos seus grupos. Søren Tetens, do Statens Serum Institut de Copenhage, falou dos seus proxectos sobre diagnóstico e vacúas para a tuberculose. A investigadora María Molina, do Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge, tratou as alteracións do pulmón e a fibrose, mentres que Insoo Kang, da Escola de Medicina de Yale, explicou as súas investigacións sobre a influencia das células T (un tipo de linfocitos) na saúde e na enfermidade.

O

O uso da hormona estradiol abre novas posibilidades de tratamentos

Fabiola Olivieri, da Universidade Politécnica de Marche (Italia), desenvolveu as expectativas sobre os biomarcadores aplicados á maioría das enfermidades relacionadas co envellecemento. Finalmente, John Loughlin, do Instituto de Medicamento Celular da Universidade de Newcastle (Reino Unido), centrouse na osteoartrite, doenza propia da vellez que afecta ao cartílago.

O venres, a visión científica sobre endocrinoloxía, metabolismo e nutrición conta con Carlos Diéguez, da USC, sobre os últimos avances sobre os trastornos metabólicos asociados á poboación maior, e Luis Miguel García, do Instituto Cajal (CSIC), sobre a relación entre o estradiol (hormona sexual) e o envellecemento do cerebro.

“O estradiol non só participa na regulación da reprodución, senón que inflúe sobre a aprendizaxe, a memoria, o estado de ánimo e a conduta polo seu efecto neuroprotector”, afirma García, que puntualiza que coa idade diminúen os niveis desta hormona, o que ten como consecuencia que as neuronas queden menos protexidas. A administración de estradiol como fármaco é unha vía eficaz, pero ten riscos sobre outros órganos, como a feminización nos homes e o favorecimiento dalgúns cancros de mama en mulleres. “O noso reto é desenvolver moléculas que teñan as propiedades neuroprotectoras do estradiol sen carrexar eses efectos colaterais e os primeiros ensaios en animais indican que imos polo bo camiño”, afirma o investigador.

Ampla presenza internacional

Completan esta área Francesca Seta, investigadora da Universidade de Boston, sobre a rixidez arterial como factor de risco no envellecemento e na obesidade, e por Romina dei Giuseppe, do Instituto Alemán de Nutrición, sobre novos marcadores de risco cardiovasculares. A parte relativa a biomateriais, enxeñaría de tecidos e medicina rexenerativa contou coa achega de Marc Bohner, da fundación suíza RMS, sobre cementos inxectables para a reparación de ósos afectados por osteoporose. O investigador do Hospital da Paz Enrique Gómez sobre os avances máis recentes en terapia celular, mentres que José Ramón Caeiro, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Andrea Montali, director de I+D en biomateriais da multinacional DePuy Synthes, completan o amplo tratamento da osteoporose no congreso falando sobre a importancia de tratar ben as fracturas e os beneficios dos biomateriais no seu tratamento.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.