Venres 3 Maio 2024

Atopan na Ribeira Sacra restos humanos nunha cista prehistórica

Un equipo dirixido polo arqueólogo Xurxo Ayán, no que participa o Incipit-CSIC, descubriu ósos no lugar dos Conventos, na Pobra do Brollón

Un equipo dirixido polo arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa Xurxo Ayán, no que colabora o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, atopou recementemente nunha escavación situada en Vilachá (Pobra do Brollón), na Ribeira Sacra, varios restos óseos que semellan estar soterrados “nunha cista prehistórica“. Os restos humanos xa están a ser estudados no laboratorio, a través de probas de datación con Carbono 14. De confirmarse a súa antigüidade, segundo fontes coñecedoras do proxecto, “estarían entre os restos humanos máis antigos atopados en Galicia”.

O equipo traballaba na procura do mosteiro de San Martiño de Piñeira, un edificio medieval hoxe desaparecido, pero do que existe documentación, e que a tradición oral situaba no lugar dos Conventos, nos viñedos que caen ao Sil. Na escavación neste lugar constatouse a ocupación medieval, con mostras de cerámica dos séculos XII ou XIII e unha moeda do reinado de Afonso X.

Publicidade

Restos humanos atopados nos Conventos. Foto: Adegas da Memoria.
Restos humanos atopados nos Conventos. Foto: Adegas da Memoria.

Porén, debaixo destes niveis medievais, apareceu a sorpresa para o equipo de investigadores. “Escavado directamente na rocha apareceu o oco cos restos humanos; un depósito funerario que indica un tratamento ritual posterior do cadáver”, xa que só se atoparon un cranio, unha vértebra e dous fémures. Estas evidencias, para Xosé Gago, apuntan a pensar, á espera das análises de Carbono 14, que se trata dun enterramento precristián, xa que non se corresponde cunha sepultura deste tipo. Tamén se realizarán estudos que puideran dar máis datos sobre a dieta que seguían estas persoas, mesmo análises de ADN.

“O corpo ten sinais de ser ritualizado, e colocado no lugar, o que pode indicar dúas cousas: a persistencia de ritos prehistóricos na era cristiá, ou ben que o lugar tivo unha longa continuidade de ocupación. Son dúas hipóteses moi interesantes, calquera delas”.

Segundo explica Xosé Gago, coordinador do proxecto Adegas da Memoria, no que se enmarcan as escavacións, e técnico de Cultura do concello da Pobra do Brollón, os restos humanos atopáronse nos últimos momentos da prospección, “case no tempo de desconto”, expón. Un achado que, a xuízo de Gago, vai supoñer un importante pulo para a xestión e promoción do patrimonio cultural da zona, no que toman parte activa as veciñas e veciños do concello.

Engade que os restos atopados son “a punta do iceberg. Dende o Concello levamos moitos meses traballando conxuntamente cos veciños, e foron eles os que nos falaron de que no lugar dos Conventos había un antigo mosteiro, e a partir de aí nace todo o proxecto”, engade o técnico de Cultura.


No marco da xestión cultural, o concello da Pobra traballa desde hai anos en proxectos como o do castro de San Lourenzo, na parroquia de Cereixa, e a aposta pola Memoria Histórica a través da Casa de Repil ou varias exhumacións de represaliados na Guerra Civil.

Alén disto, os impulsores do proxecto destacan o contexto do achado, coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade: “A paisaxe da Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural que non se pode entender nin concibir sen ter en conta ás persoas que viviron e
traballaron, que viven e traballan, na zona”, explica Xosé Gago.

Adegas da Memoria

O proxecto Adegas da Memoria é unha iniciativa etno-arqueolóxica que ten por obxectivo dinamiar a parroquia de Vilachá de Salvadur a través da participación veciñal e a colaboración científica por parte do Incipit-CSIC. Na parte arqueolóxica, a intervención está dirixida por Xurxo Ayán. “Con este novo achado, superamos con creces o obxectivo principal de Adegas da Memoria, que é facer o primeiro gran estudo sobre as orixes e evolución da paisaxe da Ribeira Sacra por man das persoas”, expón Ayán.

Alén da escavación, Adegas da Memoria é un proxecto integral impulsado polo Concello e a Asociación de Veciños de Vilachá para dinamizar a Ribeira desde a perspectiva das persoas que viven e traballan nela. Estase realizando unha serie documental de catro tempadas, que estrea estes días o último episodio da segunda, centrada no conxunto dos Conventos.

As seguintes tempadas levarán ao espectador nunha viaxe ata o pasado da Ribeira Sacra, guiado polo coñecemento e as testemuñas dos veciños. Abordarase a orixe dos pataos ou socalcos, fundamental para entender como se construíu e como evolucionou a paisaxe da Ribeira; e por último, as icónicas Adegas de Vilachá, cuxo estudo pode proporcionar moita información sobre a historia da viticultura na zona.

Na investigación participan máis de quince científicos dos eidos da etnoarqueoloxía, a
arqueoloxía da arquitectura (coa arqueóloga Sonia García) e a edafoloxía (coa edafóloga Cruz Ferro).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha viaxe ao pasado de Galicia: 4.000 anos de historia nun mapa interactivo

Chronas é unha ferramenta web con máis de 50 millóns de puntos de datos que abranguen dende o 2000 a. C.

Médicos galegos diagnostican un raro caso de apendicite esquerda

É unha patoloxía pouco frecuente que tan só se dá en 1 de cada 500 nacementos e débese a unha malformación intestinal

Galicia rexistra máis de 100 raios en apenas 24 horas

A maior concentración de descargas eléctricas durante o 1 de maio produciuse en Vilagarcía de Arousa, sobre todo na franxa do mediodía

O cine familiar, a resistencia cultural das vilas galegas

Santiago Díaz e Concha Candán son propietarios do Cine Avenida en Caldas de Reis, a primeira multisala dun concello galego de menos de 10.000 habitantes