A chegada ao mercado de dispositivos denominados ‘neuronais‘ que se venden directamente ao consumidor ten implicacións tanto no terreo da saúde como no da ética. Así o expoñen expertos en neuroética nun artigo que se publica no último número da revista Neuron, no que se analizan as implicacións da posta a disposición dos consumidores destes aparellos. “Debería haber un maior nivel de responsabilidade ao redor da innovación ética neste tipo de produtos”, di a líder do estudo, Judy Illes, profesora de Neuroloxía e Neuroética na Universidade de British Columbia (Canadá).
O traballo identificou 41 dispositivos no mercado, incluíndo 22 de rexistro de actividade cerebral e 19 de estimulación. O obxectivo era examinar cuestións de transparencia, dereitos e responsabilidade na forma en que se comercializan e venden estes produtos. “Cando se trata de tecnoloxía aplicada á saúde e, en concreto tecnoloxía cerebral, hai un maior nivel de responsabilidade arredor da innovación ética”, di Illes.
Os supostos beneficios, en dúbida
As compañías que venden estes dispositivos cerebrais portátiles prometen beneficios que van desde a redución da tensión, ao aumento da calidade do soño ou a perda de peso a unha mellora na cognición. Algúns mesmo anuncian beneficios fronte á depresión e certas enfermidades neurodexenerativas, indican os investigadores.
A pesar da gran variedade de afirmacións, houbo poucas investigacións que estudasen a validez científica de calquera deles. Os autores non tentaron avaliar a eficacia dos produtos nesta revisión. No seu lugar, analizaron como os fabricantes poderían comunicar os resultados potenciais do uso destes dispositivos, tanto positivos como negativos, dunha maneira máis responsable e ética.
O mercado destes dispositivos ten paralelismo con outros produtos médicos de consumo directo, por exemplo, herbas e suplementos, kits de probas xenéticas caseiras, tomografías computarizadas de benestar ou os ultrasóns tridimensionais de ‘recordo’ que se ofrecen a embarazadas.
Ao comercializalos no ámbito do benestar ou a recreación, en lugar de para a saúde, as compañías que venden estes produtos e servizos evitan a supervisión regulatoria
Ao comercializalos no ámbito do benestar ou a recreación, en lugar de para a saúde, as compañías que venden estes produtos e servizos evitan a supervisión regulatoria das axencias, como a Adminsitración de Medicamentos e Alimentos de Estados Unidos, subliñan os autores.
Riscos descoñecidos
“Algo que nos preocupa –di Judy Illes– é que a xente poida recorrer a estes dispositivos, no canto de buscar axuda médica cando realmente a precisa ou que elixa estes aparellos en vez dos tratamentos médicos convencionais. Hai moitos efectos potenciais dos que non sabemos moito”, advirte.
Os síntomas e efectos secundarios que poderían resultar do uso destes produtos inclúen proído ou outras irritacións onde os dispositivos entran en contacto coa pel, dores de cabeza e náuseas. Algúns dos dispositivos mencionan a posibilidade de efectos secundarios no envoltorio, pero non houbo ningún estudo que analice a súa frecuencia ou gravidade.
Os investigadores observan que, en gran medida, faltan etiquetas que advirtan aos consumidores sobre os riscos. “Considero que este é unha mensaxe importante e responsable para os consumidores, pero poucos destes produtos inclúeno”, di Illes.
A autora principal cre que debido a que algúns destes produtos saen ao mercado para nenos, que poden ser particularmente vulnerables aos seus efectos no cerebro, necesítase máis precaución. “Os seus corpos e cerebros aínda se están desenvolvendo”, di.
Os autores subliñan que estes aparellos saen ao mercado para nenos, polo que poderían ser especialmente vulnerables
Ademais, engade que “podería ser necesaria unha precaución adicional para o uso dos produtos de neurociencia nos anciáns, outra poboación que pode ter un maior risco de dano potencial”.
Na súa opinión, tamén hai problemas relacionados cos produtos de neurociencia que rexistran a actividade cerebral. “Como se utilizan estes datos e quen ten acceso a eles? Estas son cousas que non sabemos. Deberiamos estar a nos facer estas preguntas”, reflexiona Illes.
Con todo –engade– “a gran noticia é que non custa moito diñeiro innovar eticamente. Basta con pensar un pouco máis, enviar boas mensaxes e considerar as posibles consecuencias. Vale a pena que as empresas se tomen o tempo para facelo ben”, destaca.