Reunión do consello de goberno da UVigo. Foto: Duvi.

Reunión do consello de goberno da UVigo. Foto: Duvi.

A UVigo convoca 34 prazas de persoal docente e investigador

O primeiro Consello de Goberno do curso 2017-2018 na UVigo deu luz verde este mediodía aos criterios para a elaboración da oferta de emprego público do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo para este ano 2017, que contempla a convocatoria dun total de 34 prazas. Do total da oferta, 22 prazas de profesorado permanente correspóndenlle este ano á Universidade por taxa de reposición, ao que se engade este ano unha chamada taxa adicional, que contempla o 90% das prazas que estean dotadas orzamentariamente e leven ocupadas máis de tres anos consecutivamente, que no caso da institución viguesa suman 12. Ademais, das 34 prazas que poden ser convocadas este 2017, tres deben, necesariamente ser reservadas para persoas que remataron o seu contrato Ramón y Cajal e das 31 restantes, 24, para prazas que estean neste intre ocupadas interinamente e as outras sete, para funcionarización, isto é para pasar de profesora ou profesor contratado doutor a profesora ou profesor titular de universidade.

O reitor Salustiano Mato e a vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, Ana Graña, foron os encargados de achegar os detalles dunha convocatoria que permite baleirar a bolsa de interinas e interinos, “unha prioridade”, segundo Mato. “A proposta é que desas 34 prazas, tres se reserven para esas persoas que remataron o seu contrato Ramón y Cajal e das 31 restantes, 24 para prazas que están neste intre ocupadas interinamente, e as outras sete, ata 31, para funcionarización” explicou Graña, que lembrou que o numero de prazas de funcionario condiciona o de cátedras, que oscilará entre sete e 22.

“Con esta oferta péchase a bolsa de interinos”, sinalou o reitor

“Con esta oferta péchase a bolsa de interinos e vai ser unha secuencia lóxica de todas as categorías que se poidan mellorar “, asegurou Salustiano Mato, que destacou que a prioridade para a Universidade foron as persoas que tiñan o seu posto de traballo en perigo. “Entendo os sacrificios que teñen que facer os colectivos que queren progresar” dixo o reitor, mentres que a vicerreitora Ana Graña destacou que este ano había unha oportunidade extraordinaria de acabar coa bolsa de interinos e aínda que “isto beneficia a curto prazo a estas persoas, abre o escenario de utilizar a futura taxa de reposición para funcionarización”. Graña lembrou que mentres no cambie a norma non é posible funcionarizar a todos á vez, “pero en catro ou cinco anos deberían ir pasando todos, sen esquecer que neste intre as acreditacións a funcionario están paralizadas”, lembrou.

Regulamento de transparencia

A sesión de Consello de Goberno deu hoxe luz verde ao Regulamento de transparencia e acceso á información pública da Universidade, que ten por obxecto desenvolver a lexislación estatal e autonómica en materia de transparencia, dereito de acceso á información pública e bo goberno na Universidade. A xefa do Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos , Rosa Graña, detallou os aspectos máis salientables do novo regulamento que ao longo de seis capítulos aborda aspectos como a publicidade activa, a reutilización da información, o dereito de acceso á información pública, o bo goberno e goberno aberto e os mecanismos de coordinación e control.

Pola súa banda, o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández foi o encargado de explicar as modificacións introducidas no Regulamento de mobilidade internacional co obxectivo de “dar acubillo a novas realidades”, dixo, a través da eliminación de disposicións transitorias derivadas da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior ou da adaptación do articulado á nova estrutura da Universidade.

O Consello de Goberno tamén aprobou o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e as tras universidades do SUG para a constitución do Consorcio Interuniversitario de Galicia, Cisug, que aglutina ao Consorcio de Bibliotecas de Galicia, Bugalicia e a Comisión Interuniversitaria de Galicia, CIUG, creando un único consorcio xeral a prol dunha maior eficiencia do Sistema Universitario de Galicia.

O procedemento para a modificar os contratos programa para a contratación do persoal postdoutoral cara á intensificación investigadora do profesor axudante doutor; o protocolo para o desenvolvemento do Programa de soporte á xestión económica de grupos de investigación no período 2018-2021 e o regulamento de réxime interno da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, foron outros puntos da orde do día do Consello de Goberno que foron aprobados na sesión celebrada este luns.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.