Martes 30 Abril 2024

O illote Guidoiro Areoso, unha xoia en risco

Angel Vizoso / Universidade de Santiago

A Terra cambia. O que hoxe vemos ao abrir a fiestra pola mañá seguramente non é semellante ao que verán os que ocupen o noso lugar dentro de varias xeracións. Debemos concienciarnos desas mudanzas, debemos saber que moitas delas son imposibles de parar mais tamén é preciso abrir vías para protexer aquilo que atopamos a cada paso que damos. Guidoiro Areoso, na Ría de Arousa, é un pequeno illote que garda moitos anacos de historia. Algúns recentes, como os buratos abertos polos contrabandistas que buscaban agochar as súas mercadorías do ollo das forzas da lei mais tamén vestixios dun pasado afastado, a prehistoria, no que o illote estaría unido á Illa de Arousa e, á súa vez, ao continente. Nesta época o Areoso era empregado como emprazamento funerario, como nos lembran os restos das cinco mámoas e as dúas cistas que, a día de hoxe, están documentadas no lugar.

Logo das escavacións do arqueólogo José Manuel Rey García a finais dos oitenta, púidose concluír que Guidoiro Areoso estivo ocupado dende o Neolítico Final ata ben avanzada a Idade de Bronce. Reforzan esta tese as diferentes pezas de cerámica que alí se atoparon e tamén ósos —de gando vacún, ovino, caprino e porcino— ou cunchas, que nos dan unha idea da alimentación dos poboadores do Areoso.

Publicidade

E por se todos estes restos fosen pouco, Guidoiro Areoso semella ter vida propia. Nos últimos setenta anos —dende que se tomou a primeira fotografía aérea do lugar ata hoxe— a lingua de area que conforma a súa sección norte viaxa de oeste a este e de este a oeste sen que os expertos coñezan os motivos exactos deste desprazamento. O que si está claro é que os efectos da acción do mar fan que os restos antes citados queden expostos, algo que constitúe un risco para estas estruturas milenarias. Eses perigos para o patrimonio situado na costa son os que levaron ao grupo de investigación Ciencia do Sistema Terra da USC ao Areoso. O equipo liderado por Antonio Manuel Martínez Cortizas tenta buscar unha explicación ao que acontece neste lugar.

O equipo de Ciencia do Sistema Terra estuda os segredos deste illote

As mámoas e as cistas, a cerámica e os restos de ósos que estiveron na superficie volven a aflorar por mor do efecto das mareas que retiran sedimento da liña de costa do illote. Isto provoca a aparición de novos vestixios anteriormente non identificados mais tamén supón a modificación e mesmo destrución destas estruturas. Ignacio Vilaseco é un dos arqueólogos encargados de continuar o camiño aberto por José Manuel Rey e nos últimos anos visitou o Areoso en diversas ocasións co obxectivo de documentar os cambios que a marea provocou sobre as estruturas presentes no illote. Deste xeito, puido constatar como ao tempo que se descubriron dúas cistas —cámaras funerarias de pedra similares a un cofre— tamén quedou destruída unha das cinco mámoas.

Pero, que acontece exactamente no Areoso? Cales son as variacións que presenta esta illa? Existe unha explicación para estas mudanzas? Dar resposta a todas estas preguntas é parte do traballo do grupo de investigación Ciencia do Sistema Terra, que trata de afondar nos riscos aos que se expón o patrimonio costeiro. Se hoxe en día resulta complicado organizar unha investigación científica e arqueolóxica mesmo en terra firme, temos que engadirlle a complexidade de estudar un illote rodeado de fondos rochosos de pouca profundidade ao que só se pode acceder nunha pequena embarcación de pouco calado. Con todo, os investigadores de Ciencia do Sistema Terra levan meses traballando no Areoso. O obxectivo é coñecer mellor os cambios que se produciron nesta illa de nove hectáreas composta por un sistema dunar asentado sobre un fondo de rocha granítica.

Foto: Ángel Vizoso.
Foto: Ignacio Vilaseco.

Guidoiro Areoso presenta unha división en dous sectores —norte e sur— separados por unha zona central na que se produce un estreitamento, similar ao istmo nunha península. A maior parte dos restos arqueolóxicos sitúanse no sector sur, tanto ao este como ao oeste. Especial atención merece o sector norte, onde nas últimas décadas se vén rexistrando un desprazamento do lóbulo areoso, polo que semella que a illa se está a mover. E que propicia que o lóbulo areoso da zona norte presente esta rotación? A primeira impresión que poderiamos ter é que as causantes son as mareas mais os investigadores que traballan sobre o terreo apreciaron que este fenómeno non acontece en ningún outro punto da Ría de Arousa. É propio do Areoso.

A través da análise das diferentes imaxes dispoñibles sobre o lugar pódese ver con claridade que, chegado un punto, non só se produce un desprazamento do lóbulo areoso coa conseguinte recomposición de todo o sistema dunar que conforma a illa. Tamén se produce unha ruptura deste sistema dunar, dividindo o Areoso en dúas metades claramente diferenciadas. Esta rotación levou aparellada «unha redución do 28% na superficie dunar vexetada» segundo nos explica Ramón Blanco-Chao, membro de Ciencia do Sistema Terra. Blanco-Chao engade que se podería pensar que o ascenso do nivel do mar —duns dous milímetros ao ano segundo o mareógrafo de Vigo— e a forza das ondas serían as causantes desta perda de sedimento. Porén, estes dous factores non serían suficientes para explicar a erosión que ten lugar neste punto concreto da Ría de Arousa no que a forza das ondas é xa moi baixa ao atoparse no interior da mesma.

O illote do Guidoiro Areoso semella moverse, rachando o seu sistema dunar

Para resolver estas incógnitas, iniciouse a monitorización de Guidoiro Areoso e a súa contorna. Búscase detectar como e cara a onde se desprazan os sedimentos que rodean o illote e o illote en si mesmo para o que se serven, fundamentalmente, de dúas técnicas. A primeira delas é a fotogrametría, o voo dun drone equipado cunha cámara para captar imaxes da superficie. Coas imaxes elabóranse modelos en tres dimensións que permiten coñecer cunha precisión de ata un centímetro os cambios que se produciron nas dunas.

A segunda das técnicas é a realización de batimetrías. Unha embarcación equipada cun GPS e un sistema de sonar fai percorridos polas inmediacións do Areoso para obter tamén un modelo en tres dimensións dos fondos mariños. Así, pódese ver como cambian en función da época do ano na que nos atopemos. No caso concreto do Areoso, a batimetría completouse co emprego do LIDAR terrestre. Esta tecnoloxía emprega o láser para obter un modelo da superficie terrestre que complemente os datos aportados pola batimetría naquelas zonas pouco profundas nas que non pode navegar o barco.

Os traballos continúan no Areoso para tratar de atopar a causa da erosión e o desprazamento da súa superficie dunar. Dende Ciencia do Sistema Terra recoñecen que a razón de traballar en Guidoiro Areoso é tratar de buscar unha explicación aos procesos que están a provocar a destrución do patrimonio que descansa nese lugar. De non repousar sobre esa area restos de cerámica, cunchas, mámoas e cistas seguramente non estarían analizando este recuncho da Illa de Arousa. A Terra cambia, e debemos esforzarnos en saber como o fai. Só así poderemos protexer aquilo que construíron as xeracións pasadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crise da ameixa na ría de Arousa: “Se non actuamos, en 10 anos non quedará nada”

O termómetro de Cortegada, un dos viveiros máis ricos en ameixa, chegou a marcar 24 graos e medio de temperatura na superficie da auga
00:00:13

Aparece unha quenlla na Illa de Arousa cunha ferida nun costado

O exemplar de 1,5 metros de lonxitude achegouse á liña de costa, algo pouco habitual nesta especie propia de augas máis frías e oceánicas

Por que é necesario protexer o illote do Areoso?

A Xunta establece un máximo de 150 visitantes por día repartidos en tres quendas e limita a pesca recreativa

Retiran unha balea morta na Illa de Arousa tras varar varios días na ría

Foi trasladada ao porto de Cabodeiro nun difícil operativo debido ao peso do animal, que se atopaba nun avanzado estado de descomposición