Poster_dia_da_arbore

Museo de Historia Natural da USC e Concello de Santiago celebran o Día da Árbore

O Museo de Historia Natural da USC e a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia de Santiago celebrarán o Día Mundial da Árbore 2016 con varios roteiros guiados gratuítos polos parques de Santiago. O 21 de marzo estarán destinados ao público en xeral e do 28 ao 1 de abril a centros de ensino.

Trátase non só de pór en valor as árbores como habitantes da cidade senón de dar tamén a coñecer unha parte importante da biodiversidade dos parques de Compostela, en concreto a Alameda, o Parque de Vista Alegre (Finca Simeón) e o Parque Eugenio Granell.

O día 21 haberá roteiros guiados simultáneos nos que poderá participar xente de calquera idade en tres quendas –10.00, 12.00 e 16.30 horas– de unha hora e media de duración. En cada un deles o guía informará sobre as funcións máis salientables dos parques na cidade e farase entrega dun plano no que se destacarán as árbores máis interesantes. Os participantes deberán facer reserva previa, aínda que se admitirá a quen chegue ao mesmo parque no momento fixado para iniciar a actividade, sempre que o tamaño do grupo o permita.

Os roteiros para os centros de ensino organízanse segundo as idades. De 4 a 8 anos o conto de ‘Paco, o Carballo’ será o fío condutor da actividade na que o alumnado coñecerá a vida desta árbore, as súas partes (raíces, tronco, follas…) e finalmente sairán á procura doutras “amigas árbores” (a Señora Maceira, o Señor Castiñeiro…). O roteiro para nenos e nenas de 8 a 14 anos leva por título ‘Os segredos das nosas árbores’ e consistirá nun xogo de pistas arredor das árbores do parque.

A partir de 14 anos en adiante está prevista a actividade ‘Unha árbore, unha vida’ na que os rapaces e rapazas, divididos en pequenos grupos, terán que preparar unha ficha detallada dunha especie en particular.

O programa de actividades presentouse este mércores no Concello compostelán coa participación da directora do Museo, Mabel Fraga; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; a presidenta de Feitoría Verde, empresa que se encarga de xestionar o CIAC, Paula Lubián; e Luis Incera, de Ferrovial.

O CIAC súmase á iniciativa do Día da Árbore para complementar a oferta achegando unha visión desde a perspectiva da divulgación ambiental traballando as árbores como centro das actividades a desenvolver na fin de semana do 2 e 3 de abril cun carácter divulgativo. Para o día 2 está prevista unha xornada de animación na rúa coa colaboración do contacontos Anxo Moure e para o 3 un obradoiro sobre indicadores ambientais nas árbores.

Pola súa banda, Ferrovial, empresa encargada do mantemento de xardíns e zonas verdes de Santiago, achega folletos, guías e a arborada que se vai plantar. Ademais, o persoal de xardinaría de Santiago colaborarán na plantación de árbores ao final das actividades.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.