Coren reclama un millón a un agricultor por denunciar contaminación na Limia

A compañía e o denunciado, Manuel García, tomaron parte nun acto de conciliación celebrado este luns que terminou sen acordo

O 18 de setembro de 2019, o programa España Directo, de TVE, recollía nunha reportaxe as queixas de veciños da comarca da Baixa Limia debido á contaminación dos acuíferos que abastecen ás súas vivendas, así como do encoro das Conchas, debido á presenza de nitratos e a eutrofización causada polos verquidos de residuos agrícolas na zona. Un deles, Manuel García, agricultor e activista ecoloxista da zona, denunciaba a carón do encoro, tinguido de verde polas cianobacterias, que “unha granxa propia de Coren” vertía xurros nunha pradaría, e como consecuencia, estes residuos acababan nas augas subterráneas e os embalses. Aquelas declaracións levaron ao grupo empresarial a iniciar accións legais, cunha demanda civil contra García polos “danos e prexuízos”. Coren, nunha carta dirixida ao agricultor, anunciou unha denuncia por intromisión ilexítima no dereito ao honor da compañía e cuantificaba nun millón de euros estes danos.

Este luns, o xulgado de Xinzo de Limia acolleu o acto de conciliación, que acabou sen acordo, ao rexeitar Manuel García retractarse do dito a través da televisión estatal, e reiterando que os vertidos de xurros causan contaminación nas augas da comarca limiá, tal e como recolleu Europa Press. Agora a empresa, que por agora non fixo valoracións sobre a situación a pesar das peticións dos medios, poderá decidir se continúa coas accións legais. Na carta remitida en febreiro a García advertía, por medio do director xurídico do grupo, que procederían ao visionado das grabacións “relativas a calquera acto, conferencia ou coloquio no que vostede (por Manuel García) ou calquera outra persoa interveña ou tivera intervido e no que se efectúe calquera alusión á nosa cooperativa”.

Publicidade

Manuel García (esquerda), xunto a outros activistas do Movemento Ecoloxista da Limia. Fonte: MEL.
Manuel García (esquerda), xunto a outros activistas do Movemento Ecoloxista da Limia. Fonte: MEL.

Diante da denuncia, numerosas entidades ecoloxistas, políticas e veciñais asinaron un manifesto de apoio a Manuel García e o Movemento Ecoloxista da Limia, no que acusaban á empresa de pretender “pechar a boca a quen nos opoñemos a este modelo industrial e dicimos en voz alta o que pensamos das súas prácticas”.

Contaminación coñecida

As acusacións contra Coren e as accións legais pola denuncia do agricultor suceden apenas dous meses despois de que a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) publicara novas análises que constataban a contaminación por nitratos de orixe gandeiro en 24 abastecementos da comarca da Limia. A entidade, que vén denunciando desde hai anos o problema ambiental, fixo públicos uns datos nos que se amosaban “11 valores que sobrepasan o valor de alerta de 30 mg/litro” en varios puntos de análise e “nove valores que exceden o límite legal de 50 mg/litro de nitratos nas augas de consumo humano”.

Novos datos constatan a contaminación por nitratos na chaira da Limia

En diversas reunións celebradas nos últimos meses, tanto a Xunta de Galicia, a través de Medio Rural, como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil recoñeceron a existencia do problema de contaminación na Limia e comprometéronse, xunto con outros axentes implicados, a buscar solucións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli