Fotograma do vídeo gravado esta fin de semana na ría de Muros e Noia. Imaxe: Manuel María Candamo Sendón.

Fotograma do vídeo gravado esta fin de semana na ría de Muros e Noia. Imaxe: Manuel María Candamo Sendón.

Confirman o avistamento “histórico” da balea azul na ría de Muros e Noia

Tras analizar as imaxes, a Cemma asegura "prácticamente ao 100%" que o exemplar detectado é unha "Balaenoptera musculus"

O animal máis grande do mundo estivo esta fin de semana paseando polas costas galegas. Cunha seguridade de “practicamente o 100%”, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) confirma que o exemplar avistado por varios barcos na ría de Muros e Noia era unha Balaenoptera musculus, unha balea azul, que pode alcanzar os 30 metros de lonxitude (tamaño semellante á altura do acueduto de Segovia) e un peso de máis de 170 toneladas; o seu corazón pode pesar tanto coma un turismo, e a súa lingua, coma un elefante. O exemplar localizado estes días na costa galega tiña un tamaño de entre 15 e 20 metros e parece ser un subadulto.

Segundo conta Alfredo López, responsable da Cemma, a entidade está analizando os vídeos e as fotografías tomadas por un barco pesqueiro e o gardacostas Paio Gómez Chariño para obter datos definitivos. “O animal parece que vai axitado, respirando con moita frecuencia e sen saír moito á superficie, e isto dificulta a identificación”, sinala López.

“A coloración e a crista dorsal coinciden coas da balea azul”, din desde a Cemma

Con todo, e a pesar da debida cautela, dado o pouco usual deste feito, sostén que “a coloración coincide coa da balea azul e a crista dorsal tamén, o que está claro é que non se trata dun rorcual común”. Amais, tal e como destaca o responsable da Cemma, investigadores que traballan con baleas azuis en Chile ou nas Azores e que viron o vídeo desta fin de semana confirmaron igualmente estas semellanzas. Non en tanto, existe a posibilidade, segundo López, de que sexa  un híbrido entre balea azul e común, aínda que a maioría das evidencias apunta á primeira posibilidade. Amais, só unha análise xenética podería confirmar, sen ningún tipo de dúbida, a especie do animal.

Aínda así, estamos ante “un fito histórico“, segundo López, xa que sería o primeiro avistamento dunha balea azul viva nas rías galegas. López lembra que hai algo máis dun decenio atopouse un exemplar en avanzado estado de descomposición na zona de Ribeira, do que se tomaron mostras que confirmaron que se trataba dunha Balaenoptera musculus.

Outra balea na ría de Arousa

Ademais desta balea azul, na pasada fin de semana observouse un rorcual común na ría de Arousa, tal e como confirmaron desde o Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) do Grove. Este exemplar tiña enredada na cabeza unha rede de pesca que lle impedía alimentarse. “Un caso dramático“, lamenta Alfredo López, xa que deste xeito, o animal tiña grandes dificultades para se alimentar. Segundo sinalan os expertos, as operacións para retirar estas redes son moi complicadas, debido ao tamaño e á velocidade que acadan estes exemplares, polo que só queda agardar, na maioría dos casos, que a rede se acabe desprendendo.

Durante séculos, a caza de rorcuais foi habitual en moitos portos galegos e inspirou a obra de pintores coma Urbano Lugrís. Os baleeiros ían mar adentro, no Atlántico, ata o banco de Galicia, na procura destes cetáceos, dos que se aproveitaba, coma no porco, case todo.  En 1986, pechou a que foi a última factoría baleeira de España, tras a entrada de España na Comisión Baleeira Internacional. Estaba en Caneliñas (Cee).

2 respostas a “Confirman o avistamento “histórico” da balea azul na ría de Muros e Noia”

  1. San Antoniño bendito

    No vídeo vese Montelouro pola esquerda, entón máis que na ría de Noia ven sendo de Montelouro para o norte. ¿Non é así?

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.