Unha iniciativa de micromecenado impulsada polas entidades Verdegaia, a Sociedade Coluna Sanfíns e a comunidade de montes de Froxán, no concello de Lousame, conseguiu recadar en só 15 días máis de 6.000 euros para amadriñar a plantación de frondosas autóctonas neste monte. O proxecto pretende substituír un eucaliptal, xurdido tras a vaga de incendios de 2006 nunha zona de vagoada, para sementar especies autóctonas. De conseguir os obxectivos marcados (10.000 euros), será posible completar a substitución de eucalipto por máis de 13.000 árbores autóctonas nun total de 10 hectáreas.
De conseguir o obxectivo final, poderanse repoboar 13.000 árbores en 10 hectáreas
Neste monte de Froxán, que hai uns meses foi recoñecido pola ONU como exemplo de xestión comunal, xunto ao de Santiago de Covelo, xa se están realizando os traballos de preparación do terreo para sementar as árbores. Xa se delimitou sobre o terreo a primeira hectárea na que se actuará cos fondos recadados ata o momento.
De feito, as entidades impulsoras da iniciativa convida aos voluntarios que se queiran sumar a participar en dúas xornadas de traballo: o sábado 20 de xaneiro e o domingo 4 de febreiro. Os interesados poden contactar coa organización a través do enderezo de correo electrónico colunasanfins@gmail.com.
Amais, as entidades lanzarán no portal biodiversidade.eu un mapa “no que se demarcarán os anacos de monte amadriñados por cada persoa, nos que se depoisitará unha pedra rotulada co nome de cada colaborador”. Así, sinalan os creadores da iniciativa “poderase seguir a evolución dos traballos ao longo do tempo e mesmo visitar en persoa a zona en calquera momento”.
As aportacións poden realizarse nesta ligazón