Exemplares de cabra galega/ Boaga

Exemplares de cabra galega/ Boaga

O plus de resistencia da cabra galega

O primeiro estudo epidemiolóxico en gando ovino e caprino en Galicia revela que sobrevive mellor aos parasitos hepáticos

O primeiro estudo epidemiolóxico que se realiza en Galicia en gando ovino e caprino advirte de que non se están a adoptar todas as medidas de control precisas para loitar contra algunhas infeccións que afectan a estes animais, así como a maior incidencia de certas doenzas hepáticas nos rabaños máis pequenos, con manexo tradicional, os mixtos e de maior idade. Estas son algunhas das conclusións recollidas  na tese de doutoramento Seroprevalencia de Fasciola hepática en gando ovino e caprino en Galicia e análise dos principais factores de risco, que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo Ana Pérez Creo, investigadora contratada do grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga), un grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia.

A autora da tese, Ana Pérez Creo

A autora da tese, Ana Pérez Creo

A través da técnica de inmunodiagnóstico ELISA MM3-SERO, baseada no emprego dun anticorpo monoclonal, a investigadora Ana Pérez Creo demostrou que a Fasciola hepática é un parasito moi prevalente e amplamente distribuído nos rabaños de ovino e caprino explotados en réxime extensivo e semi extensivo en Galicia. Constatouse asemade que o factor de risco máis importante é o tamaño do rabaño, sendo a seroprevalencia significativamente superior nas explotacións pequenas, debido a que se utilizan métodos de manexo tradicionais e non se aplican medidas adecuadas de control e prevención das enfermidades infecciosas e parasitarias.

O parásito causa importantes perdas económicas nas explotacións ovinas e caprinas de Galicia

Así mesmo, no marco desta investigación comprobouse que a seroprevalencia incrementase coa idade dos animais, debido a que estes, ao longo da súa vida, inxiren un maior número de metacercarias – fase infectante deste parasito hepático- que os animais máis novos. Cabe destacar que a presenza de cabras nos rabaños de ovellas, incrementa de xeito salientable a seroprevalencia de infección por este parásito, debido a que nos rabaños mixtos se realiza un control sanitario menos estrito. Daquela, conclúese que non se deben explotar en conxunto as ovellas e as cabras.

O verme da Fasciola hepática, que parasita o fígado.

O verme da Fasciola hepática, que parasita o fígado.

No entanto, observouse que a raza autóctona Cabra Galega é menos sensible ás infeccións por F. hepática que as cabras procedentes de cruces, xa que están máis adaptadas ao medio; polo que debería incrementarse a produción desta raza autóctona. Outra das conclusións deste estudo é o que atinxe a que a alta seroprevalencia de F. hepática achada nos pequenos ruminantes de Galicia demostra que non se adoptan as medidas necesarias para controlar esta infección. Os novos plans de control fronte a este parásito, que causa importantes perdas económicas nos ruminantes, deberían ter en conta os factores de risco achados no presente estudo.

Dirixida polos profesores doutores da área de Sanidade Animal da Universidade de Santiago María Patrocinio Morrondo Pelayo, Rosario Panadero Fontán, Ceferino López Sández e Pablo Díaz Fernández, a tese de doutoramento realizada por Ana Pérez Creo achega datos e resultados de grande interese tanto para os veterinarios clínicos como para os propios gandeiros.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.