Unha variedade de peixe sapo polos fondos do Banco de Galicia.

Unha variedade de peixe sapo polos fondos do Banco de Galicia.

Descubertas 20 novas especies no Banco de Galicia

O inmenso monte submarino situado a 180 quilómetros da costa galega é un auténtico oasis de biodiversidade

No marco do proxecto LIFE+INDEMARES, coordinado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, identificáronse 20 novas especies e unha importante presenza de arrecifes de coral no Banco de Galicia. Trátase dun monte submarino profundo localizado ao noroeste da península ibérica, a 180 quilómetros da costa galega. A súa cima atópase entre os 650 e os 1.500 metros de profundidade e as súas beiras, de elevadas pendentes, caen desde esta cima ata as chairas abisais situadas a 4.000 metros de profundidade.

Corais negros do Banco de Galicia.

Corais negros do Banco de Galicia.

O principal valor ecolóxico identificado na área son os arrecifes que inclúen os corais brancos de augas frías das especies Lophelia pertusa e Madrepora oculata  situados nas areas da cima do banco, entre 780 e 1.000 metros, en forma de manchas dispersas, e na cima rochosa do monte Rucabado, en forma máis densa, así como as comunidades mixtas formadas sobre rocha profunda por estas mesmas especies xunto con corais bambú, corais negros, gorgonias, escleractinias solitarias e esponxas de gran porte.

O relevo desta montaña submarina modifica as correntes de fondo, facendo que as augas profundas ascendan cargadas de nutrientes. Este enriquecemento das augas sobre o banco permite unha elevada produtividade, que xunto á cantidade de ambientes presentes na ladeira do banco crean un verdadeiro oasis de biodiversidade no medio do mar, o que  favorece a presenza de diferentes especies de cetáceos, como o golfiño mular, tartarugas e aves mariñas como o paíño de Madeira. Máis de 790 especies de diferentes grupos, como moluscos, vermes, poliquetos, corais, peces e ourizos, foron identificadas e catalogadas. Especies vulnerables como as quenllas, grandes depredadores de crecemento lento, tamén son frecuentes nas augas e fondos do monte submarino.

A investigación catalogou máis de 790 especies no Banco de Galicia

Debido á distancia do banco respecto dos principais focos de presión, o grao de conservación é moi alto. A pesar de que se trata dun lugar afastado do impacto directo que producen as actividades humanas, a xestión adecuada de actividades como a pesca, o tráfico marítimo e o posible tendido de cables submarinos é vital para previr a xeración de graves impactos que modifiquen as condicións oceanográficas ou alteren a biodiversidade.

Por todos estes motivos, coa proposta de Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) a nivel europeo queda protexida, grazas aos resultados do proxecto LIFE+INDEMARES, unha superficie de máis dun millón de hectáreas de alto valor ecolóxico.

3 respostas a “Descubertas 20 novas especies no Banco de Galicia”

  1. Miguel

    El texto es comprensible para cualquier hispanohablante con una cultura media o incluso baja (la gramática es muy similar y buena parte del léxico científico llegó vía castellano). Como supongo que es un comentario de carácter político, puedes bajarte la aplicación de traducción de google si tienes un Smartphone, para palabras que no entiendas. Creo que facebook tiene traductor, yo no los uso mucho la verdad

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.