Así se emprega o son mariño para conservar as especies das augas galegas

Un equipo do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo desenvolve ferramentas acústicas para peixes como a raia riscada

Tres proxectos diferentes pero un único obxectivo: a conservación das especies que habitan as áreas mariñas protexidas de Galicia. As iniciativas, realizadas de xeito consecutivo ao longo dos últimos tres anos, teñen algo máis en común: fan uso dunha tecnoloxía denominada telemetría acústica, que serve para facer un seguimento das especies e coñecer os seus patróns de comportamento e movemento. Para conseguilo, os investigadores colocan un sensor nos individuos a estudo. O aparello emite un son que queda rexistrado noutro dispositivo, o hidrófono, cando os animais pasan preto del. Detrás desta investigación está o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) de Vigo, cun equipo capitaneado por Alexandre Alonso.

“Queriamos desenvolver ferramentas para observar e vixiar diferentes especies de todos os puntos pesqueiros de Galicia”, asegura o investigador. A súa andaina comezou en 2019 co proxecto TAC, financiado pola Fundación Biodiversidad. Nesta primeira fase trataban de facer un seguimento de especies costeiras e avaliar a protección exercida polas áreas mariñas protexidas. “Estas zonas son ferramentas de xestión dende un punto de vista espacial. É moi importante acoplar a bioloxía das especies, o seu comportamento e movemento, ao seu deseño”, explica o director do proxecto. En TAC foi a primeira vez que empregaron a telemetría acústica, instalando unha das antenas receptoras dos sinais nunha batea preto da illa de Cortegada. “Grazas a estes aparellos, que poden ter uns 500 metros de radio, podemos saber cantas veces pasou un individuo que marcamos hai 20 días”, continúa apuntando Alonso.

Publicidade

“Agora estamos centrados na raia riscada, a máis capturada pola frota artesanal galega e con consideración de especie protexida”

ALEXANDRE ALONSO, director dos proxectos e investigador do IIM

Ter un único punto fixo tan só informaba da presenza de determinadas especies nun rango determinado. “Se instalamos antenas en diferentes cabos ao longo da ría podemos ver patróns xerais de movemento”, explica. De igual maneira, se o sinal que emite o animal marcado puido ser detectado por dous ou tres equipos á vez, iso tamén permitirá saber cal era a posición do individuo. “Isto ten moitas vantaxes porque serve para determinar traxectorias, estimar parámetros de comportamento, de velocidade de navegación, de actividade, diferenzas entre o día e a noite… É dicir, información clave para a conservación e xestión das especies nestas áreas”, engade o investigador.

Con ese primeiro proxecto, que desenvolveron en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas, instalaron case unha trintena de equipos na contorna das illas Cíes co obxectivo de observar unha serie de poboacións locais. “Actualmente estamos centrados en especies vulnerables, como é a raia riscada (Raja undulata), a máis capturada pola frota artesanal galega e con consideración de especie protexida”, confirma Alonso. Polo tanto, o proxecto TAC foi o primeiro paso para coñecer mellor a contorna e facer unha avaliación da situación. E, sobre todo, para entender as implicacións en canto ao deseño de áreas mariñas protexidas e os seus beneficios na conservación de especies.

Publicidade

O foco nos descartes

De aí derivou o segundo proxecto, denominado DESTAC, tamén financiado pola Fundación Biodiversidad. De novo, mediante o uso da telemetría acústica, esta iniciativa estaba máis centrada na avaliación e mellora da supervivencia de descartes na frota artesanal galega. “Utilizabamos os equipos xa instalados e embarcabamos cos pescadores, acompañándoos na súa operación habitual. Eles capturaban e nós marcabamos os individuos cos receptores para logo liberalos na mesma zona onde tiñamos a rede”, indica Alonso, matizando que esta acción lles permitía saber se ese individuo do descarte era capaz de sobrevivir. Para iso tamén marcaron animais mortos, para probar se a súa tecnoloxía permitía diferenciar un corpo inerte doutro vivo. E así foi.

“Probamos que os descartes de elasmobranquios teñen altas taxas de supervivencia”

ALEXANDRE ALONSO, director dos proxectos e investigador do IIM

“A supervivencia dos descartes interesábanos moito pola última reforma da política pesqueira común, que obriga a levalos todos a bordo agás os das especies que teñen altas taxas de supervivencia”, apontoa Alonso. No caso da raia riscada, por exemplo, ten unha cota de pesca moi reducida e, segundo explica o investigador, levar descartes desta especie a bordo supón un hándicap para os pescadores. Ao ter esa excepción de supervivencia e permitir liberar os animais sen problema é algo positivo, sobre todo na frota artesanal, “con limitacións tecnolóxicas e de espazo á hora de traballar con descartes”. O resultado demostrou que os elasmobranquios son unha subclase de especies con altas taxas de supervivencia. “É xustificado que sigan mantendo esta práctica”, incide Alonso.

Incorporación da intelixencia artificial

Alonso, sostendo os aparellos para o rexistro acústico.

O seguinte paso foi IGENTAC, o terceiro proxecto financiado pola Fundación Biodiversidad e impulsado en 2020. Nesta iniciativa, ademais de continuar coa telemetría acústica, empregaron novas ferramentas para o control e observación das poboacións: tanto a xenética como a intelixencia artificial. “Agora xa non estabamos tan centrados en identificar especies, senón individuos”, explica o director do proxecto. É dicir, o seu obxectivo era conseguir un proceso de identificación máis automático e de maior calidade; algo comparable ao recoñecemento de caras de persoas dalgunhas aplicacións.

Para iso buscaban desenvolver ferramentas de marcaxe pouco invasivas, que fosen o máis sinxelas posible e o menos intrusivas, dado que traballan en espazos protexidos. Con estas técnicas descubriron que hai individuos que son visitantes habituais da contorna das Cíes, volvendo cada ano. Agora, os retos están postos de cara á emisión en tempo real e á redución das tarefas de mantemento. Alonso subliña que é preciso ter series históricas con datos de comportamento e movemento, sobre todo en zonas costeiras, para ter unha xestión axeitada do espazo de acordo cos patróns de explotación.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Electrocardiograma a un mexillón: o curioso método para avaliar a saúde do bivalvo

Un sensor deseñado en Galicia analiza o comportamento das valvas para coñecer o estrés térmico do molusco en tempo real

Demostrada a eficacia dun novo fármaco nun cancro de pulmón resistente

Un equipo do CSIC liderou dous estudos que presentan novas abordaxes en dúas mutacións de tumores que non responden a terapias dirixidas

Os premios Zendal galardoan dous proxectos sobre alzhéimer e vacinas animais

Na súa V edición o recoñecemento do grupo farmacéutico promocionará os proxectos dos investigadores Ivone Martins, da Universidade de Miño, e José de la Fuente, do CSIC

Tiburón a vista de dron: un achado inesperado nas illas Cíes

Investigadores da Universidade de Valencia captaron en agosto as imaxes dunha quenlla que nadaba nas augas costeiras do parque nacional