Viticultura vía satélite de precisión. Adegas Terras Gauda impulsa o proxecto europeo de I+D+i ‘Foodie’, co emprego da tecnoloxía máis avanzada para analizar o viñedo coa información obtida de satélites, dos sistemas de observación europeos e dos sensores instalados no propio terreo. A adega é a única en España que vai dispoñer desta información tan precisa e detallada posto que o seu viñedo foi elixido como campo piloto do proxecto. No estudo participan empresas e grupos de investigación de 8 países: Alemaña, Austria, Italia, Polonia, República Checa, Turquía, Letonia e España.
Foodie ten como obxectivo recompilar e reordenar información espacial xa existente procedente de COPERNICUS (Programa de Vixilancia Ambiental que xestiona a Axencia Espacial Europea), GALILEO (Sistema Global de Navegación por Satélite da Unión Europea), GBIF (Infraestrutura Mundial de Información en Biodiversidade); INSPIRE (Infraestrutura de información espacial en Europa para apoiar as políticas comunitarias de medio ambiente), GEOSS (Sistema de Observación Global da Terra), etc.
Estes datos serán interrelacionados cos obtidos en tempo real da rede de sensores instalados no viñedo de Terras Gauda, dividido en parcelas con topografía, orientación, altitude, pendente, condicións climáticas e chan diferenciadas.
17 nodos sensores e os datos por satélite permiten controlar a vide en tempo real
A adega do Baixo Miño atópase na fase final do desenvolvemento do software específico para interpretar toda a información. O obxectivo é introducir técnicas de manexo diferenciadas para cada zona do viñedo respectando as súas propias características e, no caso de parcelas homoxéneas e de suficiente dimensión, vinificar por separado. Isto permitirá mellorar o rendemento da viña, respecto do seu potencial de calidade, estado nutricional e sanitario e reducir o impacto ambiental grazas á optimización e axuste das necesidades de tratamentos fitosanitarios e de fertilización.
Na actualidade están instalados 4 nodos sensores de rede intercomunicados no viñedo, cos que se realizou a proba piloto do software específico para comprobar o seu funcionamento e a transmisión de datos á aplicación. O departamento técnico conseguiu neste primeiro test valiosos datos sobre temperatura e humidade no interior da follaxe ou do tempo que permanece mollada a folla, por exemplo. Ademais, a aplicación facilita a interpretación do vigor das cepas. Tamén amosa mapas climáticos de cor das áreas do viñedo respecto de temperatura ou humidade relativa.
Unha vez finalice esta fase de desenvolvemento do software, Terras Gauda contará cunha rede de 17 nodos sensores intercomunicados e comezará unha segunda fase: a posta en macha dun rexistro xeorreferenciado. A partir de entón, todas as anotacións de datos habituais que se realizan a diario plasmaranse mediante esta técnica de posicionamento espacial.
Ao contar con datos en tempo real, o departamento técnico poderá adoptar decisións con maior inmediatez sobre diferentes cuestións relevantes, como tratamentos fitosanitarios, subministración de nutrientes, predición de rendemento, orde de vendima segundo parcelas e variedades, etc.