No verán de 2016, un grupo de investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) narrou para GCiencia a súa expedición desde Vigo ata Groenlandia para estudar a acidificación do Atlántico Norte. Aquela viaxe, ao abeiro do proxecto Bocats, comeza a ofrecer estes días os seus primeiros resultados. E nada máis e nada menos que na prestixiosa revista Nature. O traballo publicado esta semana ofrece datos preocupantes. Demostra que o aumento do CO2 na atmosfera, coa consecuente acidificación das augas superficiais, podería comezar a afectar en apenas trinta anos a unha ampla comunidade de arrecifes de corais de augas frías. Os investigadores galegos atoparon que a maior presenza de dióxido de carbono reduce as sobresaturacións de aragonito, un indicador de boas condicións medioambientais.
Os corais de augas frías son a base duns ecosistemas profundos situados a máis de 3.000 metros de profundidade, con milleiros de anos de historia, e que persisten grazas a un delicado equilibrio ambiental. “Estes corais existen, sobre todo, no Atlántico Norte, porque a circulación oceánica de retorno meridional trae augas cálidas e salinas, con valores altos de pH cara o norte, onde se arrefrían de xeito forte e afúndense, circulando de volta cara o sur. Estas augas favorecen a presenza de corais porque xeran un ambiente con altas sobresaturacións de aragonito en zonas moi profundas”, explica Fiz Fernández Pérez, investigador do IIM de Vigo.
Hoxe en día, “a circulación do retorno meridional transporta un 44% menos de sobresaturación de aragonito, e nunhas tres décadas, o descenso será de entre o 64 e o 79%, polo que moitas comunidades, a partir dun 70%, veranse inundadas con augas corrosivas (subsaturadas de aragonito) para as súas estruturas calcáreas”, engade Fernández.
O proceso de acidificación do Atlántico Norte acelerouse despois da Revolución Industrial. Así, o océano acumula o CO2 procedente da actividade humana e experimenta tamén un aumento na concentración de ións de hidróxeno (unha redución no pH) e unha redución na concentración de ións de carbonato. “Esto último fai que o horizonte de saturación do aragonito, debaixo do cal as augas están subsaturadas con respecto á forma de carbonato de calcio denominada aragonito, elévase a menores profundidades, expoñendo aos corais profundos a augas corrosivos”, explica Fiz Fernández.
A acidificación xerará augas corrosivas que poderían destruír os corais
No estudo empregouse unha análise a base de observacións para amosar que a taxa actual de transporte de augas acidificadas ao Atlántico profundo podería causar que o horizonte de saturación de aragonito ascenda entre 1.000 e 1.700 metros no Atlántico subpolar durante as vindeiras tres décadas.
Con estes datos, o equipo tira estas conclusións: “Deducimos que a duplicación dos niveis atmosféricos de CO2 antropoxénico que podería acontecer en tres décadas, segundo un escenario habitual de cambio climático, podería reducir o transporte das sobresaturacións de aragonito dun 64 a un 79% do existente en condicións naturais, o que podería poñer en grave perigo os hábitats de coral de auga fría”, conclúe o investigador do IIM de Vigo. E ademais, a circulación de retorno meridional do Atlántico tamén exportaría estas augas profundas acidificadas cara o sur, estendendo as augas corrosivas ao resto dos oceános.