Armstrong (esquerda) coa maqueta dun Seadrome.

Armstrong (esquerda) coa maqueta dun Seadrome.

Seadromes: O soño de facer de Galicia o aeroporto do mundo

O presidente Roosevelt financiou o proxecto do enxeñeiro Edward R. Armstrong para as bases flotantes entre Nova York e Vigo

En 1929, Vigo puido converterse no aeroporto do mundo. A cidade foi elixida polo Goberno dos EUA para recibir todos os voos transoceánicos entre América e Europa. Para logralo, construiríase unha rede de “seadromes“, plataformas flotantes con pistas de aterraxe, para facer as viaxes con escalas no medio do mar. O seu inventor, o enxeñeiro Edward R. Armstrong, fracasaría polo Crac da bolsa e pola aparición do dirixible Hindenburg, xunto co invento dos novos avións de longa distancia da Pan American Airlines. The New York Times chegou a dar o proxecto por seguro, cun mapa de Galicia, con Vigo sinalada na súa primeira páxina. Pero o plan rematou retirado. Aínda que a súa tecnoloxía permitiría décadas máis tarde construír plataformas petrolíferas.

Proxecto de seadrome realizado por Edward Armstrong.

Proxecto de seadrome realizado por Edward Armstrong.

A carreira polos voos comerciais entre América e Europa desatouse a partires de 1927, cando Lindbergh logrou cruzar o Atlántico a bordo do “Spirit of Saint Louis“. Dous anos despois, en 1929, o número de pasaxeiros de liñas aéreas a nivel mundial era de 400.000, dez veces máis que en 1919. Así que moitos viron un gran negocio en lograr unha liña intercontinental.

O malo é que non había tecnoloxía para iso. Ningún avión comercial estaba preparado para voar máis de 800 quilómetros sen abastecerse de combustible. E todos pensaban que ese modelo tardaría décadas en chegar.

Así que un enxeñeiro canadense, Edward R. Armstrong, ideou un sistema para cruzar o Atlántico. Nacido en Ontario en 1876, o seu proxecto comezou a fraguarse en 1913, cando traballaba para a industria aeronáutica, tras o seu paso polo sector petrolífero en Texas. Armstrong proxectou os “seadromes”, que podemos traducir como “aeródromos de mar“.

Tres quilómetros de pista

O invento eran unhas plataformas que se levantaban 21 metros sobre a superficie do mar, sobre unhas columnas que penetraban a 30 metros de profundidade. Con este deseño, evitaban as ondas. A pista tería 3 quilómetros de longo por 1 de ancho

O proxecto consistía en principio en situar 8 “seadromes” ao longo do Atlántico, entre Nova YorkVigo, separados uns doutros por 550 quilómetros. Os avións irían facendo escalas e calculábase o traxecto completo nunhas 30 horas. Nas plataformas, habería restaurantes e pequenos hoteis, para que os pasaxeiros puidesen descansar.

O crac da bolsa de 1929 fixo fracasar o primeiro proxecto de Seadromes de Nova York a Galicia

En 1924, Armstrong constrúe un primeiro “seadrome” en miniatura. Móntao nun estanque e filma unha película que non se cansará de lle amosar a políticos e magnates do momento. Cun ventilador, di recrear ondas a escala de 21 metros. Na metraxe, vemos como envorca un trasatlántico de xoguete que sitúa na bañeira. A plataforma mantense estable.

En 1926, a Armstrong Seadrome Development Company logra os primeiros fondos do Goberno e de investidores privados, incluída a poderosa General Motors. O seu proxecto inclúe unha escala en Azores e sairía un avión cada hora entre Nova York e Vigo.

Os oito “seadromes” terían un custe de 32 millóns de dólares. Pero, para comezar, inicia unha primeira ruta entre Nova York, Atlantic City e Bermuda que só necesitaba unha plataforma. En 1929, ten a aprobación do Goberno e o compromiso de investidores. O domingo 27 de outubro foi primeira páxina en “The New York Times”. Pero o día seguinte frustrou os seus plans: O 28 de outubro foi o “Luns Negro” do Crac da Bolsa e o financiamento desapareceu.

Armstrong encontrou un novo filón na Prohibición. Mentres a mafia desembarcaba en Las Vegas, el pensou en construír un “seadrome” con casinos e hoteis, para eludir a Lei Seca lonxe da costa.

A ruta do proxecto de Armstrong entre Nova York e Vigo con seadromes.

A ruta do proxecto de Armstrong entre Nova York e Vigo con seadromes.

Pero o grande impulso ao seu proxecto chegaría en 1933, cando Roosevelt chega á Casa Branca e inicia o “New Deal“. O presidente entusiásmase co proxecto e, en novembro, o Secretario de Comercio anuncia que o Goberno achegará os 30 millóns de dólares necesarios para construír cinco “seadromes” entre Nova York e Vigo. Son menos que os oito iniciais, porque os avións teñen cada vez máis autonomía. Armstrong non se decata de que, en realidade, se achega o final do seu sono.

O enxeñeiro aínda sorteará o debate que se abre en Washington por financiar unhas bases no medio da nada cuxa bandeira e titularidade non están claras. E, á disputa política, superpóñense os avances técnicos. O “Graff Zeppelin” cruzara o Atlántico en 1927 con 20 pasaxeiros. E o xigante “Hindenburg” promete viaxes transoceánicas para 50 viaxeiros. Pero a labazada definitiva para o proxecto viría da man da PanAm. Primeiro, contratando seis hidroavións capaces de cruzar entre América e Europa, coa posibilidade de amarar en caso de dificultade. Logo, anunciando a inminente construción de avións de longa distancia, con autonomía para máis de dez mil quilómetros.

Edward R. Armstrong ve como o seu proxecto se esborralla. A gran ruta aérea mundial, entre Nova York e Vigo, convértese nunha anécdota da historia, superada polos avances tecnolóxicos. Nunca houbo unha rede de “seadromes” pola que chegou a apostar desde a mafia de Las Vegas ata o presidente Roosevelt.

Durante a Guerra Fría, o inventor aínda intentará dar uso aos “seadromes”, creando unha rede de bases militares para interceptar mísiles nucleares da Unión Soviética. A CIA e o Departamento de Estado chegan a financialo para que os desenvolva. Pero morre en 1955 sen ver realidade os seus sonos.

Armstrong non saberá nunca que a súa tecnoloxía sentou as bases das plataformas petrolíferas. Os peiraos de Vigo, fronte a fronte con Nova York, estiveron a piques de converterse na porta aérea entre Europa e América. E Galicia, no aeroporto do mundo co soño dun enxeñeiro canadense.

Nova sobre os seadromes nunha revista dos EUA.

Nova sobre os seadromes nunha revista dos EUA.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.