Gráfico promocional de 'Hunting Hitler', a serie documental de History Channel.

Gráfico promocional de 'Hunting Hitler', a serie documental de History Channel.

700 documentos do FBI alimentan a teoría de que Hitler fuxiu por Galicia

'History Channel' estrea un documental gravado en Samos, A Coruña e Vigo que sostén que o Führer se refuxiou en terras galegas

Adolf Hitler non morreu no seu búnker de Berlín o 29 de abril de 1945. Fuxiu por un túnel secreto ata o aeroporto de Templehof. Voou ata España e ocultouse en Galicia, protexido pola arañeira de espías tecida polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial. Puido ocultarse na Coruña e no mosteiro de Samos. E finalmente embarcou en Vigo cara a Canarias, para rematar refuxiado na Arxentina, na fronteira con Chile e Paraguai.

Tan rocambolesca historia non é unha fantasía de ficción. Así o sostén a canle History Channel, unha das xigantes da televisión por cable nos Estados Unidos, na serie documental ‘Hunting Hitler’, estreada o pasado mes de xaneiro e que pronto chegará ao mercado europeo.

Gráfico promocional de 'Hunting Hitler', a serie documental de History Channel.

Gráfico promocional de ‘Hunting Hitler’, a serie documental de History Channel.

History Channel apóiase nuns 700 documentos desclasificados polo FBI en 2014. Conteñen información sobre a investigación secreta que fixo Estados Unidos tras a Segunda Guerra Mundial para asegurarse de que Hitler estaba morto. E os documentalistas atoparon dúbidas.

De feito, hai unha inquietante nota manuscrita polo mítico director do FBI Edgar Hoover: “Os oficiais do exército estadounidense en Alemaña non localizaron o corpo de Hitler nin hai ningunha fonte fiable que poida dicir sen dúbidas que Hitler está morto”. E engade: “Existe a posibilidade de que estea vivo”. Ademais, atoparon planos dun túnel que saía do búnker berlinés. E exploran todos os ángulos escuros da versión oficial para alimentar a súa teoría que pasa por Galicia, á que dedican boa parte do capítulo titulado ‘Ratlines‘, a ‘ruta das ratas’ como os aliados chamaron á arañeira de fuga de xerarcas nazis que tiña estación de paso en Vigo.

History emprega 700 documentos secretos do FBI desclasificados no 2014

History Channel ten o nazismo como un tema de cabeceira. Ata o punto de que algúns americanos o chaman o ‘Hitlerian Channel’. En ‘Hunting Hitler‘ desde logo saben como sementar as dúbidas, a pesar de que a versión oficial está amplamente documentada e aceptada. O 29 de abril de 1945 Hitler encerrouse no seu búnker. Esa noite, casou con Eva Braun; escribiu o seu testamento político e, horas máis tarde, ambos suicidáronse, sen testemuñas, nunha oficina. Os dous tomaron cianuro, pero Hitler, ademais, se disparou coa súa pistola. Os seus colaboradores esperaron 15 minutos para entrar. Atopáronos mortos: el cun disparo na cabeza e ela dobrada sobre os xeonllos. Cubriron os corpos con mantas e sacáronos ao exterior envoltos nunha alfombra. Leváronos á praza da Cancillería, asperxéronos con combustible e prendéronlles lume. A diferenza do que sostén a teoría da conspiración, hai varias testemuñas de todo este proceso, incluída a secretaria de Hitler, que sería logo protagonista da película ‘O Afundimento’. Esa muller, Traudel Junge, viviría ata 2002 para narrar o naufraxio do Reich. En 2001, con 81 anos, publicou un libro, ‘Ata a hora final’, que relata a súa experiencia, incluído o suicidio da familia Goebbels ao completo e do matrimonio Hitler.

Imaxe do mosteiro de Samos, cabeceira do capítulo V de 'Hunting Hitler'.

Imaxe do mosteiro de Samos, cabeceira do capítulo V de ‘Hunting Hitler’.

Ademais, o 5 de setembro de 2013 morreu aos 96 anos Rochus Misch, quen asistiu ao suicidio do Führer. Adscrito á súa garda persoal, foi o derradeiro soldado en abandonar o búnker, o 2 de maio de 1945. Tamén foi o derradeiro home en falar co ministro de Propaganda, Joseph Goebbels, antes de que se quitase a vida. O historiador Antony Beevor, autor de ‘Berlín: A caída’, entrevistouno e narrou como o cadáver de Hitler non obtivo o respecto apetecido. Antes de pegarlle lume á pira para incinerar o corpo, un soldado roubou o seu reloxo. E, mentres ardía, Misch baixou de volta ao búnker para avisar a un compañeiro que atendía a radio: “O xefe está a arder, queres subir e botarlle unha ollada?”

Pero os novos documentos do FBI alimentan a teoría conspirativa. Os investigadores conclúen que o mesmo día da morte de Hitler se produciu unha fuxida masiva de xerarcas nazis a través do aeroporto berlinés de Templehof. O difícil é saber como, completamente cercado polos soviéticos, puido o Führer chegar ao aeroporto desde o seu búnker. History ten unha idea: un túnel. E foron gravalo nun dos capítulos, aínda que con escaso éxito, porque se atopa pechado. Ademais, unha testemuña entrevistada que percorreu estas galerías asegura que non conectan co aeródromo. Os guionistas conclúen que talvez existan portas secretas que aínda descoñecemos e que Hitler as utilizou na súa presunta fuxida. Xa se sabe que abrir sospeitas imposibles de comprobar é un clásico do xénero da conspiración histórica.

History visita o mosteiro de Samos e sinala que podería ter acubillado xerarcas nazis

A partir de aquí, a teoría continúa cara a América, pero con escala en Galicia. Os papeis do FBI sinalan a fronteira entre Arxentina e Paraguai como o refuxio máis probable de Hitler se realmente tivese fuxido. É a zona onde se agocharon outros xerarcas nazis. E, para dar o chimpo dun continente a outro, nomean o porto de Vigo.

No capítulo ‘Ratline’ os presentadores falan dun estrano avión que chegou ao aeroporto de Rozas, en Lugo, nas mesmas datas da morte de Hitler. Un avión alemán sen identificacións, coas bandeiras borradas. Un elemento efectista dentro da narración.

‘Hunting Hitler’ ofrece imaxes da enseada de San Simón e da ponte de Rande. E os presentadores visitan o museo Meirande, instalado na antiga conserveira dun alemán. Tamén van ó cargadoiro de mineral que o nazi Friedich Wilhem Cloos utilizaba para exportar wolframio a Hamburgo.

O túnel retratado en Berlín por History Channel.

O túnel retratado en Berlín por History Channel.

Ninguén antes buscara a Hitler en Galicia con tanta determinación. Non existía ningunha mención histórica seria, pero si a moitos criminais de guerra nazis que fuxiron a través do porto de Vigo cara a América. Foi o caso de Walter Kutschmann, que viviu algún tempo en Galicia baixo a identidade falsa dun sacerdote: Pedro Ricardo Olmo Andrés. A cobertura da Igrexa católica aos alemáns fuxidos foi ampla tras a guerra. En Italia, operaba o bispo Alois Hudal, que facilitaba o paso dos xerarcas nazis desde Suíza cara ao porto de Xénova, como sucedeu co médico Joseph Mengele, escapado baixo a identidade falsa de Helmut Gregor. Pero nada hai de Hitler con, ou sen Eva Braun…

History Channel lembra a conivencia entre a Igrexa e a fuxida dos alemáns para especular con que os mosteiros galegos puideron dar acubillo a axentes nazis. No documental amósanse planos do mosteiro de Samos, mentres o narrador asegura que nas súas celas puideron estar recollidos algúns fuxidos de Alemaña.

Tamén se visita A Coruña, onde aparece un cemiterio con tumbas de axentes nazis. E o camposanto civil de Pereiró, en Vigo, onde tamén abundan as sepulturas de nazis que seguiron vivindo na cidade tras a contenda.

O documental fala dun misterioso avión alemán que aterrizou en Rozas (Lugo)

History Channel dedica amplo espazo ás actividades dos submarinos alemáns na ría de Vigo, que tomaban víveres no cargueiro ‘Vessel‘, fondeado no medio da baía. Xa con anterioridade o escritor arxentino Abel Basti, na súa obra ‘O exilio de Hitler’, afirmaba que o Führer simulou a súa morte e tomou un avión desde Austria a Barcelona. Según esta teoría, da Cidade Condal pasou a Vigo, onde embarcou nun submarino cara a Arxentina, onde morrería en 1960. O autor describe a nova vida do Führer con Eva Braun, coa que mesmo chega a ter fillos. E inclúe presuntas fotos da familia Hitler no seu idílico retiro austral.

Os guionistas de History retoman esta teoría e suxiren que Hitler puido tomar un U-boot cara ás illas Canarias, desde onde embarcaría a Buenos Aires. Realmente, é unha historia máis rocambolesca aínda. Porque o sinxelo sería ter tomado calquera trasatlántico da navieira Aznar, que conectaba Vigo con América regularmente, e coa que fuxiron algúns criminais nazis. Un submarino U-boot da Segunda Guerra Mundial non é un submarino nuclear de hoxe. E non pode estar mergullado permanentemente. A elección dun somerxible para viaxar tería sido moito máis perigosa.

Parte do equipo de History Channel, tras gravar en Vigo no verán de 2015.

Parte do equipo de History Channel, tras gravar en Vigo no verán de 2015.

Un equipo de 14 persoas, desprazado desde a central de History en California, gravou en Galicia o pasado verán de 2015. Unha das anécdotas que máis gustou aos reporteiros americanos foi a campaña ‘Acolle un alemán’, impulsada pola ditadura franquista, pola que moitos fogares de toda España, numerosos na Coruña e Vigo, deron acubillo a nazis ao termo da contenda, baixo a premisa de non facer preguntas. Vendíase como algo ‘humanitario’, pero serviu tamén para as actividades da Ratline. En ‘Hunting Hitler‘ especulan con que o Führer fora un dos que viviron nalgunha casa galega, baixo identidade falsa, algo sumamente improbable.

Tamén lles asombraron as fotos do arquivo Pacheco con desfiles con esvásticas pola rúa do Príncipe ou Policarpo Sanz, no centro de Vigo. Ou as actividades no Colexio Alemán vigués, xunto ás fotos de nenos vigueses uniformados como membros das Xuventudes Hitlerianas, como na foto que encabeza este artigo, tomada en Vigo durante a Guerra Mundial, con destacados membros do partido nazi na cidade.

En definitiva, ninguén pode negar que History Channel sabe narrar unha historia e manter o interese. En ‘Hunting Hitler’, sosteñen que o Führer se refuxiou en Galicia ao remate da II Guerra Mundial e que desde Vigo fuxiu a Arxentina. Non hai ningunha proba que o acredite. Pero si 700 documentos do FBI e algúns puntos escuros que sosteñen un documental, en parte gravado en Galicia, que sitúan ó autor de Mein Kampf paseándose polo país.

Aquí podes ler esta reportaxe
nunha versión en castelán

2 respostas a “700 documentos do FBI alimentan a teoría de que Hitler fuxiu por Galicia”

  1. Roberto González

    E non din nada de se cruzou o Atlántico nun OVNI, ou se fixo escala en Alfa Centauri?

    O Canal Historia hai moito tempo que deixou de ser unha fonte fiable. Non hai máis que ver a súa programación, con magufadas sobre aliens que construiron as pirámides e similares, programas de subastas e casas de empeños e algún que outro programa de recheo sobre os nazis.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.