O inventor galego, nunha imaxe na que amosa a eficacia do seu invento. Imaxe: Phottic.

O inventor galego, nunha imaxe na que amosa a eficacia do seu invento. Imaxe: Phottic.

Descobren que un galego inventou as pinzas dos tirantes grazas a unha foto familiar

Manuel Rodríguez-Arijón Pallas, veciño de Carballo emigrado aos Estados Unidos, rexistrou o seu invento en New York no ano 1938

Ás veces, as grandes historias fican agochadas nunha gabeta agardando a que alguén as faga saír á luz. Manuel Rodríguez-Arijón Pallas, como tantos outros galegos anónimos, deixou a súa terra natal, Carballo, e emigrou a Estados Unidos con só 16 anos. Como tantos outros, buscou e rebuscou para gañarse a vida, e imaxinación non lle faltaba.

Páxina da patente na que se amosa o esquema de funcionamento do invento. Fonte: Phottic / Carballo na memoria.

Páxina da patente na que se amosa o esquema de funcionamento do invento. Fonte: Phottic / Carballo na memoria.

A súa historia seguiría no esquecemento, anónima como tantas outras, se non fose porque, moitos decenios despois, o proxecto Carballo na Memoria, impulsado por este concello e a plataforma Phottic, que compila o patrimonio fotográfico desta vila galega, atopouse cun descendente de Manuel. Foi durante un traballo de recollida de imaxes que están realizando polas parroquias do municipio. Os responsables de Phottic non deron crédito ao que tiñan entre as mans: entre as imaxes aportadas polo descendente de Rodríguez-Arijón había unha patente das pinzas dos tirantes, datada en 1938 en New York. Foi a confirmación da solicitude que realizara dous anos antes, en 1936.

Sóubose, grazas a este encontro, que Manuel chegou primeiro a Tampa (Florida) onde foi retratado, elegante, na imaxe que figura baixo estas liñas, cun feixe de billetes. Envioulla á súa familia galega, como síntoma de que as cousas ían ben. Viaxou despois a New York. Alí inventou e patentou os ‘clips’ dos tirantes, e posteriormente, rexentou un negocio no que fabricaba e vendía o seu propio invento.

Rodríguez-Arijón, retratado en Tampa (Florida). Fonte: Phottic / Carballo na memoria.

Rodríguez-Arijón, retratado en Tampa (Florida). Fonte: Phottic / Carballo na memoria.

O mecanismo de suxeición dos tirantes foise perfeccionando desde o século XIX, pero ata o enxeño creado por este galego, eran sostidos normalmente con botóns ou corchetes. No documento da patente, o propio Rodríguez-Arijón expón, durante catro páxinas, o mecanismo de funcionamento, con gráficos e unha longa descrición de texto.

A idea deste carballés tivo unha grande acollida en New York, segundo contan os seus descendentes, e o seu éxito propiciu que o convidaran a ser membro do “Chartered Institute of American Inventors” que daquela era unha das asociacións de inventores máis prestixiosas do mundo.

Este curioso achado foi posible grazas ao traballo de compilación de fotografías que Phottic comezou a realizar recentemente nas parroquias do Concello de Carballo, onde xa hai publicadas na web milleiros de fotografías de todas as épocas que reflicten a vida dos veciños do municipio. Phottic impulsou tamén proxectos semellantes noutros concellos galegos e con clubes deportivos como o Deportivo da Coruña.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.