Estela da Pedra Alta.

Estela da Pedra Alta.

Os segredos do Guerreiro da Pedra Alta

Novas investigacións apuntan a que este 'menhir' único en Galicia foi gravado por un artesán local

Representa un guerreiro castrexo, da Idade do Bronce, armado cun escudo, unha espada, unha lanza e un carro. É unha ‘estatua-menhir’ labrada por un artista de hai máis de tres mil anos. Foi atopada en Ourense e constitúe un caso único en Galicia.

Manuel Santos Estévez.

Manuel Santos Estévez.

A estela da Pedra Alta foi realizada por un artesán local cunha técnica moi semellante á que se utilizaba para tallar os petróglifos. Esta conclusión, tirada do estudo  dos gravados da pedra cunha técnica fotogramétrica, converte a estela nunha figura aínda máis curiosa para a arqueoloxía galega. O simple achado dunha estela de guerreiro cun perímetro antropomorfo en Castrelo do Val (Ourense) xa facía peculiar a esta estatuaria prehistórica, pois é característica da zona de Estremadura, Andalucía e Sur de Portugal, pero o recente estudo sobre os seus gravados revela que foi obra de un artista local, que seguiu as incisións esquemáticas que utilizaban no sur da Península Ibérica.

“Había a posibilidade de que fora introducida ou que viñeran artesáns do Sur, pero esta terceira opción é máis interesante”, indica o doutor galego Manuel Santos Estévez, da Universidade do Minho. E o é porque indica que ademais de intercambio de materias primas, sobre todo metais, “había tamén un intercambio de ideas e ideoloxías”. “Tradicionalmente pensamos que na Prehistoria só había grupos de aldeas illados, e isto é unha proba máis de que había contactos a longa distancia”, explica.

O carro do guerreiro podería ser funerario e a estela estar situada na súa tumba

Este novo descubrimento sobre a estela implica ademais que a representación do carro que ten, “unha rareza” no Noroeste da Península, sexa a máis antiga de toda Galicia, con máis de 3.000 anos. A rocha ten tamén un escudo, unha espada e unha lanza, que están dentro das representacións estándar destes útiles “en toda Europa Occidental” nestes momentos, pero o carro, pola contra, se sae da imaxe típica. “Supuxo unha sorpresa a súa forma porque no suroeste teñen forma semicircular con rodas e o tiro do cabalo, pero na de Castrelo de Val a forma é moito máis alongada, parecido a un carro funerario”, indica Santos. Fronte aos carros guerreiros do sur, este en principio suxire que están trasladando un corpo, o que “pode levar a pensar que a estela se utilizaba para marcar unha zona de enterramento”. As tumbas son, indica, unha maneira de apropiación simbólica do territorio e Santos agarda que nun futuro se poida estudar en profundidade esta area para saber se podería haber algunha tumba na zona, a pesar de que nos anos 70 se fixo unha concentración parcelaria que levantou moitas terras.

Fotogrametría da Estela de Pedra Alta.

Fotogrametría da Estela de Pedra Alta.

A medición dos puntos da superficie da estela en base a un conxunto de fotografías, que é en que consiste a técnica fotogramétrica desenvolvida polo investigador portugués Hugo Pires, permitiu tamén descubrir que a pedra ten tres fases de produción. No principio, a pedra tiña só gravados Neolíticos con forma de círculos concéntricos que están incompletos pola posterior modificación do borde da estela. Na Idade do Bronce chegaron o carro, a espada, o escudo e a lanza, e despois, probablemente entre os séculos V e VII, as catro escotaduras laterais que lle confiren o aspecto antropomorfo. A estela, polo tanto, foi reutilizada ao longo do tempo, como poden ser, exemplifica Santos, as igrexas, que poden ter base románica e multitude de reformas ao longo dos séculos.

A estela foi atopada en 2011 por un veciño do concello ourensán e está exposta no Museo Provincial de Ourense, aínda que as negociacións do goberno local pretenden que finalmente a pedra poda exhibirse no concello. A area de Castrelo do Val, Laza e Verín era moi importante na Idade do Bronce, época na que está datada a estela, en torno ao 1200 a 1000 a.C. aproximadamente, porque eran zonas mineiras ricas en estaño, que se empregaba para a produción do bronce. Este material empregábase fundamentalmente para armas, é dicir, era un comercio de luxo que indica a importancia da zona se temos en conta que os xacementos desta época tiñan unha “importante concentración de estaño, pero en lugares moi concretos”, apunta Santos. Era, polo tanto, dunha economía de clases acomodadas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.