O pasado 5 de abril levouse a cabo o lanzamento dos foguetes Black Brant XI desde o centro espacial de Andøya, en Noruega. Os aparellos forman parte da misión Azure, que ten por obxecto medir os fluídos das partículas neutrais e cargadas que producen os ventos das auroras polares na ionosfera do planeta.
A bordo dos foguetes Black Brant ían instrumentos científicos para medir estes intercambios de enerxía que se producen nas auroras. Mediante a liberación de gases traza, como o trimetilaluminio (TMA) ou unha mestura de bario e estroncio, que se ionizan cando se expoñen á luz solar, créanse nubes de cor que permiten aos investigadores medir o comportamento das partículas implicadas nestes fenómenos polares.
As imaxes, que difundiu a NASA estes días, deixaron abraiados a quen puido observalas en directo. Mesmo se publicou un timelapse que permitiu seguir a traza destas nubes.