Os integrantes dp equipo co seu robot Bumblebee.
Os integrantes dp equipo co seu robot Bumblebee.

Cinco alumnos de Vigo acadan dous premios de robótica móbil

O equipo, da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, enfrontouse no ASTIChallenge 2019 a 14 universidades e centros de FP superior españois

Un grupo de estudantes da Escola de Enxeñería Industrial (EEI) da Universidade de Vigo enfrontáronse a 14 equipos de universidades e centros de FP superior de toda España na final do ASTIChallenge 2019. O equipo, GCode Robotics, acadou dous premios neste desafío de robótica móbil colaborativa: o premio ao mellor robot na loita de duelo e o premio ao mellor equipo de social media con Bumblebee, un pequeno robot baseado en tecnoloxía open-source.

“Iamos coa expectativa de probar a experiencia e coñecer como era o mundo da competición no ámbito de ASTI, pero non esperabamos gañar. Ningún equipo de Fórmula 1 chega e gaña a competición”, explica David Fernández, que xunto Fernando Flores, Miguel Salvatierra, Ánxel Fragueiro e Marcos Dalmeida, integra GCode Robotics.

David Fernández: “Non esperabamos gañar. Ningún equipo de Fórmula 1 chega e gaña a competición”

A vitoria do equipo vigués na categoría de mellor robot na loita de duelo, non obstante, non estivo exenta de dificultades. “A xornada empezou mal por mor dun algoritmo na proba da varredora autónoma”, detalla David Fernández. Explica que as cousas cambiaron nos seguintes retos: “O programa funcionou bastante ben, tanto no labirinto como no tiro de bolos, que non funcionaba e tivemos que case programalo no medio da competición”. O grande éxito do equipo chegou na proba de loita de sumo, na que foron quen, non só de vencer ao gañador do premio absoluto do ASTIChallenge 2019, senón tamén de permanecer invictos, sen que ninguén lles gañase ningún asalto.

No caso da proba da “mini-fábrica”, unha das máis complicadas, David Fernández explica que “non nos funcionou, pero fomos pioneiros por intentalo de forma autónoma, algo que non intenta case ninguén e iso que nós chegamos á competición en decembro, cando xa comezara en setembro”. Desde finais do ano pasado, os integrantes GCode Robotics traballaron no desenvolvemento dun robot baseado en tecnoloxía open-source, polo que publicarán o código usado e os deseños 3D na plataforma GitHub. Bumblebee, que conta con catro sensores infravermellos de distancia e unha matriz de oito sensores de contraste, ademais de antenas de radiofrecuencia para as comunicacións coa contorna e un acelerómetro e xiroscopio, foi impreso en 3D e para o control empregaron unha placa Arduino Nano, cun microcontrolador ATMega328.

A mellor celebración: durmir

O alumnado da EEI enfrontouse a 14 universidades e centros de FP superior españois.
O alumnado da EEI enfrontouse a 14 universidades e centros de FP superior españois.

Os integrantes do equipo da Universidade de Vigo fan unha valoración moi positiva da súa participación e dos galardóns acadados na competición, que ten como obxectivo desenvolver o talento no ámbito tecnolóxico e empoderar a nova xeración de líderes no campo da robótica móbil colaborativa. “Na final había nivel. Había robots que levaban o seu propio chip, a súa placa controladora integrada sen cable. De feito, o que gañou levaba un PCD perfectamente deseñado”, explica David Fernández: “Con cables, outros conectábanse por bluetooth e xa cargaban os programas desde aí. Pero iso non nos impediu acertar coa clave para gañar”.

Despois de pasar a noite previa a o inicio da competición traballando e sen durmir nada, “a mellor celebración do conseguido foi durmir”, asegura o voceiro do equipo, que destaca como o máis positivo deste tipo de competicións a grande aprendizaxe que supoñen para quen toma parte nelas. Tanto David Fernández, como o resto de integrantes do equipo GCode Robotics, tíñani claro antes de participar no ASTIChallenge 2019: “A robótica móbil gústame moito e ao resto tamén lles gusta competir a nivel de deseño”.

Na fase final do ASTIChallenge 2019 participaron, ademais dos 15 equipos na modalidade de universidade e FP superior, outras 51 formacións con integrantes de institutos e ciclos medios de FP de toda España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.