GCiencia

Sentímola nosa

“Sentímolo noso”.  Ángel Carracedo resume nesta sinxela frase, pronunciada por algún alumno de instituto de calquera vila galega, a sensación que produce nos rapaces que se lles explique a ciencia no seu idioma.  O feito de que quen o faga sexa o científico de maior proxección internacional que deu Galicia en toda a súa historia subliña a importancia da proximidade na divulgación. Carracedo, nacido en Santa Comba, visita sempre que a súa axenda o permite algún centro de Secundaria ou Bacharelato para charlar de ciencia cos alumnos. En galego, a mellor maneira de que sintan próximo a el e aos seus coñecementos.

Cóntao na entrevista que este 25 de novembro publica GCiencia para celebrar os dous anos que hoxe se cumpren do seu nacemento. Ninguén mellor que Carracedo para falar de ciencia, de divulgación e de galego, os tres grandes eixos que alumaron o nacemento deste Portal da Ciencia Galega en 2013, os mesmos que lle permiten afrontar o seu terceiro ano de existencia coa ilusión de quen espera ter un longo percorrido por diante. GCiencia divulga a ciencia galega no seu propio idioma; e lonxe de constrinxir o seu campo de influencia, como cabería supoñer, tan sinxelas premisas permitíronlle consolidarse como unha das cabeceiras de referencia no panorama mediático dixital galego, en pé de igualdade con versións dixitais de xornais de gran tradición na comunidade autónoma.

Para nós, como para Ángel Carracedo, divulgar a ciencia en galego é a mellor forma de sentila nosa

As máis de 100.000 visitas que GCiencia recibe cada mes, nunha tendencia de constante crecemento, demostran que o interese pola ciencia existe, que é real. E que na internet funciona algo máis que os contidos virales máis ou menos edificantes e en nada relacionados co xornalismo, aos que a maioría dos grandes medios de comunicación recorren para incitar o tráfico. Cos seus defectos e as súas virtudes, o portal da ciencia galega trata de facer iso: xornalismo. Sen renunciar a complementar os seus contidos coa fotografía, co vídeo e mesmo coas curiosidades da ciencia, pero procurando non perder nunca o rigor. E cunha aposta cada vez maior polo idioma galego. Todos os contidos de GCiencia están na actualidade escritos no idioma de Galicia, para se complementar con series de reportaxes trilingües que engadan o castelán e o inglés como linguas de referencia.

Grazas á resposta dos lectores e ao apoio de anunciantes e patrocinadores, o que comezou como unha aventura de resultado incerto é hoxe un proxecto consolidado e profesionalizado, con contidos elaborados por xornalistas especializados e no que colaboran científicos galegos de tanto prestixio como Antonio Figueras, David Posada, Mar Capeáns ou Miguel Ángel Ríos. Desde o pasado luns, GCiencia presenta tamén un novo deseño máis atractivo, claro e actual, que substitúe ao orixinal con que viu a luz en novembro de 2013, e incorpórase ao dominio .gal.

O portal, dirixido polos xornalistas Pablo López e Eduardo Rolland e editado por Ciencia Galega Industrias Creativas S.L., non se limitou nos seus dous anos de existencia á publicación de contidos. Neste tempo tamén puxo en marcha importantes proxectos paralelos, como por exemplo os premios Contar a Ciencia, en colaboración con La Caixa, e Galicia Spin-off, co Banco Pastor. O primeiro deles, que vai pola súa segunda edición, trata de incitar aos alumnos de Comunicación das tres universidades galegas a divulgar a ciencia que se desenvolve nos seus propios campus, a máis próxima. E o segundo, que se entregará o vindeiro luns, premia ás mellores empresas xurdidas do ámbito universitario.

Na entrega dos Galicia Spin-off,  na sede da Fundación Barrié da Coruña, participarán o conselleiro de Ordenación Universitaria, Roman Rodríguez, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o presidente do Banco Pastor, José María Arias. O acto servirá para pechar unha semana de celebración na que, ademais de renovar o seu deseño, GCiencia tamén se esforzará por ofrecer contidos que permitan achegarse á realidade da divulgación da ciencia en Galicia. E en galego, porque para nós, como para Carracedo, tamén é a mellor forma de sentila nosa.

Unha resposta a “Sentímola nosa

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.