O Museo de Historia Natural de Ferrol, que cumpriu en 2019 o seu 40º aniversario, chega á mediana idade atesourando algunhas das mellores coleccións naturalistas da península ibérica, froito do traballo activista da Sociedade Galega de Historia Natural, a súa entidade precursora.
Juan Rodríguez Silvar (Ferrol, 1953), biólogo, naturalista e activista ambiental, foi un dos fundadores en 1976 da Sociedade Galega de Historia Natural. Rodríguez Silvar, xunto cun nutrido grupo de estudantes de Bioloxía da época, foron quen de pór en marcha unha institución pioneira en Galicia, que tiña por obxectivos fomentar o coñecemento, a divulgación e a defensa do medio ambiente galego. Todo un reto naquela altura.
– O nacemento do museo de Historia Natural de Ferrol semella nos seus inicios unha labor de activismo, como xorde e por que?
– En 1977 volvín a miña cidade natal por motivos laborais despois de formar parte do cerne do Grupo Ornitolóxico Galego (GOG), en 1973, e a súa transformación en Sociedade Galega Historia Natural (1976), da que fun secretario nese tempo. Chegar a Ferrol e continuar co activismo deses anos xunto cos socios locais pareceunos o máis natural, así que convocamos unha reunión aberta en 1979, da que saíu a primeira Delegación da SGHN.
As nosas iniciativas foron ben acollidas nunha cidade nacida na Ilustración, e cunha longa traxectoria de xente ilustrada, de distintas procedencias profesionais, sindicais e asociativas. Ninguén pensaba en museos entón, pero a nosa presencia nun baixo particular prestado deunos visibilidade, e pronto comezou a chegar material procedente da intensa actividade de caza de entón, das repetidas mareas negras ou sentinazos e os abeiramentos mariños de tartarugas, aves, lobos de mar e cetáceos.
– Hai moito traballo de colaboración ata chegar a hoxe en día, Botas en falta máis apoios públicos, ou de mecenas, na actualidade?
– O museo é unha milagre, pola confluencia entre a ilusión dunha asociación e os sucesivos representantes da cidade, que souberon apoiar coa cesión dos locais e fondos públicos na medida das súas posibilidades.
No 1983, a SGHN en Ferrol conseguira unha valoración social de abondo para que a corporación local de entón nos cedera, por convenio, un precario local sobre a Praza de Amboaxe. Alí nos mantivemos ata 2011, data do traslado á chamada “Casa do Coronel”, no cuartel de Sánchez Aguilera, desafectado por Defensa e cedido en uso e custodia ao Concello de Ferrol. Este acordou en 2006 autorizar a instalación nel das coleccións da SGHN, que xa saturaban o local de Amboaxe.
No entanto, o futuro debe reservar a emoción para a experiencia dos visitantes e dos voluntarios que apoiamos o traballo cotián. Agora hai que pensar e xestionar un museo actualizado, cunha base máis ampla de apoio -público e privado, na miña opinión- para dar un salto cualitativo e permitir completar a súa restauración, conseguir as instalacións necesarias para garantir a conservación das coleccións, ampliar a superficie expositiva que aínda permite o edificio e contar con apoio profesional cualificado.
Este é o paso que estamos a dar como entidade, trasladar dende a SGHN á sociedade galega a necesidade de apoio económico e cívico para mellorar o xa feito. Queremos seguir a ver a satisfacción e a ilusión na faciana dos visitantes ou nos comentarios que deixan nas redes.
– Fostes un grupo pioneiro en España, nacido en Galicia, porén, moi relacionado cos principais actores do movemento ecoloxista e conservacionista nacionais, e cunha clara orientación cara mundo e a sociedade. Como se consegue isto nunha época difícil, onde aínda a ditadura estaba ben presente?
– A enerxía dos vinte anos era útil, tamén a convicción da necesidade de paliar a escaseza de medios daquela universidade galega que nos tocou vivir, con iniciativa e contactos fóra de Galicia e de España. Nos tempos revoltos previos á morte de Franco, con folgas, manifestacións e peches de facultades, a auto organización e a solidariedade eran obrigadas no académico. E para unha ducia escasa de estudantes de Bioloxía, como decisión auto imposta de comezar a traballar no “coñecemento, divulgación e protección do medio natural galego”, como se recolleu nos estatutos do GOG aprobados polo Ministerio de Gobernación en vida do ditador cun nome da asociación en galego, algo singular, visto coa perspectiva dos anos.
Así iniciamos actividades e conseguimos poñer a Galicia entre os pioneiros do medio ambiente peninsular, grazas aos esforzos por asistir a canta xuntanza ía xurdindo, coñecer aos naturalistas dos que aprender, ou escribir cartas con selo a científicos de todo o mundo que foran de referencia nos campos de interese. Tempos de lentos correos postais, esperas para falar por teléfono en locutorios, moita xenerosidade humana e poucas certezas de conseguir nada.
– Dende o voso nacemento como institución estivo presente a necesidade de abordar o coñecemento do medio ambiente, para divulgalo e así protexelo. Cal é o teu balance nestes corenta anos?
– O coñecemento da natureza galega, aínda que ben sabido agora, debíase, en boa medida, ata mediados do S.XX, ás achegas de cregos ilustrados con formación naturalista, ás testemuñas esporádicas de visitantes foráneos, a figuras como o xeólogo Schulz, ou na zooloxía, a figuras como a de López Seoane e Cabrera. Mais as secuelas da Guerra Civil (a expulsión de Isidro Parga Pondal da USC, un exemplo) e a tardía constitución da Sección de Ciencias Biolóxicas en Compostela, deixaban un terreo tan vasto para traballar como ermo de referencias.
En 1977 nace a Educación Ambiental (EA) en Tiblisi. En 1979 fanse as primeiras xornadas españolas en Sevilla, e alí estabamos cinco docentes vencellados á SGHN! Por entón viñamos de constituír en Ferrol a primeira Delegación da SGHN, e os principios da Educación Ambiental atoparon terreo fértil, grazas á información de primeira man e ao interese da moita comunidade educativa, asistentes as varias Xornadas Pedagóxicas da época e abertas a novas experiencias educativas nas que colaboramos no posible.
O Grupo Ornitolóxico Galego, conseguiu facer amplos censos de aves acuáticas e invernantes en coordinación coa Sociedad Española de Ornitología, anelar aves, ou publicar Bubela, un boletín. Xa como SGHN conseguiuse publicar Braña, a primeira revista de Ciencia en galego (1977), que aínda vive en dixital na nosa web, cadernos divulgativos sobre a enerxía nuclear, e contra da caza de baleas ou sobre os incendios.
– Cales consideras que son os principais fitos acadados?
– O Museo sempre mantivo unha posición firme e independente a prol do medio ambiente, o fito da publicación en 1995, dos dous volumes do Atlas de Vertebrados de Galicia (AVG), é para min un marco senlleiro de ciencia cidadá. Iniciado en 1979 cun case nulo apoio institucional, conseguiu a participación de douscentos colaboradores. O AVG foi, é, e será empregado como obra da referencia da fauna vertebrada galega. Algo impensable naquel afastado 1973.
– Como foron atesourándose as coleccións do MSH?
– As coleccións son o resultado dun esforzo indescritible por parte de moitas persoas e a colaboración con armadores, empresas, outras asociacións afíns e contadas institucións.
– Cales destacarías?
– Hai moitas a destacar. A colección osteolóxica de mamíferos mariños. A máis rechamante parte da nosa exposición, dominada polo esqueleto dunha femia de balea común de 18 metros. Tamén a colección monográfica da caza das baleas. A actividade de caza, a súa importancia económica e impacto ambiental son presentadas por decenas de elementos.
A colección paleontolóxica de cranios da familia Ziphiidae, e outras coleccións paleontolóxicas. A interesante colección de grandes exemplares mariños en líquidos conservantes ou a colección de tartarugas mariñas. A colección Xavier Sóñora Gómez. O seu herbario, coleccións conquiolóxicas e de crustáceos, ademais dos seus útiles de campo e lembranzas relacionadas coa súa formación. A colección Contraalmirante Claudio Montero y Gay, unha excelente compilación dunhas 3.000 cunchas de Filipinas, recollidas por este mariño ferrolán mentres estivo ao cargo da Comisión Hidrográfica (1855-1862). A colección de artrópodos decápodos. Uns 100 exemplares en seco ou líquidos, conservantes. A colección entomolóxica e ornitolóxica. A xeolóxica e de minerais e rochas. E tamén é de destacar a Biblioteca da Natureza. Nacida dentro da Delegación de Ferrol conta aproximadamente catro mil entradas de libros e revistas sobre Natureza. Xa dixitalizada, está en proceso de integración na rede de bibliotecas de Galicia.
O museo pasou de sete mil visitas anuais en 2016 a máis de dez mil en 2018
– Cal é o perfil de visitantes?
– De 2016 a 2019 foise incrementando o número de visitas de algo máis de sete mil a superar as dez mil en 2018. En 2019 baixou algo e o impacto da Covid-19 está a ser obvio. O perfil de procedencia é moi interesante: pese a recibir moitas visitas escolares organizadas, a maioría das visitas son libres, constituídas por moito turismo cun perfil cultural. Son frecuentes grupos familiares procedentes do resto de Galicia e a península Ibérica, frecuentemente con rapazada, e especialmente no período estival, Semana Santa, Entroido, Nadal e algunha festa doutras comunidades, o que desvela un interesante perfil turístico de Ferrol.
– Como se afrontan as visitas nesta época de pandemia?
– Antes da pandemia comezabamos a recibir visitas de viaxeiros dos cruceiros que fan escala na cidade, queda ver como será o futuro desta modalidade. Durante o confinamento procuramos ofertar na rede contidos do museo na web sghn.org/museo e, tras o peche, reinstalamos non poucas pezas da exposición, deseñando novos percorridos e protocolos para cumprimento da seguridade. Pouco a pouco as visitas van enchendo de novo as salas e con elas volve a ledicia de compartir ciencia.
– Cales son os retos do Museo para o futuro?
– Se xa había debate sobre os museos en xeral e o noso en particular, a pandemia veu a avivar o tema. Que debe “contar” un museo? como chegar a visitantes tan diversos? Como “provocar” o interese pola ciencia, o respecto pola vida? Estas e moitas outras facetas son as que nos preocupan. Para iso debatemos entre nós, colaboramos dende 2016 co Mestrado de Museos, Arquivos e Bibliotecas da UDC e outras entidades académicas, acollendo alumnado en prácticas e procuramos participar en redes museísticas, de turismo científico e eventos formativos do sector, de interpretación do patrimonio, educación ambiental ou calquera outra que nos axude a mellorar.
Estase tamén a traballar nunha dobre dirección: a integración na rede de museos e o estudo de fórmulas organizativas que garantan o futuro do museo.
En todo caso, sexa cal sexa o medio e circunstancias da visita, o reto é tratar de preservar o espírito de esforzo e xenerosidade de tantas persoas que fixeron posible ter en Galicia, en Ferrol, un pequeno e singular Museo de Historia Natural.