Aida Fernández Ríos, ao remate do acto de ingreso na RAGC.

Aida Fernández Ríos, ao remate do acto de ingreso na RAGC.

Unha bióloga, terceira muller en incorporarse á Academia Galega de Ciencias

Aída Fernández Ríos, de Investigacións Mariñas (CSIC) en Vigo, continúa a nova etapa de renovación da institución

Unha bióloga, Aida Fernández Ríos, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC), convértese na terceira incorporación da nova etapa da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), que este ano integrará a seis novos membros, incidindo na presenza da muller investigadora, que históricamente estaba relegada dentro da institución.

O discurso de ingreso da nova académica da RAGC titulábase “Acidificación do mar: unha consecuencia das emisións de CO2”. Logo de pronuncialo, recibiu a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma foille entregado polo coordinador institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara.

Ao acto asistiron, entre outros, o secretario xeral do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar, Juan Carlos Maneiro; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros; e a directora do Instituto de Investigacións Mariñas, Carmen González.

Fernández Ríos ten publicado máis de 100 traballos de investigación

Aida Fernández Ríos ingresou no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo do CSIC en 1972, onde exerceu como directora entre 2006 e 2011. Traballa na determinación do aumento do dióxido de carbono de orixe antropoxénica (causado pola acción do home) e no aumento da acidez na auga do mar, principalmente no Océano Atlántico. Publicou máis de 100 traballos de investigación, 92 deles en revistas do SCI (Scientific Citation Index), con máis de 3.000 citas, e é revisora de diversas publicacións científicas. Participou en máis de 50 conferencias internacionais contribuíndo con presentacións orais ou pósters.

Fernández Ríos, que ten participado en máis de 50 proxectos de investigación, realizou estancias nos centros de investigación James Rennell Center for Ocean Circulation de Southampton (Reino Unido), Brookhaven National Laboratory Associated Universities en Long Island, NY (EE.UU) e no Laboratoire de Physique des Océans (CRNR-IFREMER-Université) en Brest (Francia).

Foi presidenta do comité español do International Geosphere-Biosphere Programme sobre cambio global entre 2005 e 2011. Participou en 30 campañas oceanográficas (en cinco delas en calidade de xefa científica), das cales 10 foron internacionais, realizadas nos océanos Atlántico e Índico e na Antártida.

A bióloga foi xefa científica en 5 das 30 campañas oceanográficas nas que participou

É membro da Comisión Académica do Campus do Mar, do Comité Científico da Plataforma Oceánica de Canarias (PLOCAN) e do Conseil d’Orientation Strategique et Scientifique de la Flotte Océanographique Française. Ademais, é punto focal en España do programa Global Ocean Ship-based Hydrographic Investigations Program (GO-SHIP).

Realizou tarefas como avaliadora tanto de proxectos e infraestrutura de convocatorias  nacionais como de proxectos europeos, estatais de Suecia e da National Oceanic and Atmospheric Administration (NOAA) en Estados Unidos, así como de proxectos de campañas oceanográficas do Institut Français de Recherche pour l’Exploitation de la Mer(IFREMER).

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.