Venres 26 Abril 2024

A Galiciencia 2018 bota a andar este mércores

A maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, comeza este mércores unha nova etapa coa celebración da súa primeira edición de primavera, co cambio climático como tema central. O evento volve así só seis meses despois da anterior edición, que tivo lugar por última vez no outono logo de doce anos.

A edición 2018, dará comezo mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense) coa previsión de recibir máis de 2.000 visitas ata o vindeiro venres. Este ano, serán 77 os proxectos expostos, coa participación de máis de 150 investigadores noveis procedentes de 30 colexios e institutos distintos.

Publicidade

A entrada é libre polas tardes para particulares e familias

A delegación máis numerosa na exposición de proxectos procede da provincia de Pontevedra, cun total de 32 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 29 de Ourense, 9 da Coruña, 5 de Lugo e 2 de Barcelona.

Durante os días 9, 10 e 11 de maio a entidade organizadora, Tecnópole, acollerá no seu recinto a carpa na que os 50 equipos de Secundaria e FP mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación en stands individuais. A eles súmanse, fóra de concurso, 27 traballos de Primaria.Todos eles recibirán a visita de grupos escolares procedentes de 36 centros de toda Galicia, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes.

No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e conseguir apoio económico para participar na maior feira científica a nivel estatal (a Exporecerca), na feira anual de ciencia que ten lugar cada ano na primavera en Bilbao (a Zientzia Azoka) e no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

 Cambio climático, o protagonista este ano

Este ano, as actividades paralelas terán o cambio climático como protagonista. A primeira delas supuxo o lanzamento dun desafío que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final o venres. En “Atrévete co cambio climático!” participaron escolares de Primaria, Secundaria e Bacharelato de toda Galicia que ata o de agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a victoria presencialmente durante a Galiciencia.

Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en talleres nos que se poderán iniciar na sensibilización sobre o cambio climático. A través de experimentos interactivos, os participantes coñecerán en profundidade conceptos coma o quecemento global e o efecto invernadoiro e tomarán conciencia sobre o xeito no que a acción humana inflúe sobre eles. Estes serán tamén os temas centrais do espectáculo científico que poderá seguirse o xoves en streaming(retransmisión en directo por internet) desde calquera centro escolar ou desde a casa.

Ademais, os visitantes terán ocasión de ver a exposición “Mulleres que cambiaron o mundo”, que forma parte do proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino, no que participan 17 parques membros da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE). O seu obxectivo principal é fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as mozas presentando modelos femininos que reforcen os estereotipos positivos sobre as mulleres en ámbitos científicos-técnicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro galegos proban o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico pioneiro

O tratamento, que acaba de ser aprobado en Estados Unidos, pode tardar dous anos en estar dispoñible en España

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

O sector galego das TIC suma 23.000 empregos directos, 4.000 no último lustro

A facturación medra preto dun 14% e achégase aos 3.700 millóns de euros

Estamos máis preto da detección precoz do alzhéimer?

A través dos biomarcadores podémonos adiantar á aparición das enfermidades vinculadas á vellez