A Galiciencia 2018 bota a andar este mércores

A maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, comeza este mércores unha nova etapa coa celebración da súa primeira edición de primavera, co cambio climático como tema central. O evento volve así só seis meses despois da anterior edición, que tivo lugar por última vez no outono logo de doce anos.

A edición 2018, dará comezo mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense) coa previsión de recibir máis de 2.000 visitas ata o vindeiro venres. Este ano, serán 77 os proxectos expostos, coa participación de máis de 150 investigadores noveis procedentes de 30 colexios e institutos distintos.

Publicidade

A entrada é libre polas tardes para particulares e familias

A delegación máis numerosa na exposición de proxectos procede da provincia de Pontevedra, cun total de 32 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 29 de Ourense, 9 da Coruña, 5 de Lugo e 2 de Barcelona.

Durante os días 9, 10 e 11 de maio a entidade organizadora, Tecnópole, acollerá no seu recinto a carpa na que os 50 equipos de Secundaria e FP mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación en stands individuais. A eles súmanse, fóra de concurso, 27 traballos de Primaria.Todos eles recibirán a visita de grupos escolares procedentes de 36 centros de toda Galicia, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes.

No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e conseguir apoio económico para participar na maior feira científica a nivel estatal (a Exporecerca), na feira anual de ciencia que ten lugar cada ano na primavera en Bilbao (a Zientzia Azoka) e no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

 Cambio climático, o protagonista este ano

Este ano, as actividades paralelas terán o cambio climático como protagonista. A primeira delas supuxo o lanzamento dun desafío que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final o venres. En “Atrévete co cambio climático!” participaron escolares de Primaria, Secundaria e Bacharelato de toda Galicia que ata o de agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a victoria presencialmente durante a Galiciencia.

Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en talleres nos que se poderán iniciar na sensibilización sobre o cambio climático. A través de experimentos interactivos, os participantes coñecerán en profundidade conceptos coma o quecemento global e o efecto invernadoiro e tomarán conciencia sobre o xeito no que a acción humana inflúe sobre eles. Estes serán tamén os temas centrais do espectáculo científico que poderá seguirse o xoves en streaming(retransmisión en directo por internet) desde calquera centro escolar ou desde a casa.

Ademais, os visitantes terán ocasión de ver a exposición “Mulleres que cambiaron o mundo”, que forma parte do proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino, no que participan 17 parques membros da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE). O seu obxectivo principal é fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as mozas presentando modelos femininos que reforcen os estereotipos positivos sobre as mulleres en ámbitos científicos-técnicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dúas esculturas do galego Francisco Asorey González cobran vida en 3D

O CIAG dixitaliza por fotogrametría as obras para crear modelos de alta resolución que permiten explorar os seus detalles e contribuír á preservación do patrimonio

Un equipo galego crea un dispositivo móbil para previr lesións lumbares entre o persoal de emerxencias

A tecnoloxía AppGym, desenvolvida dende a UDC, monitoriza en tempo real a flexión da columna e alerta de posturas potencialmente lesivas

Só o 22,1% das noticias sobre violencia machista dixital incorporan perspectiva de xénero

Un novo informe elaborado pola UVigo analiza 1.543 publicacións en 11 medios e alerta de que a cobertura está centrada no relato das agresións fronte á prevención

Bosques de algas laminarias nas costas españolas: un “Amazonas” mariño ameazado pola actividade humana

Algúns bosques de laminarias teñen unha produción de materia orgánica neta media duns 1.000 gramos de carbono por metro cadrado ao ano, valores comparables aos de bosques amazónicos. Por César Peteiro