Sábado 27 Abril 2024

Científicos de Vigo e Santiago participarán na Campaña Antártica

A experiencia do científico da Universidade de Vigo Mariano Lastra e do seu equipo na Antártida é ampla e profunda. Tras cinco campañas previas, un novo proxecto financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade tratará de analizar os procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición de algas nos intermareais sedimentarios de Porto Foster, na Illa Decepción da Antártida. O proxecto comprende dúas campañas científicas na zona, a primeira delas entre o 29 de xaneiro e o 3 de marzo de 2016, na que participará un equipo de cinco investigadores das universidades galegas, tres da Universidade de Vigo (Mariano Lastra, IP do grupo, Jesús López e Adoración Sánchez) e dous de Santiago de Compostela (José Emilio Mora e Manuel Ángel García). O obxectivo é crear un modelo para predicir o efecto da actividade xeotérmica no litoral antártico e encádrase na Campaña Antártica do Exército de Terra 2015/2016, a máis antiga das misións que se levan a cabo no exterior, que acada a vixésimo novena edición e que este xoves se presentou na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. A XXIX Campaña Antártica Española durará 100 días e comprende 20 proxectos de investigación de universidades e centros científicos españois e internacionais e nelas participarán arredor de 100 científicos.

O reitor, Salustiano Mato, na presentación da misión á Antártida.
O reitor, Salustiano Mato, na presentación da misión á Antártida.

A coordinación das actividades que os diferentes organismos desenvolven durante as Campañas Antárticas corresponde ao Comité Polar Español. As universidades e centros implicados nos proxectos seleccionados, entre os que está o equipo galego, traballarán en temas como a sismoloxía, as especies invasoras, a meteoroloxía, os pingüíns, os glaciares, o xeomagnetismo ou a cartografía. As actividades científicas desenvolveranse principalmente na Gabriel de Castilla, na Rei Juan Carlos I e no buque Hespérides, que xa partiu cara a Antártida o pasado día 6.
O proxecto galego, liderado polo investigador da Universidade de Vigo Mariano Lastra, que actualmente se atopa noutra campaña científica, xorde como resultado de campañas previas nas que os científicos constataron a enorme cantidade de macroalgas que se descompoñen nas praias de Illa Decepción, ao norte da península antártica. A idea, segundo explicou outro dos investigadores galegos, José Mora, é avaliar a dinámica dos varamentos de macroalgas nesta baía xa que o quentamento xeotérmico é case unha constante ao longo de toda a liña de costa deste enclave, de maneira que non é raro atopar praias con fumarolas e fontes hidrotermais e destaca que esta peculiaridade condiciona os patróns de descomposición da biomasa algal, a súa colonización, consumo, fluxo de nutrientes e emisión de gases.

Cinco científicos da USC e da UVigo participarán en xaneiro na campaña da Antártida

Así, a campaña comprende varios obxectivos concretos, que pasan polo estudo espazo-temporal das algas varadas ao longo da costas intermareal, así como polo estudo do efecto da descomposición dos depósitos de macroalgas na liberación de nutrientes e materia orgánica á columna sedimentaria, á auga intersticial e ao medio costeiro nos intermareais sedimentarios de Porto Foster. Paralelamente, os investigadores tamén estudarán o efecto dos depósitos de macroalgas sobre a macrofauna bentónica nos sedimentos intermareais e o efecto do quentamento xeotérmico dos sedimentos intermareais nesta zona sobre os procesos de descomposición dos acúmulos de macroalgas e as consecuencias dese quentamento sobre as comunidades acrofaunísticas asociadas aos acúmulos de algas.
Para analizar estes procesos levaranse a cabo mostraxes de campo e varios experimentos de manipulación do medio natural. Calcularase o stock, a taxa de reemprazo e a descomposición de macroalgas en oito estacións de mostraxe distribuídas en toda a costa.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Confirmada a presenza de gripe aviaria por primeira vez na Antártida

O virus detectouse en mostras de aves mortas, achadas por científicos arxentinos nas proximidades da base 'Primavera'

Científicos galegos buscan na Antártida procesos naturais que afecten á supervivencia do planeta

Falamos co investigador Mariano Lastra, quen estuda a degradación das algas baixo distintos niveis de radiación e como isto afecta aos nutrientes dispoñibles

Cinco proxectos científicos de institutos galegos “viaxarán” á base española na Antártida

O CSIC premia a alumnado da Coruña, Lugo e O Grove no seu certame "AntarcticLab"

Oito viaxes á Antártida en 20 anos: “Chegar aquí sempre é impresionante”

Mariano Lastra encabeza o equipo da UVigo que está a investigar en Illa Decepción o efecto dos raios ultravioleta nas macroalgas