Venres 19 Abril 2024

O problema non é só Tim Hunt

Suxeríronme xa vai tempo que escribira un artigo sobre as declaracións machistas de Tim Hunt, premio Nobel. Este debe ser xa o comezo do meu oitavo e espero que definitivo artigo sobre o tema. Tendo a tentar afondar nos problemas e dar unha pequena explicación fundamentada á par que unha opinión mas neste caso non é nada sinxelo. Non é sinxelo porque cumpre afondar no patriarcado, tema do que hai ríos de tinta, nas súas manifestacións cotiás e nos efeitos que ten sobre as mulleres1 –e os homes2–; entra aquí tamén a liberdade de expresión, ou o por que non queremos ou non somos capaces de observar e estudar a nosa cultura dende un ponto de vista crítico como fixo el cos óvulos dos ourizos. Loábel é a reacción da Universidade de Londres que lle pediu a demisión ou o cese, actitude que xa quixeran para si outras organizacións máis progres.

Tim Hunt no seu despacho do University College de Londres.
Tim Hunt no seu despacho do University College de Londres.

No entanto eu escribía artigos sobre este tema dende diferentes ópticas, mulleres xa de por sí perxudicadas en múltiples facetas polo feito de ser asociadas socialmente ao xénero de muller (si, porque o xénero é unha construción cultural que é dada forma en segundo que parte do mundo, e o momento histórico) van sendo asasinadas unha tras outra, fronte a unha sensación de frustración pola miña parte por non poder facer nada, ou case nada. Con cada asasinato, cada artigo me parecía parcial e superficial. As estatísticas de agresións producen arrepíos:

Nas redes sociais lía por aí que todos os machismos firen, e o penúltimo mata. O último é o que xustifica o asasinato. É por iso que non existe un machismo verdadeiramente preocupante e outro que non o é. Que o machismo é machismo sempre e supón unha deslixitimación das mulleres no seu conxunto. Que non podemos traballar para que desapareza unha forma de machismo porque todas se sustentan mútuamente: un asasinato en golpes, un golpe nos insultos, un insulto na crenza de que existe unha superioridade de un ser sobre outro, e esa superioriade nunha maneira de pensar, de rirse das piadas, de nos relacionar.
É por iso que aquelas e aqueles que queremos facer do mundo un lugar un pouquiño mellor devemos observar e facer unha profunda reflexión do aprendido, desaprendendo aquelo que perpetúa calquer tipo de discriminación. Lidia Falcón preguntábase por que non existe o delito de apoloxía do machismo. Eu tamén. Algunhas veces algo me di que se trata dunha cuestión de privilexios, de non querer renunciar a eles: nun mundo competitivo é mais sinxelo xogar coa vantaxe de ter a compañeira na casa e non competindo por un posto de traballo que poña en entredito a nosa mal socialmente construída ‘masculinidade’3. Outras veces penso que é polo poder da ideoloxía, e polo que custa tirar a venda do machismo que temos todos e todas, na que fomos educadas e que só se trata de argumentar, de insistir… en fin, de educar. Afortunadamente este argumento refórzano os grupos de homes que se unen pola igualdade.
As solucións? Por desgraza, complexas na práctica. Algunhas son propostas que precisan dun consenso de toda a sociedade, como a coeducación (podedes atopar información sobre a coeducación pola rede), a creación de unha grande rede de coidados para persoas dependentes, acabar coa reprodución de estereotipos nos medios de comunicación (exemplo: só as mulleres limpando), oferta de axuda psicolóxica integral e asequíbel nos conflitos familiares dende concellos e/ou centros sociais… E moitas outras que incansabelmente feministas e especialistas en igualdade propoñen. Só hai que saber –e ter vontade de– escoitar.
Xa a nivel individual formarnos,  concienciarnos de que calquera pode ser vítima, de que calquera pode ser agresor, pero que non estamos predestinados nin predestinadas. Que podemos mudar, aprender a non agredir, aprender a que uns machismos matan e outros fanlles o camiño facéndonos dependentes económica ou emocionalmente; saber detetalos e paralos. Non rebaixar, ningunear, minimizar, danar, insultar ou ridiculizar a ninguén, non só ás mulleres. Se nolo fan, cando poidamos, defendernos, como ben fixeron as compañeiras científicas coa súa campaña en Twitter #DistractinglySexy. Porque nos queremos vivas, porque nos queremos respeitadas e queremos o cincuenta por cento que nos corresponde.
Referencias:
1- Doble presencia, trabajo doméstico-familiar asalariado: espacios sociales y tiempos
Neus Moreno , Salvador Moncada , Clara Llorens, Pilar Carrasquer  Instituto Sindical de Trabajo, Ambiente y Salud (ISTAS)
Universitat Autònoma de Barcelona (UAB)
2- Rompiendo el techo de cristal: los beneficios de la diversidad de género en los equipos de
dirección. Barberá, Ester;Candela, Carlos.; Chorro, J. Luis. ; Ramos, José. ; Ramos, Ma Amparo.; Sarrió, Maite.;Sevilla, Julia; Yeves, Teresa. Universitat de València -Estudi General-
3-Del sexismo hostil al sexismo benevolente: la nueva cara del sexismo en las sociedades occidentales . María Lameiras Fernández, Yolanda Rodríguez Castro, María Victoria Carrera Fernández, María Calado Otero- Unviersidade de Vigo.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores