Xoves 2 Maio 2024

Dimite un Nobel polas súas críticas machistas ás mulleres científicas

Ser billante en algo non te vacina contra a estupidez. Acontece na arte, onde un pintor ou un escritor poden ter unha vida persoal criticable. E tamén pode suceder na ciencia. É o caso de todo un premio Nobel, o científico inglés Tim Hunt, premio Nobel de Fisioloxía e Medicina no 2001, que vén de dimitir do seu cargo no University College London (UCL) polos seus comentarios sobre o comportamento das mulleres no mundo da ciencia.
“Déixenme que lles conte o meu problema coas rapazas -declarou na conferencia o Nobel de 72 anos-. Pasan tres cousas cando están no laboratorio: namóraste delas, elas namóranse de ti e, cando as criticas, choran“, foron as palabras de Hunt e que provocaron a súa dimisión. Nun comunicado, a universidade explica que Hunt “deixou o seu posto como profesor honorario tras os comentarios que fixo sobre as mulleres na Conferencia Mundial de Xornalistas de Ciencia o 9 de xuño” en Corea do Sur. “UCL foi a primeira universidade en Inglaterra en admitir mulleres en termos de igualdade cos homes e a universidade cre que este desenlace se axusta ao noso compromiso coa igualdade de xénero“, sinala a nota.

Hunt recoñeceuse como ‘machista’ e dixo que quería ser gracioso

Os comentarios de Hunt, polos que o científico se desculpou onte -aínda que mantivo o seu contido-, suscitaron un aluvión de críticas de científicas e institucións de investigación. A Royal Society, prestixiosa asociación científica británica da que Hunt é membro dende 1991, tamén se distanciou dos comentarios.
Hunt explicou a BBC que as súas afirmacións pretendían ser graciosas, aínda que recoñeceu que cometeu “unha estupidez” ao dicilo en presenza de tantos xornalistas. “Subscribo a parte dos problemas coas rapazas. É verdade que a xente… eu namoreime nun laboratorio e namoráronse de min e é moi perturbador para a ciencia porque é moi importante que nun laboratorio a xente estea en termos de igualdade”, xustificou. “Estes enredos emocionais fan a vida moi difícil”, aseverou o científico, que lamentou se “ofendera” e dixo que só intentara “ser sincero”. O premio Nobel describiuse a si mesmo como «machista» na conferencia e avogou por separar homes e mulleres nos laboratorios.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un cento de persoas participan na Domus nun congreso científico para estudantes

Os catro gañadores do evento poderán gozar dunha estancia de dúas semanas xunto a grupos de investigación da UDC

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade