Venres 19 Abril 2024

O lixo mariño protagoniza un novo vídeo de Divulgare

O obxectivo é ir concienciando á sociedade sobre a dimensión dun problema con graves consecuencias

Divulgare estrea esta semana un novo vídeo, un traballo centrado nesta ocasión no tema do lixo mariño co que se busca pór a disposición do público novos materiais cos que ir concienciando á sociedade sobre a dimensión dun problema con graves consecuencias para a saúde e a seguridade humana e que ocasiona tamén graves perdas económicas.

Esta nova peza audiovisual está realizada ao abeiro do programa CleanAtlantic, proxecto liderado polo Centro Tecnolóxico do Mar, Cetmar, e que ten como obxectivo a protección da biodiversidade e os servizos ecosistémicos no espazo atlántico por medio da mellora das capacidades de prevención, monitorización e eliminación do lixo mariño. Financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico (2014-2020), este proxecto fomenta a concienciación e o cambio de hábitos na sociedade actual.

Publicidade

“Desde Divulgare levamos anos colaborando co Cetmar e nesta ocasión volveron contactar con nós para formularnos a posibilidade de realizar esta peza audiovisual”, explica o profesor Luis Navarro, responsable de Divulgare, o proxecto de divulgación do Grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo, quen insiste en que o vídeo, unha peza de algo máis de seis minutos de duración, ilustra esta problemática e como está traballando CleanAtlantic para atallala.

A nova peza vai divulgarse en toda Europa e nos Estados Unidos

Dispoñible en castelán e inglés e tamén con subtítulos en francés e portugués, a peza vaise distribuír por toda Europa e a idea é trasladala tamén a Estados Unidos, xa que o lixo mariño é un problema global. “No proxecto participan 19 socios de cinco países e desde o Cetmar xa se están a encargar de trasladalo a todas esas entidades para que cada unha delas poida difundilo nos seus respectivos ámbitos”, explica Navarro.

“No proxecto CleanAtlantic estamos mellorando o coñecemento e as capacidades de prevención, monitoraxe e redución do lixo no medio mariño”, explica no vídeo Marisa Fernández, coordinadora do proxecto, quen tamén recalca que o proxecto fai unha aposta clara por incrementar o grao de sensibilización social sobre este problema, desenvolvendo materiais de concienciación e organizando diferentes actividades dirixidas a facilitar un cambio de hábitos poboacionais cara un comportamento máis sostible.

Desde Divulgare levan anos traballando no denominado antropoceno, “o período xeolóxico no que estamos na actualidade e que está caracterizado polos problemas que está xerando a actividade humana para a vida no planeta”, explica Navarro, que insiste en que neste contexto de cambio global, inclúese, por exemplo, o cambio climático, “que é o que a maioría da xente coñece, pero a maiores deste hai moitos outros problemas xerados tamén pola actividade humana, como é o caso do lixo mariño, un tema que consideramos bastante preocupante, polo que tiñamos bastante interese en centrar un dos nosos vídeos nesta temática”.

Se ben este é o primeiro vídeo que centran no tema do lixo mariño, Divulgare conta xa cunha dilatada traxectoria na publicación de diferentes pezas audiovisuais sobre contaminación mariña, sobre todo por hidrocarburos e outro tipo de vertidos químicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península