Os 25 anos da ‘resurrección’ da balea vasca en Estaca de Bares

O 5 de decembro de 1993, dous mozos, Pancho Arcos e Iago Mosqueira, estaban observando aves preto da Estaca de Bares. Non esperaban que de súpeto se ían atopar o que foi un dos avistamentos de cetáceos máis importantes dos últimos decenios en augas galegas. Aquel día emerxeu á superficie un exemplar de Eubalaena glacialis, a coñecida como balea vasca ou balea franca do Atlántico Norte.

Nese momento, a balea vasca estaba en serio perigo de extinción, despois da masiva caza que obrigou a unha moratoria comunitaria para salvalas da posible desaparición. Aínda segue sendo unha das máis ameazadas do planeta. Coincidindo co día no que se cumpren 25 anos daquel histórico avistamento, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), publicou nas redes un vídeo no que lembra o fito.

“Iamos ver paxaros e de súpeto apareceu un vulto enorme dun mamífero mariño”, lembra Pancho Arcos

Alfredo López, coordinador da Cemma, e Pancho Arcos, un dos mozos que avistou o exemplar de balea vasca, lembran o que aconteceu. “Iamos ver paxaros. Facía frío, e estabamos incómodos, pero de súpeto apareceu un vulto enorme dun mamífero mariño, pero non lle prestamos máis atención. Pero entón, sae da auga e deu un salto. Quedamos fríos”, lembra Arcos.

Pola súa parte, López conta: “Parecíanos incrible, así que o comentamos con expertos como Álex Aguilar, para que nos confirmara totalmente que era unha balea vasca. Foi un avistamento relevante, e seguira séndoo por moito tempo”.

Foi, desde entón, a última vez que se viu unha Eubalaena glacialis na costa galega. “A posibilidade sempre está aí, se son exemplares divagantes das costas americanas que poidan desprazarse fóra da zona habitual de distribución. Obsérvanse algunha en Islandia e nos Azores, así que non é imposible, pero si difícil. Depende moito de como estea a poboación americana”, conclúe López.

Outra das imaxes da balea vasca tomada por Iago Mosqueira.

A caza de baleas na Península foi moi abundante durante séculos. Os mariñeiros vascos foron pioneiros nesta actividade, comezando polo Cantábrico, estendéndose despois ao resto da costa ibérica e chegando ata as augas de Terranova ou Labrador. A relevancia da actividade chegou a facer que a Eubalaena glacialis fose bautizada popularmente como balea vasca. Estudos xenéticos recentes nos que participou a Cemma confirmaron que esta era a especie capturada hai séculos en augas galegas.

O ano pasado, Galicia foi de novo testemuña de avistamentos moi esperanzadores para o futuro destes grandes cetáceos. A presenza de varios exemplares de balea azul (Balaenoptera musculus), xerou unha grande expectación entre os científicos e apaixonados do mundo mariño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.