Venres 19 Abril 2024

Unha tese identifica as fontes de humidade dos ciclóns tropicais

Un dos principais riscos deste fenómeno son as precipitacións intensas, que poden ocasionar inundacións e deslizamentos de terra

Os ciclóns tropicais, explica Albenis Pérez, constitúen “unha ameaza persistente cada ano para as rexións tropicais e subtropicais”. Tendo en conta o seu impacto, na súa tese de doutoramento, este investigador da Universidade de Vigo identificou as fontes de humidade para a precipitación producida por estes sistemas meteorolóxicos nas seis concas do mundo con actividade ciclónica.

A tese, que levou por título Modeling of moisture transport associated with tropical cyclones, estivo dirixida polos físicos e catedráticos da Universidade de Vigo Luís Gimeno e Raquel Nieto e foi defendida na Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Ademais, foi realizada no marco do Programa de Doutoramento en Auga, Sostibilidade e Desenvolvemento, do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga, e foi posible grazas ás axudas para contratos predoutorais da UVigo. Licenciado en Meteoroloxía polo Instituto Superior de Tecnologías y Ciencias Aplicadas de Cuba e Máster en Ciencias Meteorológicas pola Universidad de La Habana, Albenis Pérez fixo a súa tese no marco do grupo de investigación EPhysLab (Environmental Physics Laboratory- Centro de Investigación Mariña) da Universidade de Vigo, do que forma parte.

Publicidade

Segundo comenta o xa doutor, un dos principais riscos asociados a estes sistemas meteorolóxicos, aos ciclóns tropicais, son as precipitacións intensas, que poden ocasionar inundacións e deslizamentos de terra nas rexións afectadas. Polo tanto, afirma, “entender a orixe da precipitación xerada por un ciclón tropical ao longo da súa traxectoria é de crucial importancia para a redución de riscos e vulnerabilidades”. Os ciclóns tropicais, detalla Albenis Pérez, actúan como unha fonte de auga doce mediante o transporte de humidade desde os océanos á terra, contribúen aos acumulados mensuais de precipitación durante a tempada ciclónica e á atenuación de episodios de seca. “Polo tanto, xogan un papel esencial no ciclo hidrolóxico nos trópicos e subtrópicos”, indica.

O investigador da UVigo explica que “é ben coñecido que a principal fonte de enerxía para os ciclóns tropicais é a liberación de calor latente da condensación do vapor de auga provinte da evaporación sobre a superficie oceánica”. Con todo, engade, “os estudos previos existentes na literatura non establecen que rexións oceánicas son predominantes no achegue de humidade en función da posición e traxectoria destes sistemas”. Para identificar a orixe da humidade que orixinou a precipitación, Albenis Pérez aplicou na súa tese de doutoramento un método lagrangiano de diagnóstico de fontes de humidade.

Resultados

Segundo subliña o xa doutor pola Universidade de Vigo, os resultados principais da investigación realizada revelan que “ hai diferenzas na distribución espacial das fontes de humidade en cada conca, as cales están relacionadas coas particularidades da actividade ciclónica en cada unha delas, que a humidade precipitante gañada polos ciclóns tropicais provén fundamentalmente de fontes locais e que os sistemas con categoría de furacán 1 e 2 na escala Saffir-Simpson tenden a gañar máis humidade para xerar precipitación que no resto das fases de desenvolvemento”.

Os resultados da investigación, comenta Albenis Pérez, tamén mostran que “a maior absorción de humidade ocorre xeralmente dentro dunha área situada aproximadamente ata 3º-5º respecto á traxectoria”. Igualmente, engade, permiten afirmar que “a evaporación de fontes locais non pode explicar completamente a precipitación dos ciclóns tropicais, destacando o papel da converxencia de baixo nivel asociada coa circulación secundaria no transporte de humidade cara a parede do ollo do ciclón”. Na súa tese de doutoramento, o investigador de EPhysLab tamén estima o tempo medio de residencia do vapor de auga para a precipitación xerada polos ciclóns tropicais, atopando que “o vapor de auga desde a evaporación ata a precipitación tende a permanecer menos tempo na atmosfera durante a ocorrencia dos ciclóns tropicais”.

Por último, Albenis Pérez sinala na súa tese que “os resultados poden apoiar o prognóstico de choiva asociado cos ciclóns tropicais e, á súa vez, os posibles impactos negativos (inundacións) e positivos (atenuación de período de seca) no ciclo hidrolóxico continental e os efectos socioeconómicos asociados”. Asemade, engade, “no contexto do quecemento global, os resultados do estudo son unha referencia para identificar os cambios nas fontes de humidade para a precipitación dos ciclóns tropicais nun clima máis cálido”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña
00:00:21

A galega Ana Ulla participa no achado do buraco negro estelar máis masivo da Vía Láctea

O denominado ‘xigante durmido’ ten unha masa de case 33 veces a do Sol e está a menos de 2000 anos luz da Terra

A UVigo lanza unha serie de podcast para concienciar sobre as doenzas cardiovasculares

As actividades, organizadas dentro do plan 'Ciencia de ida e volta', inclúen charlas en colexios e institutos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático