A USC deseña un sistema pioneiro de monitorización da humidade en cultivos de mosca soldado negra

O proxecto desenvolve un modelo que permita aumentar a produción de proteínas, graxas e fertilizante de forma máis eficiente e sostible

O grupo de investigación de Proxectos e Planificación (PROePLA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) lidera un proxecto para desenvolver un sistema pioneiro de monitorizarización do control da humidade na biorrefinería de Palas de Rei (Lugo) da empresa Bioflytech, especializada na fabricación de produtos derivados de larva de mosca soldado negra. A humidade é unha das variables determinantes no proceso de engorde desta especie e resulta fundamental para a súa supervivencia e crecemento.

O proxecto, desenvolvido pola empresa a través da súa filial Alfaprogal (Alternative Fats and Proteins of Galicia), busca, coa posta en marcha de novas tecnoloxías de visión artificial e sensorización, establecer un modelo de apoio á toma de decisións, replicable a outras factorías, que permita automatizar o proceso para aumentar a produción con maior eficiencia e sustentabilidade.

Publicidade

“Trátase dun estudo complexo e novo polo tipo de biomasa coa que traballa Bioflytech. Ao ser seres vivos, no proceso de engorde das larvas inflúen multitude de variables. Desde o seu manexo, a temperatura, o tipo e achega de penso e auga ata a súa distribución. Nesta fase ocupámonoss de monitorizar a toma de decisión vinculada á humidade do cultivo”, explica o profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo Tomás Cuesta, investigador principal do proxecto. 

Un desafío: ciclo curto de crecemento e tamaño reducido

“As larvas de mosca soldado negra teñen un ciclo moi curto de crecemento e hai que adoptar medidas e actuar con gran rapidez. Se hai pouca auga, a larva morre, e se hai en exceso, deixa de desenvolverse, polo que é necesario lograr a humidade perfecta”, sinala Cuesta. A isto hai que engadir o reducido tamaño das larvas, o que dificulta aínda máis o seguimento e a operativa. “O noso obxectivo é atopar un parámetro facilmente identificable que nos sirva de referencia para tomar decisións de rego dos cultivos en base a un patrón común”, engade.

Publicidade

Solución mediante machine learning

Nas naves de Bioflytech situáronse termómetros de medición da temperatura ambiente e da temperatura e humidade no cultivo, sensores e tecnoloxía de visión artificial cos que se recollen, cada hora, datos dos cultivos. A través de programas de machine learning, a información obtida crúzase coa da toma de decisións, o que permitirá lograr resultados para estandarizar o control do rego durante o proceso de engorde e estabilizar o modelo de biorrefinería de insectos para obter graxas, proteínas e fertilizante de alta calidade.

A alianza coa USC permite a Bioflytech intensificar os seus plans de I+D+i, contando coa experiencia, o equipamento científico e a excelencia investigadora da institución académica. “Para a nosa empresa, contar co aval científico e o rigor da USC é un paso fundamental para consolidarnos como unha empresa competitiva, innovadora e de futuro, cun modelo de gandería estratéxica alternativa á tradicional, máis sostible e tecnolóxica, e con gran potencial de crecemento”, explica Jesús Rodríguez, CEO de Bioflytech.

O proxecto, co que se agarda alcanzar os primeiros resultados o próximo mes de outubro, está financiado polo programa IGAPE Innova, dirixido a mellorar a capacidade de innovación das empresas galegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro