Mércores 8 Maio 2024

Un proxecto da UDC sobre lingüística computacional recibe fondos europeos

O Consello Europeo de Investigación financia con 150.000 euros o programa, o único galego seleccionado na última convocatoria

Un proxecto do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), liderado polo investigador Carlos Gómez Rodríguez e centrado na lingüística computacional, recibirá 150.000 euros de fondos europeos. A inciativa acaba de ser seleccionada polo Consello Europeo de Investigación (ERC) na categoría Proba de concepto, a liña que dá cobertura a proxectos de innovación comercializables. Efficient Syntactic Analysis for Large-scale Sentiment Analysis (SALSA), que así se denomina, é o único proxecto que ERC recoñece nesta última convocatoria.

Máis polo miúdo, o obxectivo de SALSA é crear algoritmos que ‘traduzan’ a linguaxe natural a contornas dixitais actuais propias da intelixencia artificial; e os códigos, ferramentas e programas informáticos propios da chamada lingüística computacional. A investigación das tecnoloxías da linguaxe é a clave desta disciplina científica que conxuga o traballo de tecnólogos como matemáticos, informáticos ou enxeñeiros, co de lingüístas e outros especialistas das humanidades. Trátase dun campo interdisciplinar que se ocupa do desenvolvemento de formalismos que describen o funcionamento da linguaxe natural para que poidan ser transformados e, por tanto, procesados, en programas executables por un dispositivo tecnolóxico.

Publicidade

Este programa é a continuación do tamén financiado polo ERC en 2016, finalizado recentemente, Fast Natural Language Parsing for Large-Scale NLP (FASTPARSE), responsable, entre outros fitos, de deseñar o algoritmo capaz de axilizar a lectura do Quixote reducíndoa a tan só 20 segundos sen deteriorar a súa calidade conceptual. A finalidade deste innovador proxecto foi desenvolver novas técnicas para mellorar a velocidade dos analizadores sintácticos da linguaxe natural, facéndoos adecuados para o procesamento a escala web.

Software máis accesible e económico

“Acelerar enormemente a análise das opinións presentes en textos da linguaxe natural para facelas máis fáciles de interpretar pola intelixencia artificial é o que buscamos con este proxecto”, sinala Carlos Gómez, que lembra ademais que o principal obxectivo de SALSA é “democratizar a análise de datos da internet e redes sociais e transformalos en coñecemento para tomar decisións, utilizando os modelos e algoritmos de análises sintáctico desenvolvidos no proxecto ERC Starting Grant FASTPARSE para crear sistemas de análises de sentimento que sexan á vez precisos e eficientes (ao empregar analizadores rápidos que poden procesar da orde de 1.000 oracións por segundo en hardware estándar de consumo)”, apunta o investigador do CITIC.

SALSA seguirá un modelo de negocio de software de código aberto e pretende contribuír, en gran medida, á competitividade do mercado tecnolóxico da Unión Europea, “reducindo a súa dependencia do oligopolio de xigantes tecnolóxicos. Ademais de crear oportunidades para idiomas como o galego, non prioritarios para as multinacionais”, lembra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O ChatGPT español falará galego: Pedro Sánchez comprométese co Proxecto Alia

O director científico do CiTIUS, Senén Barro, presentou xunto ao Centro Nacional de Supercomputación o plan de desenvolvemento dos modelos de linguaxe

Un cento de persoas participan na Domus nun congreso científico para estudantes

Os catro gañadores do evento poderán gozar dunha estancia de dúas semanas xunto a grupos de investigación da UDC

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna